domingo, 17 de marzo de 2024

Branca Vela

Hai unhas semanas veu o gaiteiro Xosé Manuel Budiño ao Teatro Colón da Coruña para presentar o seu novo disco "Branca vela". Por razóns que non veñen ao caso, recibín repetidos avisos dese concerto, así que decidín darlle unha nova oportunidade, pero non o tiña eu demasiado claro, e non me equivocaba, porque non me gustou nada o seu novo espectáculo. Pero seguramente haberá que concretar un pouco como foi a traxectoria de Xosé Manuel Budiño, dende a miña perspectiva, para entender o comentario anterior. 

Budiño comezou a súa traxectoria "en solitario" (antes estivera nun grupo chamado Fol de Niu) en 1997, no medio do gran "boom" do folk galego, sacando un disco titulado "Paralaia", que era unha marabilla. Tanto debía ser, que en 2017 reeditouno aproveitando o 20 aniversario. Por sorte, o son desa reedición era o orixinal remasterizado ou algo así (despois entenderedes por que digo isto).

Despois dese comezo tan potente, todos tiñamos moitas ansias por saber o que faría despois, pero non me digas por que, os seus seguintes traballos non tiveron demasiada difusión (supoño) porque daquela non cheguei a oílos, e creo que fixen o esforzo de intentalo, e agora tampouco son demasiado doados de atopar.

O caso é que uns anos despois volveu tocar na Coruña, lembro que fun ao concerto cuns colegas, e saín completamente decepcionado. A formación do grupo e, sobre todo, o son, eran completamente diferentes, totalmente volcado na electrónica. Dende aquelo deberon pasar uns 15 anos, tranquilamente, e o que percibín o outro día foi o mesmo. Non sabería concretalo, pero facilmente o 75% do que se escoita está pregravado, e moitos dos sons que supostamente se executan no escenario non se perciben, agás voces e percusións. Creo que non me vai ver noutra. Os discos aínda se escoitan, pero a experiencia de ver a banda en directo a min resúltame moi desagradable.

A xira estaba anunciadísima dende hai meses, pero polo que comentou no concerto, algún dos músicos que agora semella esencial no grupo coñeceuno un mes antes. Prefiro non pensar demasiado en contradicións como esa. A banda actual está formada por el mesmo, Tania Caamaño en voces e percusión, Inés Salvado tamén nas voces e percusións, Fran Boutureira en voces, percusións, acordeón e teclado, e incluso algunha vez unha guitarra que non se escoita en absoluto, e Fran Barcia en voces, percusións, acordeóns e teclados.

Non sei se o captastes, pero todos os integrantes do grupo cantan e tocan a percusión. Budiño tamén canta e sóame que toca algunha percusión. Na ficha técnica do grupo di que tamén toca a guitarra. A verdade é que non lembro verlla tocar, pero se o fixo, non se escoitou. Pois iso, en non poucas ocasións, o único que se escoitaba eran as voces e as  percusións que xeraban os cinco simultaneamente, pero por baixo diso, había un chorro de son enxordecedor que ninguén estaba producindo naquel intre, estaba pregravado. Patético.

Por outra banda, parece que dende hai varios discos, Budiño decidiu sacar a pasear a voz. Non ten mala voz, pero tampouco é nada doutro mundo, na miña opinión. Aproveitando que meteu na banda a varias persoas cunha voz superdotada, se cadra debería deixarlles o seu espazo. Obviamente, si se escoitan os instrumentos que el toca, como gaita ou frautas (menos mal), que niso el si que era superdotado.

Saúdos.



Resoando no pasado

Debe ser a terceira vez que vexo actuar a este portento de Sarria, que fai soar calquera cousa, por arcaica ou pouco sofisticada que pareza, que poida asemellarse a un instumento de vento. Pero nesta ocasión a proposta chegou por unha vía pouco convencional. Eu estou moi atento a todo o que pasa na miña cidade a nivel cultural, pero hai determinados auditorios, como o que ten Abanca no seu soto dos Cantóns, aos que non é nada doado seguirlle a pista. Aí tocou Abraham Cupeiro nesta ocasión, e eu puiden ir porque a uns colegas lles sobrou unha entrada.

Nesta ocasión vin o seu espectáculo "Resoando no pasado", unha especie de concerto didáctico, no que está el só no escenario, e vai tocando un bo feixe de obxectos e instrumentos de vento variados, explicando un pouco da súa historia e características físicas e técnicas. Obviamente, resulta fascinante, polo seu virtuosismo e polo curioso dalgúns experimentos sonoros.

Agora mesmo non lembro en que consistíu o primeiro concerto que lle vin no Teatro Colón, só lembro que impresionaba verlle tocar o "carnyx" (se non sabedes o que é, a documentarse). Si sei que o segundo foi hai ano e medio (ou menos), que o fixo acompañado da Orquestra Gaos, e no que presentou o seu disco "Panxea", no que tocaba instrumentos de vento de todo o mundo. Foi fantástico e á saída merquei o disco sen discusión, que gozada!!

Saúdos.



Ron Lalá: 4x4

Hai pouco fixen un pequeno experimento que me gustou moito, e que espero poder repetir, sempre que a ocasión o requira e o mereza. Só unha vez na miña vida fun a Santiago (ou sexa, saín da cidade da Coruña) para ir a un concerto, concretamente a un de Jethro Tull a finais dos anos 90, sen saber que os vería dúas veces máis na miña cidade.

Con teatro, saín máis veces, pero sempre a lugares máis cercanos. Fun varias veces a Carballo (hai anos), varias veces a Oleiros, algunha que outra a Culleredo e Betanzos, pero nunca fora a Arteixo (de feito, nin sequera sabía onde estaba o seu auditorio, se é que o tiñan). Pois hai aproximadamente un mes, vin que había alí un espectáculo que tiña moi boa pinta, e animeime.

O espectáculo era "4x4", un compendio dos mellores fragmentos dos catro primeiros espectáculos da compañía madrileña Ron Lalá. Nunca vin actuar a este grupo, pero sabía que viñera varias veces á Coruña nos últimos anos, ás veces sós e noutras ocasións en coproducións con outras compañías prestixiosas, e pareceume unha boa opción. Os títulos desas catro primeiras montaxes son "Se dentro dun limón, metes un pardal, o limón voa" (de feito, o logotipo da compañía é un limón con ás), "Shhh! A ameaza do Rei do Silencio", "O meu misterio do interior" e "Mundo e final". A compañía naceu a finais do século XX pero a primeira obra é do 2002.

Resultaron moi simpáticos. Fan unha comedia moi áxil con moita música e canto, sempre moi satírico, en bastantes ocasións con certa forma de teatro clásico. Claro, e se collen os mellores fragmentos das súas catro primeiras obras (onde aínda terían o talento bastante intacto), moi mal non pode quedar. Lembro especialmente uns números de flamenco con letras moi disparatadas, e un número onde un dos personaxes falaba sempre con palíndromos (capicúas con letras), incluso frases moi longas que resultaban moi divertidas.

Por certo, o auditorio que está no centro de Arteixo non está nada mal, ten capacidade para 300 persoas e aparcamento abundante ao seu carón. Non parece que a súa programación sexa de gran calidade, pero espero que de cando en vez teña perlas como estas.

Saúdos.



sábado, 9 de marzo de 2024

Vémonos mañá

"Vémonos mañá" é a segunda e última novela (o tempo non deu para máis) que lin durante o Entroido que pasei este ano en Santiago de Compostela, para desconectar da estresante rutina. A razón principal pola que merquei esta novela baseada en historia real é que me atrae moito a vida dun dos protagonistas principais da mesma. O seu nome foi Bibiano Fernández Osorio-Tafall, foi un grande biólogo galego e tamén foi un importante cargo político durante a II República e despois no exilio, chegando a ser incluso ViceSecretario Xeral da ONU (seguramente moi poucos galegos saben que un galego chegou a ese cargo). Esta novela fala da historia entre el e a súa muller Josefina Arruti e a súa familia, que foi ben curiosa.

Como o autor di nalgunha ocasión (como no epílogo), o libro é unha mestura de ficción e realidade, e claro, non teño claro que elementos son ficción e cales son totalmente reais. Seguramente nalgún fragmento do vídeo de case hora e media que poño a continuación menciona algo diso.

O caso é que Bibiano e Josefina xa casaran antes da Guerra Civil e incluso tiñan xa tres fillos, pequenos aínda. No final da II República xa vivían en Madrid porque Bibiano tiña alí cargo político, e era un dos representantes galegos que foron presentar o Estatuto de Galicia recentemente aprobado en plebiscito. Se non lembro mal, Josefina estaba embarazada do seu fillo máis pequeno, comezou a atoparse mal, e decidiron que ela marchara cos nenos para Pontevedra. En canto Bibiano participara no acto de entrega do Estatuto no Congreso dos Deputados, uniríase a eles en Galicia. Pero iso nunca chegou a suceder, porque xusto ese día comezou o golpe militar, e aparte da limitación de movementos, Bibiano era un persoeiro importante en Madrid e tiña cargos que non podía desatender. 50 anos máis tarde, pouco antes de morrer, Bibiano volveu ver aos seus fillos, pero non chegou a ver a Josefina, porque ela finalmente non quixo asistir. Polo visto, non lle facía moita graza coñecer á que fora a compañeira do seu marido durante as últimas décadas que estivo exiliado en México.

O que máis me chamou a atención da novela foi o "suposto equívoco" que provocou a separación total da familia (porque non sei se a realidade é como a contan alí, ou se nese punto hai algo de ficción). Polo visto, nos primeiros meses da Guerra Civil estivo buscándose a posibilidade dun "canxe de prisioneiros" que favorecese á súa familia. Josefina, os seus fillos e a súa sogra (a nai de Bibiano) vivían xuntos en Pontevedra, pero baixo arresto domiciliario, e a situación non era nada cómoda, xa que os falanxistas tíñanlle moitas ganas á familia dun alto cargo republicano. Xurdiu a posibilidade de canxear a súa liberdade e deixalos marchar para Madrid xunto a Bibiano, a cambio da liberdade dun importante líder falanxista que fora apresado. Cando todo estaba preparado para o intercambio, non se levou a cabo porque a familia de Pontevedra dixo que non o aceptaba. Isto afundiu a Bibiano, que decidiu xa romper lazos coa súa familia e esquecelos.

Pero na parte final da novela desvélase (pero non sei se realmente foi así) que Josefina e os fillos non chegaron a saber nada disto. A negociación foi entre a nai de Bibiano, que era católica ferviente e ía a misa todos os días, e un frade que foi uns días concretos a dar misa á igrexa á que ía ela. O frade fíxolle a proposta, ela non lle dixo nada ao resto da familia e unilateralmente rexeitou a proposta. Supostamente a razón foi que dese xeito a súa importancia na familia seguiría sendo relevante, porque senón ela quedaría absolutamente soa en Pontevedra, xa que o canxe significaría que o resto da familia marcharía para Madrid, pero ela non. Xa digo, non sei que parte é certa desta historia, pero resulta moi interesante este matiz.

Saúdos.



Beleza vermella

"Beleza vermella" de Arantza Portabales, foi un dos dous libros que lin durante este Entroido, nos fantásticos días que pasei en Santiago de Compostela, para desconectar da estresante rutina. Nos últimos xa lin algunha obra máis desta autora, que destaca por ser a máis coñecida autora (muller) de novela negra en galego. Non son un gran amante deste xénero, pero recoñezo que a entrada dunha muller nese couto habitualmente masculino si me pareceu un dato ben refrescante (seguramente "refrescante" non é o adxectivo que lle guste demasiado aos amantes tradicionais deste xénero). 

Non hai moito lin "A vida secreta de Úrsula Bas" e tamén me gustou bastante. Supoño que non teñen gran calidade literaria, pero non están mal escritas e entreteñen bastante, tampouco lle pido tanto á literatura. Foi unha das primeiras novelas da autora, que agora xa publica con certa frecuencia, creo que na miña biblioteca xa teño outra súa agardando para ser lida, pero esa chegou por un agasallo, seguramente significa que xa está comezando a ser famosa.

Non vou desvelar moito da trama, non moito máis do que a sinopse xeral que vén na contraportada do libro. Aparece unha rapaza nova asasinada dun xeito moi "artístico", e resulta que esa "performance" lembra totalmente a unha obra da súa tía, xa falecida, que era unha reputada artista de vangarda coa que a rapaza se levaba moi ben e pretendía emular no futuro. Iso sucede na casa dos seus pais, nuns días na que a tiñan castigada por algunha razón (xa digo que era moi nova, post-adolescente), e na casa nese momento só están un número moi limitado de persoas, que parecen ser os únicos sospeitosos, xa que semella altamente improbable que alguén de fóra se colara na casa nesa noite.

A cargo da investigación están unha parella de policías, un home ao frente, e unha espilida axente que lle axuda, pero que achega grandes ideas para a solución, que está intentando reivindicarse profesionalmente, pero entre os que xurde tamén algunha tensión sexual. Supoño que por ser a autora unha muller, principalmente o policía home non é de costumes tan sórdidas como acontece na novela negra escrita por homes, pero vaia, algún secretiño chungo tamén ten que esconder.

Saúdos.



sábado, 2 de marzo de 2024

O auto do Castromil

Tamén xa debe haber máis dun mes que fun ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña para ver a obra "O auto do Castromil". Eu inicialmente pensaba que esta obra era de Manuel María, pero debía estar eu confundido, simplemente ganou o III Premio de Proxectos Teatrais Manuel María. Foi unha coprodución de Producións Teatrais Excéntricas e o Centro Dramático Galego, e semella que a principal figura detrás desta obra é Quico Cadaval, o cal non é pouca garantía.

No elenco están Victor Mosqueira, Patricia Vázquez, Marcos Orsi e Rocío González, nun plano de igualdade, os catro aparecen máis ou menos coa mesma frecuencia. A dirección e dramaturxia son de Quico Cadaval, e no equipo técnico están clásicos do teatro galego como Piti Sanz ou Marcos PTT Carballido. Vendo esta alineación, a cousa non podía saír mal.

A historia é ben curiosa. Supostamente, Ramón Otero Pedrayo vén dar unha conferencia a Compostela (en torno aos anos 50, creo), e cando volve para Ourense no Castromil, queda durmido polo cansancio, e ten unhas ensoñacións nas que reflexiona sobre a historia de Galicia, unha das súas especialidades. Unha das cousas máis simpáticas da obra (que ten bastantes) é que, en determinados momentos, as narradoras da obra son as maletas que inicialmente ían na baca do autobus, pero que deciden revelarse e baixar ao interior do mesmo, porque lles parece inxusto viaxar en lugar tan perigoso e exposto. E cada maleta representa máis ou menos o caracter do seu propietario ou propietaria. Obviamente, a maleta de Pedrayo é  a máis sabia e erudita de todas.

Saúdos.



As pombas de Carboeiro

Como fago moi de cando en vez (teño moitas obras deste tipo aínda por ser lidas, pero quero dosificar), hai xa máis dun mes lin un cómic titulado "As pombas de Carboeiro". Os autores son Inacio Vilariño (guión) e Iván Suárez (debuxos), e neste caso incluso poderíamos falar da música de Benxamín Otero, pero iso xa o comentarei despois, porque seguramente non sabedes que pinta a música nun cómic.

Como case sempre, a obra foi publicada por Demo Editorial, a magna empresa de Manel Cráneo. Manel ten moita querenza pola Idade Media, e non sei se esta obra foi un encargo del ou se lle chegou por outra vía, pero se foi así, seguro que namorou axiña.

A historia está ambientada en Galicia a comezos do século XIX. Un batallón do exército napoleónico chega ao mosteiro do Carboeiro (na comarca do Deza, se non estivestes alí, é unha visita moi recomendable) para establecer alí unha base, e atopan alí pechado a un monxe ao que liberan, e co que axiña fan boas migas.

Despois dunha cea cunha amigable charla, os franceses dinlle ao monxe que ao día seguinte van comer unhas pombas que aniñan no mosteiro. Pero o monxe cóntalles unha fermosa historia de amor ambientada na Idade media, cun terrible final, e que está moi vinculada (segundo as lendas) coa existencia desa colonia de pombas, polo que desaconsella totalmente que coman eses animais.

Como detalle curioso, diremos que a parte da obra que ten lugar no século XIX está pintada en escala de grises, mentres que a parte de historia ambientada na Idade Media está pintada con cores moi vivas e rechamantes. Outro detalle é que aparece en varios lugares o "tarot de Marsella", que debía ser un xogo de cartas do tarot típicas de Francia ao que parece que o exército napoleónico lle facía certo caso, pero vaia, isto último xa é unha especulación miña.

E que pinta a música en todo isto, diredes? Xunto coa obra en papel, vén un CD coa interpretación da historia con voces que narran e coa música da Banda de Música de Lalín. Na páxina web da emisora podes descargar a versión instrumental ou dramatizada con voces. Ou sexa, outra perla de Demo Editorial, das que últimamente estamos disfrutando moito.

Saúdos.



A velada de Londres

Acabo de asistir á estrea da obra teatral "A velada de Londres", a cargo da compañía ButacaZero. O director da maioría das obras d...