sábado, 21 de outubro de 2023

Miss Espanha

Hai uns días chegaba a Coruña unha peza teatral que me interesaba por varias cousas. O título era "Miss Espanha" e era representada por Iria Pinheiro. Acabo de enterarme que a compañía que a poñía en escena chámase Compañía Eléctrica. Foi no Fórum Metropolitano.

Interesábame moito sobre todo porque estaba centrada na figura de Emilia Docet, unha viguesa que foi unha nadadora famosa no primeiro tercio do século XX, que tamén foi Miss España no ano 1933, e aque ademais pertenceu ao Partido Galeguista naquela época, que foi unha das mellores da súa historia. Pouco despois chegou o franquismo e obviamente xa tivo moitos máis problemas, sobre todo pola súa adscrición política.

A obra non me gustou demasiado. Teño a sensación de que esta figura daba máis de sí, ou que probablemente (para min, claro) había formas máis atractivas de tratala.

Saúdos.



As minas do rei Salomón

Un día destes botaban nunha cadea da TDT a película "As minas do rei Salomón", que lembraba ter visto parcialmente no pasado, e decidín completala, a ver que tal. É unha película típica dos 80, cando se iniciaron varias sagas de películas de aventuras, como as de Indiana Jones e as protagonizadas por Michael Douglas e Kathleen Turner. Pero aínda se pasa o tempo.

Foi dirixida en 1985 por John Lee Thompson (pero houbo versións previas en 1937 e 1950), e está baseada nas novelas de Henry Rider Haggard. O protagonismo principal, obviamente, é para Richard Chamberlain (facendo do aventureiro Allan Quatermain), que é contratado por Sharon Stone (a aventureira Jesse Huston, que está buscando ao seu pai arqueólogo). Hai algúns secundarios ilustres como Herbert Lom ou John Rhys-Davies. Creo que foi a primeira película importante de Sharon Stone e chama a atención que Rhys-Davies tamén tiña un papel destacado nas películas de Indiana Jones, que comezaron tamén nesa época.

A trama non ten moita ciencia. Nalgún remoto lugar de África, Jesse Huston contrata a Allan Quatermain para localizar ao seu pai, que é arqueólogo. Este está secuestrado polos alemáns (que ninguén se veña arriba cos nazis, teoricamente a historia transcorre a finais do século XIX) coa complicidade dalgúns caciques e traficantes africanos. Téñeno secuestrado porque supostamente atopou un mapa para localizar as minas do rei Salomón, ás que obviamente queren chegar todos de primeiros.

Saúdos.



domingo, 15 de outubro de 2023

O libro dos trens

Hai uns anos merquei un libro que traía relatos ambientados en trens escritos por autores e autoras galegas. O tren é o medio de transporte que máis me gusta, e pensei que de aí podían saír un feixe de relatos interesantes. E como sempre nestes casos, nos libros de relatos, hai un pouco de todo. Algúns que me gustaron, e moito, outros que non tanto. Foi editado por Galaxia no ano 2019. E mira ti por onde que atopei en Youtube o vídeo da presentación na librería Cartabón de Vigo, uns días antes de que chegara o confinamento de 2020.

A lista de relatos e autores é a seguinte:
- "Unha semana á espera de Godot" de Ana Cabaleiro
- "Santiago-Guixar" de Anna R. Figueiredo
- "Boxcar Blues" de Antonio Piñeiro
- "Unha dirección dous sentidos" de Arantza Portabales
- "Gringa" de Daniel Asorey
- "O funeral partido de Xoana Acosta" de Diego Giráldez
- "Meghalaya" de Iria Collazo López
- "A besta" de María Alonso Alonso
- "O chucuchú de Rapariz" de Miguel Anxo Fernández
- "Asalto ao tren da Portela" de Víctor F. Freixanes

O que máis me gustou foi o de Diego Giráldez, e tamén o de Arantza Portabales, e non me desagradaron nada varios que estaban ambientados noutros países, como a India ou México (aínda me atrae algo o exotismo).

Saúdos.



A tentación vive arriba

Eu pensaba que xa vira esta película hai tempo, pero sospeito que só vin algúns fragmentos, como o famoso da saia que se levanta pola corrente de aire do metro. Botábana o outro día no espazo de cine clásico da 2, así que deille unha oportunidade.

Foi dirixida en 1955 por Billy Wilder e o protagonismo absoluto foi para Tom Ewell e Marilyn Monroe, o resto son secundarios con pouco peso na trama, obviamente. E fixen ben en poñer primeiro ao protagonista masculino, porque seguro que todo o mundo pensa que está é unha das típicas "películas de Marilyn", pero resulta que ten unhas poucas aparicións (moi estelares, obviamente). Pola contra, Tom Ewell, que debía ser unha gran estrela cómica da época, non sae da escena case en ningún momento, e en moitos casos está el só falando consigo mesmo.

Antes de contar a trama, que tampouco ten moita chicha, hai uns cantos detalles da película moi interesantes. O título orixinal é algo así como "O picor do sétimo ano", porque un psiquiatra que atende ao protagonista ao comezo da película dise que moitas das infidelidades conxugais comezan arredor do sétimo ano de matrimonio. Por outra banda, o director non soportaba a Marilyn (aínda que despois fixo algunha película máis con ela), e non debía ser o único, porque non lembraba os textos e iso obrigaba a repetir moitísimas tomas. Por se non chegara con iso, esta película provocou o divorcio de Marilyn con Joe DiMaggio, aínda que iso xa era algo esperado, pero a famosa escena da corrente de aire xa foi o punto final.

Pois nada, un tipo que ten que quedar a traballar en Nova Iork durante o verán, mentres a súa muller e fillo marchan a verarear á costa de Maine, pensa que vai ser un aburrido verán máis. Ata que descubre que no piso de enriba, en troques do aburrido matrimonio que vive alí normalmente, está unha muller loira moi atractiva que alugou o apartamento durante algún tempo. A partir dese intre, todo vólvese pensar se iso vai dar lugar a unha infidelidade, que estará facendo a súa muller en Maine e todo iso, comeduras de coco que non levan a ningures.

Saúdos.



xoves, 12 de outubro de 2023

Arraianos (teatro)

Por algunha extraña razón, o libro de relatos "Arraianos", escrito por Xosé Luís Méndez Ferrín a comezos dos anos 90, estase cruzando comigo en moitas ocasións nestes dous últimos anos. O máis casual é que o lin hai un par de anos, creo que no 2021. No ano 2022 (creo) Ángeles Huerta fixo a película "O corpo aberto" baseada no seu primeiro relato, titulado "Lobosandaus", que é o máis longo e, polo visto, o que máis impacta nos lectores. E o magnífico grupo de teatro Sarabela acaba de presentar a versión teatral, para o cal escolleron tamén ese primeiro relato e o segundo, titulado "Medias azuis". Así que, con todas estas coincidencias, de "Lobosandaus" vin nos últimos anos a versión literaria, teatral e cinematográfica. Xa cando o lin me pareceu fantástico, pero semella que non son o único que penso así.

O elenco da obra está formado por catro dos integrantes habituais de Sarabela: Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fina Calleja e Sabela Gago. A eles uníronse Fernando González e Fran Lareu, que formaban parte dunha nova compañía chamada Il Maquinario Teatro, que xa hai tempo que non a vexo, do cal deduzo que está parada, aparcada ou simplemente disolta. E por último temos a Vazdim Yukhnevich, músico bielorruso que leva anos asentado en Galicia e que últimamente actúa moito en teatro, sobre todo en grupos ourensáns. Por certo, gustoume máis esta versión teatral que a cinematográfica de "Lobosandaus". 

Saúdos.



Robin e Marian

Nos últimos tempos, no espazo de cine clásico da 2 estaban botando bastantes películas repetidas, que xa proxectaran nos últimos meses ou anos. Pero levan varias semanas nas que xa "renovaron" o catálogo, e poden verse cintas que levaban tempo sen proxectar. Esta que vou comentar aquí soábame, pero non a vira nunca, así que fixemos o esforzo.

"Robin e Marian" foi rodada en 1976 e dirixida por Richard Lester. Obviamente o protagonismo principal é para Sean Connery e Audrey Hepburn (que volvía ao cine despois de nove anos de parón), pero hai un elenco de secundarios moi poderoso, onde se atopan Robert Shaw, Richard Harris, Denholm Elliott, Ian Holm, ou incluso Victoria Abril e Nicol Williamson, actor ao que eu non coñecía pero que fai un papel destacado como Little John.

A historia é ben simple. Robin Hood volve das Cruzadas, despois da morte de Ricardo Corazón de León, co que xa tiña moitas diferenzas, e atopa que o mundo xa non se parece ao de antes. Marian é a abadesa dun modesto convento e o sheriff de Nothingham segue sendo o seu inimigo principal. A película amosa a decadencia do lugar e deles mesmos, dando a sensación de que xa van moi maiores (os actores andaban polos 45 nese momento, pero esa idade no medievo sería moi avanzada). Non sei, a min deume a impresión de que as escenas de acción é loita, ou non estaban moi ben rodadas, ou estaban feitas mal a propósito para dar a entender que xa estaban vellos, pero causaban unha mala impresión. O final si que resulta algo máis épico.

Saúdos.



domingo, 8 de outubro de 2023

Hamelin

Hai uns días veu á Coruña a compañía de teatro galega Redrum Teatro (que está comezando a acumular unha traxectoria ben interesante) a representar a obra "Hamelin", de Juan Mayorga, o dramaturgo español vivo de maior prestixio actualmente. Así que a cousa non pintaba nada mal, e non pintou, porque a obra estivo moi ben.

Acabo de mirar na Wikipedia a descrición da obra orixinal e semella que Redrum foi bastante fiel, incluso nos nomes dos personaxes. Creo percibir que houbo unha certa desviación no final, porque na Wikipedia di que acaba confirmándose a sospeita na obra orixinal (agora contarei de que trata) mentres que na obra que vimos parece parar algo antes, e deixar un final moito máis aberto.

A trama fala dun xuíz, chamado Montero, dunha cidade española de provincias sen identificar, que está investigando os posibles abusos sexuais dun tipo rico da cidade, chamado Rivas, que supostamente colabora en obras benéficas para apoiar a menores sen recursos. Parece que hai unha relación moi estreita entre Rivas e un neno chamado Xosemari que levanta moitas sospeitas, e que a denuncia partiu de Gonzalo, o irmán maior de Xosemari, que xa antes tamén tivo unha relación parecida con Rivas pero decidiu distanciarse. Os pais de Gonzalo e Xosemari son unha parella que pasa moita precariedade pero que seguen tendo fillos sen parar, sen recursos para sacalos adiante con dignidade. 

O xuíz sospeita que, dalgún xeito, Rivas está pagando á familia para ter relacións no seu chalet con Xosemari e que miren para outro lado. Por outra banda, o xuíz tamén está pasando un momento familiar complexo, a relación coa súa muller non está no seu mellor momento e o seu fillo é expulsado do colexio por agredir a outros compañeiros. Aínda que quere falar co seu fillo para aclarar a situación, nunca pode porque a investigación róuballe todo o tempo. Por se non chegara con iso, tamén está comezando a namorar de Raquel, a psicopedagoga do colexio do seu fillo.

O elenco "oficial" da obra está formado por Machi Salgado, Guillermo Carbajo, Rubén Porto, Fran Lareu e Roberto Leal na parte masculina, e Belén Constenla e Mónica García na parte feminina. Pero se non me enganou a vista, creo que as actrices foron substituídas para esta funcíon por Victoria Pérez e Laura Míguez. A dirección foi de Álex Sampayo.

Saúdos.

HAMELIN promo gal from Redrum Teatro on Vimeo.

Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non...