sábado, 16 de xullo de 2022

A Casa da Troia

Outra colección de libros, aínda que incompleta, que fun mercando co xornal A Voz de Galicia, hai xa case 20 anos, é como unha extensión de esa que tanto menciono de 120 títulos da literatura galega. Pero neste caso trata de autores galegos que escribiron en castelán. Aí hai títulos de autores galegos que tamén escribiron en castelán, como Rafael Dieste ou Álvaro Cunqueiro, pero tamén hai autores galegos que só escribiron en castelán, como Camilo José Cela ou Alejandro Pérez Lugín, que é este caso. Desa colección merquei uns 15 títulos, a edición é moi similar á outra, aínda que o cor da portada é un pouco diferente (azulón neste caso, azul marino ou gris escuro era a outra).

"A Casa da Troia" é unha novela que tiña algunha gana de ler (pero tampouco moita, non nos enganemos). Oíra falar moito dela, teño estado diante do Museo da Casa da Troia en Santiago de Compostela e tiña intención de visitalo nun futuro próximo (pero se se presenta a oportunidade, sen máis obsesión).

En canto ao autor, do que só lin esta obra e non creo que lea máis (porque o resto de temáticas non me interesan), comprobei que mete moitas expresións galegas no seu texto e redacta dunha forma claramente influenciada pola forma de falar de aquí. Aquí pode resultar case pavero ou satírico, non me estrañaría que noutros lugares do estado o consideren algo "pailán". A outra obra famosa deste tipo é "Currito de la Cruz", polo visto de temática taurina, que tamén menciona levemente na "Casa da Troia". Ou sexa, que xa matei a curiosidade por ler esta obra, se cadra intentarei ver algunha das versións cinematográficas (como a que poño no vídeo de Youtube abaixo), pero para min xa queda pechado o expediente Pérez Lugín.

Eu pensaba que a obra trataba principalmente das falcatruadas dos estudantes universitarios en Santiago de Compostela. Pero ese é máis ou menos o pano de fondo, porque basicamente é unha noveliña romántica que xunta a un vivelavida madrileño desterrado a Compostela polo seu rico pai para que remate a carreira de Dereito dunha vez e esqueza as xoldas matritenses, cunha fermosa e discreta rapaza de provincias que non tiña nin a máis mínima intención de liarse cun estudiante, e moito menos foráneo.

O estudiante madrileño que chega a Compostela é Gerardo Roquer, que denosta a cidade ata que, pasado o tempo, comeza a verlle as súas vantaxes, e a muller é Carmiña Castro Retén, unha señorita da cidade, filla dun vello carlista ao que adora, e que morre a media novela, cando a parelliña xa semella moi encarrilada. A Casa da Troia é unha pousada de estudantes (supoño que imaxinaria) na que se estuda pouco e se troulea moito, na que vive Gerardo. Alí traba amistade cos outros estudantes, moi diferentes entre sí pero moi solidarios entre eles.

Gerardo cursa en Compostela os dous últimos anos da carreira de Dereito. No primeiro deses cursos coñece e atópase a Carmiña en varias ocasións, e vaise prendando dela (suponse que ela del tamén, pero a trama céntrase nel, supoño que por ser un "alter ego" do propio autor). No verán ela vaise co seu pai a unha casa que teñen cerca de Sada. Gerardo non sabe exactamente onde está o lugar, nin o coñece en absoluto, pero fai un intento por achegarse, localiza a casa e alí frutifica o amor entre eles. Pouco despois morre de súpeto o pai de Carmiña, xa maior.

Nese intre chegan uns familiares deles para "administrar" a casa, e entre eles vén unha muller, Jacinta, cuxo fillo Octavio é o outro pretendente máis destacado e coñecido de Carmiña. E comezan a conspirar para separar a Gerardo e Carmiña, e así darlle a oportunidade a Octavio para seducila. Están a piques de conseguilo pero Carmiña reacciona a tempo, consegue facer unha visita relampo a Compostela, e grazas ao seu confesor, métese nun convento, no que consegue fuxir das garras dos seus "secuestradores". Cando Gerardo descubre que está alí, axiña a convence para saír e casarse, como así sucede.

Polo visto, Lugín escribiu esta obra na súa casa de Sada en 1915. Se cadra iso lle inspirou para ubicar unha parte esencial da novela nese mesmo lugar, aínda que son poucos capítulos os que transcorren alí. El mesmo estudou na universidade de Santiago de Compostela na década de 1880, e suponse que a historia é unha mestura das súas lembranzas da época e unha certa ficción literaria. Ademais, el tamén naceu en Madrid e chegou a Compostela para estudar na Universidade, así que seguramente o personaxe de Gerardo ten bastante del mesmo.

Pois o dito, a curiosidade xa está satisfeita. Pasouse ben pero tampouco tiña expectativas moi altas. Acabo de atopar unha web de fanáticos da obra falando sobre ela, e recoñecen que a novela non é boa e que non ten moita calidade literaria, pero debe espertarlles moita nostalxia, digo eu.

Saúdos.



sábado, 9 de xullo de 2022

Visita ao Pazo de Meirás

Teño un querido amigo que vive a 5 minutos andando (ou menos) do Pazo de Meirás, e levaba tempo insistindo en que o visitaramos. Non o tiña eu moi claro, porque cría que podía visitarse moi pouco do espazo interior, como efectivamente así é, pero semella que a visita máis demorada aínda queda lonxe, polo tanto fomos comezando.

O recinto completo é moi grande, duns 100.000 metros cadrados. Hai bastantes construcións. 

A máis grande e vistosa, aínda que no interior case non pode verse nada, é a casa solariega, mal chamada pazo, que é a imaxe que seguramente todos asociamos a este espazo. Ten dúas grandes torres na fachada, a da dereita chamada de Oriente ou da Quimera, máis alta. A da esquerda é a de Poñente. Na da Quimera tiña lugar a vida de Emilia Pardo Bazán, e na biblioteca do andar superior só podía entrar ela. Na de Poñente estaba o despacho de Franco. Entrábase polo centro, daba a unha grande escalinata que daba paso ás dúas ás. Detrás da torre de Poñente estaba outra de altura similar, e entre as dúas está a capela, que polo visto é o máis antigo da construción, porque o resto, do século XIX, fíxose arredor del. Polo visto, no 1978 (sospeitosamente, ese mesmo ano tamén se incendiaron outras "propiedades" desta simpática familia Franco), houbo un incendio que queimou bastante a á dereita da casa solariega, incluída a biblioteca da Quimera, da que se perderon moitos libros, e practicamente non se tocou nin reformou nada. Ou sexa, que esta xentuza estivo máis de 40 anos disfrutando dalgo que non era seu e sen preocuparse de reparar algo tan grave como un incendio.

A confusión en canto ao nome vén de que "pazo" fai referencia a unha vivenda típica galega, xeralmente en forma de L, na que se traballaba principalmente no campo, agricultura ou gandería. A pouca distancia da casa solariega hai un pazo que cumpre esas características, e que estivo funcionando dese xeito durante bastante tempo.

Por outra banda, na extensa finca hai algunhas construcións máis, e bastante espazo de xardín e bosque, incluso cun bosque de bambú. Por outra banda, hai pezas ornamentais como cruceiros, pías bautismais, bancos e similares, que foron traídos con total impunidade franquista de lugares como o Pazo de Dodro. Esta xentuza, sobre todo Carmen Polo, que tiña bastante fama diso, roubaba todo o que quería de todas partes.

Saúdos.



O vicio de cantar: despedida de Joan Manuel Serrat

Non é que me apaixoe a min a música dos cantautores, agás algunha honrosa excepción como Silvio Rodríguez ou Pablo Milanés (excepción cubana, polo tanto). Pero veu de visita á nosa cidade Joan Manuel Serrat, dicindo que se despedía, e non sei por que, a min iso motívame. Na última década xa fixen tamén iso con Miguel Ríos, Rosendo e Barón Rojo, sempre no Coliseum. Coñecía eu bastantes poucas cancións do repertorio que tocou, como cinco ou seis, pero "Mediterráneo" e "Cantares" xa merecen o esforzo.

Puxen un vídeo que atopei desta mesma xira, así xa podedes facervos unha idea ben aproximada. Como vedes, tocan con el dous veteranos pianistas que lle fixeron arranxos, e semellan colegas del de moitos anos, un batería, un baixo-contrabaixo, un clarinetista-saxofonista-acordeonista, un guitarrista e unha rapaza violinista que tamén canta unha canción con el como solista.

Pois nada, a experiencia estivo ben, que me gusta a min despedirme en persoa da xente que me acompañou amenizando a vida.

Saúdos.



luns, 4 de xullo de 2022

Os dados de Deus

O volume número 92 da colección Biblioteca Galega que editou a Voz de Galicia no ano 2002 foi "Os dados de Deus" de Arturo Lezcano. Esta colección está formada por 120 volumes, e editouse no ano no que ese xornal cumpría 120 anos. Como vedes, xa estou achegándome ao final desa colección.

Pero este libro concretamente pareceume bastante frouxo. O autor foi xornalista nese mesmo medio, así que non descarto que ese feito fora moi relevante á hora de engadilo a esta colección. Nunca oíra falar das publicacións literarias dese autor alén do xornalismo, e ademais preséntano como un dos pioneiros da ciencia-ficción en galego, e supoño que diso si me tería enterado.

Supostamente este libro trata sobre ciencia-ficción, e si, os seus relatos algo diso teñen, polo menos algúns deles. Pero son tan breves na súa maioría, que cando comezabas a collerlle cariño á historia, xa rematan. Apóianse en ocasións en tradicións galegas, incluso lendarias, o cal non me parece nada mal, pero raramente suxiren ideas interesantes.

Saúdos.



Unha confesión

Nunca pensei eu que chegaría a crear unha sección sobre "Series" neste blog, porque é un formato audiovisual que non me atrae case nada. Dende hai uns anos que apareceron as plataformas de streaming como Netflix, que ofrecen moitos contidos pero sobre todo series (polo que parece), converteuse no formato preferido de case todo o mundo, e moitos din que estamos pasando pola "idade de ouro da televisión". Aínda así, eu non teño a máis mínima intención de darme de alta en ningunha desas plataformas. Pero a miña nova Smart TV ten acceso a varias plataformas como Rakuten, RTVE Play ou EITB que poñen contidos deste tipo ao meu alcance, e vexo algunha cousiña se me chama moito a atención ou resulta asequible.

Esta serie atopeina na plataforma da EITB, que ten contidos en castelán e en eusquera. Eran só 6 capítulos de 45 minutos, así que en poucas horas podía dar conta de toda a historia. Só nese caso ou se os capítulos son máis ou menos autoconclusivos lle darei unha oportunidade. Por exemplo, teño case vista por completo a serie "Sherlock" (só me faltan dous capítulos neste momento, e eran un total de trece), e estou comezando a ver "O ministerio do tempo", pero sen presa, porque cada capítulo conta unha historia diferente. Unha das cousas que me atraeu desta serie é o careto de Martin Freeman, actor principal da miniserie, e que me resulta simpático despois de velo en varias series e películas que me agradan.

Esta serie está baseada no caso real dun asasino en serie que foi apresado pouco despois de cometer o seu último asasinato, aínda que na serie non queda demasiado claro cantas mulleres matou. Está claro que foron dúas, pero os indicios apuntan a que foron moitas máis, pero non se sabe a cantidade exacta.

O dilema moral consiste en que o detective que dirixe as investigacións comete un erro de procedemento que provoca o descubrimento dunha muller que levaba anos morta e desaparecida, pero que a forma de facelo fai que non se poida utilizar como proba nun xuízo. Polo tanto, o asasino cumpre condena de 25 anos polo último asasinato, pero ata varios anos máis tarde, cando un xuíz diferente cre que o erro non foi tan grave, non se lle imputa o segundo delito, que provoca a cadea perpetua. Ou sexa, de novo o debate se a policía pode facer o que quere para obter máis probas ou se hai que conseguilas de forma garantista.

Saúdos.



Sherlock Holmes: Xogo de sombras

Quen lea este blog verá que aparece con certa frecuencia o personaxe de Sherlock Holmes (e máis que aparecerá), que me parece un dos máis fascinantes da literatura universal. Hai algo máis dunha década, alguén probou a facer novas películas sobre este personaxe, obviamente moi diferentes das clásicas, e semella que tivo bastante éxito. O ano pasado vin a primeira desta nova saga e agora tocaba ver a segunda.

Esta segunda da saga foi dirixida en 2011 tamén por Guy Ritchie, así que segue sendo moi visible a súa man, cos cambios de ritmo na proxeción de imaxes, e todos os personaxes repartindo sen compasión. O elenco é máis ou menos o habitual, con Robert Downey Jr, Jude Law e Rachel MacAdams (aínda que o seu personaxe, Irene Adler, aparece só brevemente ao principio, morre axiña, aparentemente). Nesta ocasión aparecen outros secundarios como Jared Harris, Stephen Fry ou Noomi Rapace.

Como pasa sempre coas historias de Sherlock Holmes, e xa non digamos coas versións modernas, nas que retorcen as tramas orixinais ata o infinito, a historia é moi enrevesada. O fondo parece ir de que o profesor Moriarty, o grande inimigo de Holmes, está facéndose aos poucos coa propiedade das maiores empresas de armas, e está organizando atentados orquestrados de xeito que provoquen unha guerra mundial entre as principais potencias europeas, e así saír beneficiado da contenda. Aparecen xitanos que teñen que ver cunha das tramas, persoas que sufriron operacións de cirurxía estética que os converten en practicamente irrecoñecibles, e moitas outras cousas. Ou sexa, unha película trepidante que non aburre nin un segundo.

Saúdos.



Xullo Pop

Nos últimos días celebrouse no Teatro Colón da Coruña o ciclo de concertos Xullo Pop, unha atinada proposta da Área de Cultura da Deputación para darlle visibilidade a grupos galegos dese estilo, aínda que algúns deles non encaixaban demasiado nesa etiqueta. Asistín aos tres concertos con interese, aínda que algún dos grupos xa o coñecía (e non me convenceran demasiado no pasado) e outros os descoñecía, aínda que oíra falar deles.

O primeiro grupo que actuou foi o de Anxo Araújo. Ten unha formación máis ou menos típica con batería, baixo, guitarra, guitarra acústica e voz, e o máis rechamante é o quinto compoñente toca algo parecido a un teclado e a trompeta. Soa bastante a pop, pero tampouco me chamou demasiado a atención.

O segundo "grupo" foi Garza. Realmente non é un grupo, senón a proposta musical de Adrián Charlín, que foi batería en grupos de rock galegos. Case toda a música a produce electronicamente con ordenadores e só está acompañado por unha batería, que toca el mesmo cando deixa ás maquinas producindo son. Acompañouse nunha única peza por un violonchelista. Non me pareceu nada atractiva a súa proposta, pero é que iso me pasa con toda a música electrónica. Serei xa moi maior, pero gústame ver persoas manipulando instrumentos e interpretando a música no momento, os sons pregravados non me gustan demasiado, e cando case todo o que ofreces é iso, obviamente non me gusta.

O terceiro e último grupo foi Grampoder, ao que xa vin actuar hai 6 ou 7 anos na Mardi Gras. Que mágoa de grupo!! Está formado só por dúas persoas, Martín, que canta e toca a guitarra, e Roi, que agora toca só a batería (hai anos tamén tocaba o baixo de cando en vez). Digo o de "mágoa" porque son os dous compoñentes que quedan dos tres que formaban inicialmente The Homens, un magnífico grupo de pop en galego que se disolveu hai uns 10 anos, cando Xocas, o batería, tivo que marchar a traballar (creo que a Portugal). Pois non sei que pasou, pero todo aquel caudal de talento que tiñan cando estaban todos xuntos parece que xa se esgotou, porque as súas cancións actuais non me transmiten case nada.

Saúdos.









Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non...