sábado, 9 de xullo de 2022

Visita ao Pazo de Meirás

Teño un querido amigo que vive a 5 minutos andando (ou menos) do Pazo de Meirás, e levaba tempo insistindo en que o visitaramos. Non o tiña eu moi claro, porque cría que podía visitarse moi pouco do espazo interior, como efectivamente así é, pero semella que a visita máis demorada aínda queda lonxe, polo tanto fomos comezando.

O recinto completo é moi grande, duns 100.000 metros cadrados. Hai bastantes construcións. 

A máis grande e vistosa, aínda que no interior case non pode verse nada, é a casa solariega, mal chamada pazo, que é a imaxe que seguramente todos asociamos a este espazo. Ten dúas grandes torres na fachada, a da dereita chamada de Oriente ou da Quimera, máis alta. A da esquerda é a de Poñente. Na da Quimera tiña lugar a vida de Emilia Pardo Bazán, e na biblioteca do andar superior só podía entrar ela. Na de Poñente estaba o despacho de Franco. Entrábase polo centro, daba a unha grande escalinata que daba paso ás dúas ás. Detrás da torre de Poñente estaba outra de altura similar, e entre as dúas está a capela, que polo visto é o máis antigo da construción, porque o resto, do século XIX, fíxose arredor del. Polo visto, no 1978 (sospeitosamente, ese mesmo ano tamén se incendiaron outras "propiedades" desta simpática familia Franco), houbo un incendio que queimou bastante a á dereita da casa solariega, incluída a biblioteca da Quimera, da que se perderon moitos libros, e practicamente non se tocou nin reformou nada. Ou sexa, que esta xentuza estivo máis de 40 anos disfrutando dalgo que non era seu e sen preocuparse de reparar algo tan grave como un incendio.

A confusión en canto ao nome vén de que "pazo" fai referencia a unha vivenda típica galega, xeralmente en forma de L, na que se traballaba principalmente no campo, agricultura ou gandería. A pouca distancia da casa solariega hai un pazo que cumpre esas características, e que estivo funcionando dese xeito durante bastante tempo.

Por outra banda, na extensa finca hai algunhas construcións máis, e bastante espazo de xardín e bosque, incluso cun bosque de bambú. Por outra banda, hai pezas ornamentais como cruceiros, pías bautismais, bancos e similares, que foron traídos con total impunidade franquista de lugares como o Pazo de Dodro. Esta xentuza, sobre todo Carmen Polo, que tiña bastante fama diso, roubaba todo o que quería de todas partes.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...