luns, 26 de xullo de 2021

O son do trebón

Esta película prometía algo máis do que finalmente ofreceu. É de ciencia-ficción, que a min sempre me convence, trataba sobre saltos no tempo e está baseado nun conto de Ray Bradbury. En principio, a cousa promete, pero ao final dáme que, ou o conto non estaba moi ben (recoñezo que non o lin), ou decidiron adaptalo á súa maneira, pero ao final desinflouse bastante.

Foi dirixida por Peter Hyams en 2005 e os papeis máis importantes foron para Edward Burns e Catherine McCormack, o secundario máis famoso é Ben Kingsley. Peter Hyams dirixiu algunhas películas de ciencia-ficción como "Atmósfera cero", Edward Burns foi un dos actores principais de "Salvar ao soldado Ryan" e McCormack facía de esposa de William Wallace en "Braveheart", pero tiven que documentarme para saber todo isto, porque eu non os recoñecín.

A empresa Time Safari dirixida polo magnate (ou mangante) protagonizado por Ben Kingsley ofrece unhas carísimas viaxes ao Cretácico nas que se pode disfrutarse durante uns minutos da cercanía dun dinosaurio, xusto antes de que un volcán cercano entre en erupción, e mátase ao dinosaurio, que morre nun charco cercano, xunto aos protagonistas. Todo iso conséguese grazas a un sofisticado software.

Hai varias cousas que están prohibidas nesas expedicións: traer ou deixar nada no pasado, ou facer o máis mínimo cambio que poida provocar cambios no futuro. Nas primeiras esceas vese que as viaxes son algo rutineiras para o equipo técnico que acompaña aos ricos expedicionarios, que son sempre dous, e nada se sae do guión. Pero nunha das viaxes, debido a un erro técnico debido a un despiste, a visita dura algo máis do normal, e os dous visitantes quedan fóra da vista dos técnicos durante uns segundos, pero aparentemente todo remata ben. Na visita seguinte, todo marcha fatal, porque non conseguen volver exactamente ao punto do pasado que querían, senón a aquel no que marcharon na convulsa visita anterior, e está a punto de pillarlles a erupción do volcán. E iso provoca que unha "onda temporal" cruce o portal que usaban para facer eses saltos no tempo.

Esas "ondas temporais", que se ven varias na película, visualmente son como ondas de auga, pero non mollan, senón que provocan cambios en todas as especies de seres vivos que as sofren. Polo tanto, dende ese momento, moitos edificios do Chicago do ano 2055 no que está ambientada a novela vense destruidos, entre moitas outras cousas, polo crecemento inusitado da vexetación.

O xefe das expedicións temporais decide entón investigar que foi o que puido pasar naquela segunda visita para provocar iso. Todo parece indicar que neses poucos segundos que os dous visitantes estiveron fóra da súa vista puideron facer unha mínima acción que puido provocar a desaparición ou modificación da evolución dalgunha especie ou especies no futuro. Para iso é axudado por unha doutora que deseñou o software do salto no tempo, e que é moi crítica co labor comercial do magnate.

Seguen chegando ondas temporais que provocan máis cambios, e comezan a aparecer temibles especies animais que son mestura de animais como réptiles, primates e morcegos, obviamente coas virtudes e capacidades das tres mesturadas. Acaban sabendo que un dos visitantes pisou unha bolboreta que ía ter relevancia no futuro dalgunhas especies importantes. Teñen que buscar un lugar onde volver conectar o software, xa que case toda a cidade quedou sen electricidade, para volver exactamente a ese punto do pasado e evitar que ese visitante pise esa bolboreta. Dese xeito voltarán á normalidade que tiñan antes do accidente. Supoño que todos intuídes que o conseguiron, obviamente.

Saúdos.



venres, 23 de xullo de 2021

O universo na túa man

Xa estou rematando cos libros en castelán que merquei durante anos no Círculo de Lectores, que pechou hai varios anos, só quedan 3 máis. O que tocou nesta ocasión foi "O universo na túa man", escrito polo astrofísico e divulgador científico Christophe Galfard. Seguía así o meu interese pola divulgación científica.

Polo visto, este libro tivo bastante éxito en Francia, terra do autor, no ano da súa edición, 2016. Pero o eslogan promocional tampouco penso que asuste a ninguén: "o libro de divulgación científica máis vendido en Francia o ano pasado", que creo que chegou a uns 100.000 exemplares, que non está nada mal. Pero vai ter que facer algo máis e mellor para ganarse a vida dedicándose a isto, que creo que é ao que se dedica agora, despois de estar algúns anos traballando man a man co mesmísimo Stephen Hawking, que polo visto dirixiu a súa tese doutoral.

A min non me gustou demasiado. Na propaganda da súa editorial din que é un libro moi doado de ler e entender, e eu non estou de acordo. Ao comezo de libro, el presume moito de que só vai aparecer unha fórmula, a famosa E = mc2. As ecuacións da física moderna son moi complexas, así que evitarnos ese lío pode estar ben. Pero facer un libro sobre física teórica (asequible, pero teórica) sen fórmulas e sen un puñetero debuxo nin esquema xa me parece todo un alarde. Se cadra eu son demasiado visual e preciso moito ese tipo de elementos gráficos, pero probablemente axudarían algo ou bastante a entender algúns conceptos dos que fala o libro. 

Por exemplo, xa lin no pasado algún libro de temática similar a este no que explicaban por que o tempo transcorría máis rápido se ías nun avión a unha velocidade cercana á da luz. Explicábano con debuxos, e sabendo algo de xeometría, entendíase perfectamente. Este tipo simplemente escribe e tes que crerte que sucede iso porque o di el, e tes que crerte as cifras que di sen explicación de ningún outro tipo. Se cadra para algunha xente, eses cálculos poden ser complicados de entender, pero o reto pode ser que saibas como explicarllos. Este tipo "os describe moi ben" (segundo a súa opiníon e a do seu editor, supoño), e xa está. Non sei, paréceme un recurso moi mediocre.

Saúdos.



mércores, 21 de xullo de 2021

O demo sobre rodas

Steven Spielberg só tiña 25 anos cando rodou esta icónica película. Seguro que todos a vimos moitas veces, eu repetín esta tarde despois de moito tempo sen vela. Está moi ben, pero a min xa me resultou algo cansina por momentos. Está moi ben como conseguiron argallar unha historia a partir de tan poucos elementos, pero por momentos xa se pasa de minimalismo.

Foi rodada en 1971 (gran ano, si señor) e o único actor reseñable é Dennis Weaver. Acabo de ver o nome do actor e extra que conducía o camión, pero como non se lle ve en ningún momento, tampouco creo que faga falla. Foi a primeira grande obra de Spielberg, aínda que se fixo inicialmente para televisión. Por esa razón, ao ver o éxito, meteulle 20 minutos máis e levouse tamén aos cines. Sorprendeume que a novela orixinal na que está baseada fora de Richard Matheson.

Non creo que mereza a pena falar moito sobre a historia, que é moi simple e coñecida. Un tipo normal que está facendo un traxecto por estradas case desertas do sur de Estados Unidos, ten un pequeno desencontro e pique cun camioneiro que leva un camión cisterna vello, longo e pesado. Como consecuencia diso, o camión comeza a perseguilo con verdadeira mala fe, intentando botalo da estrada, intentando provocar un brutal choque frontal, empurrándoo contra un tren nun paso a nivel, etc. Finalmente, o condutor do coche consegue cunha treta que o seu coche se estrelle contra o camión e os dous caian por un acantilado no deserto. E xa está. Para os estadounidenses, que están autenticamente obsesionados cos coches e o motor, esta historia debe ser unha auténtica odisea.

Ah, si, o título. O título orixinal era "Duel", supoño que traducible por "Duelo", que foi como a titularon en Perú. En España chamárona "El diablo sobre ruedas", un pouco delirante, pero aínda menos mal. Pero en Arxentina xa se foron a "Reto a la muerte". Sen comentarios.

Saúdos.



O final da conta atrás

Vin esta película hai moitos anos, probablemente na miña infancia ou adolescencia, e deixoume moi boa sensación, pero apenas lembraba como era. Vin hai pouco que a botaban nunha das cadeas fascistoides da televisión en España, e como sei que aí repiten con certa frecuencia, sabía que non ían tardar moi en repetila. A ciencia ficción gústame moito e as películas con paradoxas temporais tamén, así que o tiña todo para triunfar.

A película (da que non entendo moi ben por que lle puxeron ese título) foi dirixida por Don Taylor en 1980. No seu elenco destacan Kirk Douglas, Martin Sheen, James Farentino, Katherine Ross e Charles Durning.

O portaavións Nimitz sae da súa base en Hawaii en misión rutinaria. Ao pouco de saír, achégase a eles unha tormenta totalmente imprevista e da que non había noticia, que resulta ser moi diferente ás  habituais, e que durante uns segundos ou minutos parece tolear a todo o mundo con ultrasons (na Wikipedia din que é un "burato de verme"). Cando súbitamente pasa esa tormenta, todos os aparellos semellan funcionar ben, pero están estrañados porque o radar non detecta nada nas súas cercanías (antes da tormenta si o facía), e pareceron perder as comunicacións co exterior, o pouco que reciben non ten sentido.

Saen avións de recoñecemento a sacar fotos de lugares cercanos, outros avións crúzanse con avións xaponeses moi antigos, outros localizan un iate estadounidense antigo navegando e na radio captan programas de humor protagonizados por artistas que xa están xubilados. E finalmente o radar detecta os barcos e avións que protagonizaron o ataque a Pearl Harbour, que provocou a entrada dos Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial. Non queren crelo, pero todo parece indicar que a tormenta provocou que viaxaran 40 anos atrás.

Nese momento comezan a dubidar sobre o que deben facer. Do iate estadounidense, que foi destruído polos aviadores xaponeses, traen a un senador e a súa secretaria, e tamén traen a un deses aviadores, despois de ser derribado. Claro, cando suben ao barco de 40 anos máis tarde, non entenden nada. O senador esixe ser levado a Pearl Harbour. Simulan que o están facendo, pero lévano a unha illa deserta con provisións, pero debido a un desafortunado incidente provocado polo senador, estoupa o helicóptero no que viaxaran ata alí, e quedan alí só a secretaria do senador e un dos altos mandos do portaavións, que dirixía esa operación de devolver ao senador a terra.

Cando os atacantes xaponeses están xa achegándose a Pearl Harbour e o capitán do portaavións está preparando todo para atacalos (co que iso podía significar na paradoxa espacio-temporal), volve a tormenta inicial que os devolve de novo aos anos 80. O capitán ten que dar moitas explicacións sobre as razóns polas cales o maior portaavións da Armada estivo uns días perdido no mar.

E para rematar coa paradoxa temporal, o personaxe protagonizado por Martin Sheen, que facía simplemente de observador da Mariña para ver se todo funcionaba ben no barco, baixa do mesmo xunto co can que trouxeran do iate o senador e a súa secretaria. O can comeza a correr cara a unha limusina que o está esperando. O chófer da mesma dille que quere falar con el o propietario da empresa que deseñou case todo o barco, e que xa viñera a despedirse cando marchaban de ruta, pero non se deixou ver. Cando entra na limusina, descubre que as dúas persoas que están alí son o alto mando do portaavións e a secretaria do senador, cuns 40 anos máis, os que supostamente pasaran dende que os deixaron naquela illa deserta.

Saúdos.



Febre do sábado noite

Tiña bastantes ganas de ver esta película, máis que nada porque moitas das cancións da súa banda sonora sóanme e non me desagradan demasiado (calquera canción mediocre dos anos 70 é mellor que a inmensa maioría do que se fixo nos últimos 30 anos, na miña opinión). Pero dábame algo de medo que fora unha película de baile, actividade que non me agrada en absoluto. Así que a decisión era arriscada, pero non saíu demasiado mal.

A película foi dirixida en 1977 por John Badham e, como xa saberedes todos, o protagonismo total e case absoluto foi para John Travolta. Tiña pouco máis de 20 anos e xa era un ídolo xuvenil en Estados Unidos debido a varias series de televisión, pero xa deu un salto sideral cando protagonizou esta película e ao ano seguinte fixo "Grease". Pero mira ti por onde, a partir de aí caeu no esquecemento ata mediados dos 90 cando fixo "Pulp Fiction". O resto do elenco é moi descoñecido. A súa parella de baile principal, protagonizada por Karen Lynn Gorney, dedicouse máis ao teatro e a música, e apenas triunfou no cine máis alá deste papel. Pero xa aviso: a película trata bastante máis que do baile, e por iso non me desagradou.

Tony Manero é un xoven que vive nunha zona de Brooklyn algo deprimida. Traballa nunha tenda de pinturas e cáelle moi ben ao xefe e aos clientes. Pero ten unha familia algo triste, que non se soportan entre eles, e teñen moitos complexos. A súa principal alegría é o seu irmán maior, que é sacerdote, pero mira ti por onde, xusto neste momento decide deixar o sacerdocio, porque ten unha clara crise de vocación. Iso, ademais de frustrar á familia, sobre todo á nai, fai que se culpen aínda máis entre eles.

Pero para Tony a máxima ilusión é ir os sábados pola noite á discoteca do seu barrio "Odisea 2001" para bailar. Alí é un líder moi aclamado. Unhas cantas rapazas xiran ao seu redor para bailar e deitarse con el, pero el pasa bastante delas (vaia, máis dunhas que doutras). Nun determinado momento queda deslumbrado por unha rapaza que baila alí, pero non sempre, que se chama Stephanie, e intenta formar parella de baile con ela, e máis cousas se ela se deixa.

Pero ela non se deixa en absoluto. Tamén é do mesmo barrio, pero xa traballa en Manhattan e codéase con artistas famosos, ten un nivel cultural moi superior ao de Tony. Quere marchar do barrio e da súa mediocridade e aspira a unha vida mellor, que alí non poderá ter (un pouco clasista a mensaxe, si). Ao principio a Tony non lle gusta nada esta forma de pensar, pero vai vendo, aos poucos, que no seu barrio e na "súa" xente hai moita hipocresía, e tamén comeza a pensar en saír do barrio e progresar na vida vendo outras cousas.

Ou sexa que, aparte da mediocridade da súa familia e a do seu barrio, moi ensimesmado, as relacións entre etnias tampouco é moi limpa. Por exemplo, a súa pandilla ten unha pelexa bastante bestia nun local de portoriqueños simplemente porque un dos seus colegas, que estaba no hospital porque lle deran unha paliza antes, dixo que "probablemente" foran uns portoriqueños cos que xa tiñan rivalidade anterior. E no último concurso de baile, dánlle o premio a Tony e Stephanie, e el cabreado entrégallo a unha parella de portoriqueños recoñecendo que o fixeron moito mellor. Aí decátase da mediocridade do seu entorno, e madura de súpeto para decidir que ten que marchar dalí.

Saúdos.



O corsario negro

A min a temática de piratas non me desagrada, seguramente xa o teredes comprobado neste blog nos últimos tempos. Pero nesta ocasión cometín varios erros en cadea que me fixeron ver unha película bastante mediocre, son cousas que pasan.

Vin que botaban nunha cadea unha película titulada "O corsario negro", e tiven varias confusións, aínda que algunha delas xa a aclarei axiña. Eu lembraba uns cómics ou tebeos que lía de pequeno e que me gustaban bastante. Pensaba que eran de "O corsario negro", pero non, eran de "O corsario de ferro". En calquera caso, axiña vin que "O corsario negro" era unha novela de Emilio Salgari, autor italiano de novelas de aventuras do que teño oído falar máis ou menos ben. Aínda así, como ides comprobar, o resto de referencias culturais daban medo, así que tampouco debe estrañar tanto o resultado final.

A película "O corsario negro" que eu vin foi unha coprodución española, italiana e francesa de 1971 na que o máis destacado e coñecido do elenco eran os inefables Terence Hill e Bud Spencer (por non mencionar a parte española, onde estaba Mónica Randall e un tal George Martin que realmente era español). Ao ver esa parella podedes pensar o tipo de película que era, pero ao mellor tampouco acertades tanto. Hai 2 ou 3 esceas de peleas típicas deles, pero moito menos do previsible. Pero o máis curioso é que o papel protagonista do Corsario negro é para Terence Hill (o loiro de ollos azuis), mentres que Bud Spencer fai un papel secundario, doutro xefe pirata e non participa en ningunha pelea nin dá ningún mandoble. Algo saímos gañando, menos mal.

Na páxina da Wikipedia que fala sobre a novela de Salgari (porque da película non hai, indicio de algo, digo eu), din que esta é unha seis versións cinematográficas (cinco italiano e unha española, creo) da novela. Pero mirando a sinopse da novela, dá a impresión de que esta película é unha versión moi libre daquela obra, porque basicamente comparten a ambientación do século XVII no Caribe e non moito máis.

Non hai moito que contar. Hai unha serie de 3 ou 4 piratas, con relacións tirantes entre eles tamén, que se alían para enfrontarse a un virrei do Caribe, especialmente cando casualmente capturan á súa fermosa muller e á súa criada. E este virrei quere mandar un importante cargamento de ouro a España nun galeón, e intenta enganalos facéndolles crer que os manda por unha vía, cando realmente os leva el por outro lado. Pero os piratas captan o engano e acaban conseguindo o ouro. Unha historia bastante simple, non dá moito de sí.

Pero a calidade das imaxes e da narración é bastante baixa. A pesar de que a historia non resulta demasido complexa, tampouco resulta moi doado seguila de cando en vez, porque a narración é moi pobre. E xa non digamos a calidade das esceas das batallas navais (das peleas corpo a corpo si, que os técnicos que rodaban con estes dous xa tiñan moita práctica). Na película vense non sei cantos cañonazos dun galeón a outro, e case non se ve como ningún impacta no outro. Os poucos que se ven nótase a kilómetros que son explosións provocadas artificialmente. Nada, moita penuria.

Saúdos.



domingo, 18 de xullo de 2021

A laranxa mecánica

Hai pouco fun mercar un pack de DVDs que conteñen as sete últimas películas dirixidas por Stanley Kubrick. Aínda que non me apaixoan todas as súas películas (tampouco fixo tantas, sobre 12 ou 13), nese conxunto de sete hai moitas que son moi boas. En calquera caso, a principal razón era que nese lote estaba "A laranxa mecánica", que cumpre 50 anos e que, para min, é a mellor película da historia.

Foi presentada en 1971, e o protagonismo principal foi para o actor Malcolm McDowell. Hai un interesante elenco de secundarios, algúns deles saíron nalgunhas películas máis deste director nesta época, pero ningunha cara coñecida. De feito, o actor principal é recoñecido principalmente por este papel, todo o demais que fixo na súa extensa carreira que aínda dura, cando xa ten 80 anos, non eclipsa en absoluto a esta interpretación. Eu téñoo visto nalgunha serie dos últimos anos, e facíao moi ben. Pero teño a sensación de que lle van moito os papeis de malvado, ten cara de mal bicho e non teño eu moi claro que me convencera cun rexistro de boa persoa.

Moito se podería dicir tamén da música. Na miña opinión, Kubrick era un experto en música, sobre todo clásica, e sempre escollía unhas bandas sonoras espectaculares. De feito, nesta época, que foi a máis fecunda da súa carreira, na miña opinión, cando tiña corenta e pico anos, fixo "2001: Unha odisea espacial" e "Barry Lyndon", que teñen unha banda sonora primorosa, xunto con esta que hoxe nos ocupa. Pezas de Beethoven, Rossini, Purcell, e as súas interpretacións electrónicas a cargo de Walter Carlos (que se cambiou de sexo pouco despois e pasou a chamarse Wendy Carlos). E xa non digamos a aparición de "Bailando baixo a chuvia" (creo que aparece máis veces incluso que na película dese mesmo título). Teño entendido que a Kubrick lle parecía que a escena do asalto á casa do escritor lle parecía algo sosa, e estaba buscando unha canción para ambientala. McDowell púxose a cantar esa canción, porque era a única que sabía, ao director encantoulle a idea, e saíu ás carreiras para mercar os dereitos desa canción. Kubrick era así.

Esta vez non se fixeron cousas raras no tradución do título ao español, en ningunha parte do mundo. O enigma é por que elixiron ese título. E a resposta é que está baseada nunha novela dese título escrita por Anthony Burgess uns anos antes. E na novela si que se explica varias veces o título, aínda que non me dá a impresión que teña moita relevancia na historia (pero recoñezo que a novela aínda non a lin). Polo visto, o propio escritor non confiaba moito nela e esperaba que se esquecera axiña, pero o caso é que a fantástica adaptación cinematográfica, que ao escritor tamén lle encantou, impediuno. Hai algunhas diferenzas entre a novela e a película, pero non semellan moi grandes, pero un dos rasgos principais dela é a linguaxe utilizada, moi curiosa. No orixinal era unha mestura de ruso, inglés e cockney (xerga que usan as clases populares en Londres), na tradución ao español engadíuselle algo de caló.

E para min, aparte da historia, que xa me parece moi interesante de por sí, paréceme que o aspecto de deseño de escenarios e vestiario é alucinante. Acabo de ler que está considerada como unha obra distópica de ciencia-ficción (iso xa o sabía) ambientada supostamente en 1995 (iso é o que non sabía), pero coido que só se nota nalgúns detalles como o deseño ultramoderno do coche no que se move a pandilla, que só se ve ao comezo da película. O vestiario que teñen os catro rapaces da pandilla, o mobiliario dalgunhas das casas ou tendas paréceme moi atractivo e rompedor.

Tamén haberá que dicir algo da violencia da película. Efectivamente, supoño que o nivel de violencia da película, hai 50 anos, debía ser insoportable. E por esa razón, nalgúns países se prohibiu, noutros tardou uns cantos anos en exhibirse en condicións máis ou menos normais. Pero vista agora, despois de tantas décadas de creacións audiovisuais (incluso de debuxos animados) que superan con moito ese nivel de violencia, é perfectamente visible sen maiores problemas. Vaia, esa é a miña opinión.

Haberá que rematar comentando algo sobre a historia, que me parece suficientemente interesante (e a estas alturas, bastante coñecida). Alex é o líder dunha banda de catro adolescentes algo inadaptados que só se divirten pegando e violando a outras persoas. Saen unha noite de xolda e agreden a un ancián que durme a borracheira nun túnel, péganlle unha paliza a outra pandilla que estaba violando en grupo a unha rapaza, e finalmente asaltan unha casa no campo onde vive un escritor e a súa muller. Como resultado dese asalto, el queda minusválido e ela acaba morrendo algún tempo despois (isto descúbrese máis tarde na película).

Pero comezan a aparecer as desavenencias no grupo e o liderado de Alex é discutido. El consegue aplacar esas queixas aparentemente, pero é mediante a violencia, así que realmente empeora o problema. Un dos outros propón o asalto a outra casa illada, pero realmente é unha trampa para que apresen a Alex, cousa que a policía consegue sen dificultades.

Na cadea, o comportamento de Alex é exemplar, aínda que non están moi claras as razóns, e escoita falar de que se quere experimentar un novo método para rehabilitar pola vía rápida a persoas con tendencias criminais como as súas. El amosa claramente o seu interese en participar nese experimento, sobre todo se iso provoca a súa saída do cárcere. De forma bastante casual, é elixido para participar no experimento polo propio Ministro do Interior, e comezan as probas.

O que el pensaba que ía ser moi levadeiro e doado de aturar convértese nunha auténtica tortura. Amósanlle durante horas imaxes de violencia de forma que non pode evitar velas, pero o que máis lle doe é que xunto con elas poñen música de Beethoven, que é o seu principal ídolo. Despois do tratamento, déixano libre porque demóstrase que xa non soporta a violencia e que xa está domesticado.

Pero as desgrazas veñen unha detrás doutra. É recoñecido polo indixente que agrediu ao comezo da película, e todos os indixentes da zona dánlle unha malleira. Cando chega un parella de policías para salvalo, resulta que son dous dos compañeiros da antiga pandilla, que lle dan outra malleira aínda peor (parece que na rodaxe lle romperon unha costela, supoño que sen querer). E cando escapa dalí, vai pedir axuda a unha casa illada no campo, sen caer na conta que é mesma casa do escritor que asaltaron uns anos antes. El recoñece ao escritor pero non ao contrario, porque aqueles asaltos facíanos con máscaras. O escritor pertence á oposición ao goberno, e recoñece nel á vítima do terrible experimento do Ministerio do Interior, e queren utilizalo para atacar ao goberno. Pero pouco máis tarde, ao escoitarlle cantar no baño, recoñece ao líder dos asaltantes que o deixaron a el paralítico e mataron á súa muller. Ponlle música de Beethoven a todo volume e consegue que intente suicidarse tirándose pola fiestra.

Pero salva a vida por pouco, e no hospital recibe a visita do Ministro do Interior, que quere volver contar con el para atacar á oposición de novo e gañar as eleccións outra vez. Na última escena ten unha visión que lle confirma que está curado outra vez (polo visto, a novela remataba doutro xeito, pero a min o da película paréceme o final coherente).

Despois de vela 3 ou 4 veces nos últimos trinta e pico anos, sigo pensando que é a mellor película da historia. Creo que non envelleceu nada mal. E obviamente, recomendo a todo o mundo que a vexa, se non o fixo xa.

Saúdos.



A velada de Londres

Acabo de asistir á estrea da obra teatral "A velada de Londres", a cargo da compañía ButacaZero. O director da maioría das obras d...