O outro libro que lin mentres acompañaba na ABAU ao alumnado do meu colexio foi "Soños eléctricos" de Ramón Caride Ogando. É o volume número 82 da famosa colección Biblioteca Galega 120, que editou A Voz de Galicia hai xa case 20 anos. Non semellaba moi longo, estaba dividido en capítulos de tamaño asequible, e antes de comezar non tiña moi claro se era unha novela ou un feixe de relatos. Tiña máis ou menos claro que a temática era de ciencia ficción, e iso sempre é un atractivo máis para min.
Pero resultou ser unha novela breve. A historia xira en torno a un estraño personaxe chamado Stevo Dadik, bastante controvertido. Nunha sociedade avanzada, comeza sendo unha especie de artista transgresor, que a pesar de ter dereito a vivir nos niveis superiores da sociedade pola súa orixe, elixe descender a niveis máis populares e presentar unha proposta musical e estética revolucionaria, que é mirada con moita desconfianza polos gobernantes. Despois marcha da cidade xunto á súa moza Lumia e ten que sobrevivir no duro deserto, aínda que o consegue. Os gobernantes intentan atopalo e están intentando clonalo, porque agora comprenden que é o xerme da futura humanidade.
Como tantas obras deste xénero, é unha sociedade distópica que fai pensar moito cara onde nos diriximos.
Na segunda semana do mes de xuño tocoume por primeira vez acompañar á ABAU ao alumnado do centro no que traballo. Como xa sabía que non era un traballo demasiado esixente, decidín levar lectura, aínda que fora lixeira, sobre todo para os momentos nos que tiña que estar dentro das aulas e non podía saír. Pensei que unha boa idea sería escoller libros de relatos, porque non tiña eu moi claro se ía ser capaz de ler con proveito unha novela máis longa. Os intres de lectura ían ser moi fragmentarios.
O primeiro dos libros que lin foi "Sete de Biblos", o último dos 50 títulos da Colección Mandaio editado por Biblos Clube de Lectores, que ofrece obras en galego e portugués principalmente. O libro componse de sete relatos, escritos polos sete autores que gañaron o Premio de Novos Autores convocado por Biblos. Eses sete autores son Iria López, Alberto Ramos, Patricia Casas, Berta Dávila, Pablo García, Elena Veiga e Iria Morgade. Anos despois, a única deles que parece afianzarse na profesión é Berta Dávila, autora nova pero xa consagrada e que leva moitos premios. O resto apenas publica, que eu saiba.
Case un mes despois, teño que recoñecer que non lembro de que trataba ningún dos relatos, e iso debe ser indicio de algo. Naqueles días que os lin, uns gustáronme máis e outros menos, como sempre pasa neste tipo de obras. Pero a voráxine do mes de xuño fixo que esquecera todo o que lin deste libro. Lin outro libro máis aqueles días, e dese outro si lembro algo.
Esta historia sempre me pareceu interesante, pero creo que nunca conseguira ver a película completa. Esta vez si o fixen, pero unha vez vista, pareceume algo lenta de máis. E o feito de converter esta historia nun musical non me parece demasiado apropiada, aínda que tamén é certo que estaba baseada nun musical de Broadway que tivo moito éxito. Como conclusión direi que, como musical, non me gustou, pero iso tampouco é tan raro, son máis ben poucos os musicais que me gustan.
Contar a traxectoria da obra dá moito de sí. Comezou sendo unha obra de teatro titulada "Pigmalión" da autoría de George Bernard Shaw. Debeu gustar moito e houbo varias versións cinematográficas e teatrais. Pouco antes desta película que comentamos hoxe, houbo unha versión musical de moito éxito, e decidiron convertela en película usando as mesmas cancións e libreto. Supoño que Shaw non a escribiu como musical, obviamente.
A película foi dirixida en 1964 por George Cukor. Os dous papeis principais foron para Rex Harrison e Audrey Hepburn. No teatro, estaba protagonizada por Rex Harrison e Julie Andrews. Pero parece que decidiron prescindir de Julie Andrews porque era famosa no teatro pero non en cine. Casualmente neste mesma época faríase moi famosa no cine por "Mary Poppins". Do resto do elenco destaca Wilfrid Hyde-White, actor ao que vin moitas veces pero non sabía nin como se chamaba. Un detalle que me resultou curioso é que Audrey Hepburn foi dobrada nas cancións pola cantante Marni Nixon, a mesma que dobrou a Natalie Wood en "West Side Story".
Por se non o sabedes, a obra trata dun profesor de fonética que aposta cun amigo seu, tamén experto no tema, a que é capaz de instruír a unha florista analfabeta dos suburbios de Londres para finxir ser unha dama da alta sociedade nun período de tempo breve, de só uns meses. Polo visto, a George Bernard Shaw preocupáballe moito a calidade do idioma inglés falado polos propios ingleses, e escribiu a obra para sensibilizar sobre o tema. A conclusión que se saca ao final é que o profesor só utiliza á florista para demostrar a súa pericia profesional, pero non se preocupa o máis mínimo de se a florista é feliz ou non, é un monicreque nas súas mans.
O final de curso debeu ser bastante intenso, porque pasei todo o mes de xuño sen escribir nada neste blog. Retomo agora, ao comezo das vacacións. Xa vira esta película hai algún tempo, como 10 anos, pero deixoume boa lembranza, así que non o pensei cando vin a oportunidade de vela de novo. Hai que recoñecer que ten bo ritmo e que a trama sáese un pouco do normal.
A película foi dirixida en 1994 por James Cameron (xusto antes de "Titanic") e os actores máis coñecidos do elenco son claramente Arnold Schwarzenegger e Jamie Lee Curtis, o resto son secundarios non demasiado coñecidos, agás Charlton Heston, que aparece só nunha escena, se non lembro mal. Por certo, o título orixinal sería "Mentiras verdadeiras", que foi o que puxeron en Hispanoamérica, en España decidiron ser máis creativos.
A historia trata dun home que realmente é espía, pero fai crer á súa familia que é un aburrido comercial. Debido a iso, a relación coa súa muller e a súa filla viase alonxando. Un día, intentando corrixir iso, averigua que a súa muller ten unha aventura cun tipiño que inicialmente tamén parece ser espía, pero que realmente acaba sendo un pardillo que se fai pasar por espía, cando realmente vende coches usados.
O verdadeiro espía consegue romper esa relación da súa muller, pero decide propoñerlle, sen que ela o saiba, que pase a colaborar coa espionaxe do seu país para a súa actual misión, que é impedir un perigoso tráfico de armas nucleares para uns yihadistas que queren atentar contra os Estados Unidos, como sempre.
Pois o dito, que esquecendo todo o tufillo fascistoide estadounidense que destila a película, resulta agradable de ver, porque ten un bo ritmo, e porque resulta interesante ver a cantidade de mentiras e enganos que utilizan moitos dos protagonistas para desenvolver as súas actividades convencionais.
Onte, no espazo de cine clásico da 2 botaban unha película que, se cadra non é tan clásica, porque tampouco é tan antiga, pero que está protagonizada por dous actores veteráns que estiveron de cheo na época do cine clásico, e que só coa súa presenza xa lle dan lustre á película. Por certo, en Hispanoamérica titulárona "Na lagoa dourada". Non estou seguro, pero creo que a tradución de "estanque" é máis apropiada.
A película foi dirixida en 1981 por Mark Rydell. Está baseada nunha obra de teatro de Ernest Thompson, e ben que se nota, porque toda a historia transcorre na casa de campo que ten a parella xunto ao estanque-lagoa, cun grande predominio dos diálogos. Obviamente, todo está pensado para o lucimento de Henry Fonda e Katherine Hepburn, e un pouco menos para Jane Fonda, pero case todo xira en torno a eles. A dicir verdade, o rapaz Doug McKeon tamén ten bastante presenza, e non o fai mal. En total, hai 8 personaxes, e varios deles só saen nunha escea.
A historia non ten moita chicha. Basicamente trata sobre as breves vacacións de verán que vai pasar esta parelliña de vellos na súa casa xunto á lagoa. Na primeira escea vese como sacan as fundas dos mobles, e na última vese como llas volven poñer. Van ter a visita da súa filla, que ten unha relación tirante co pai. Ela vén acompañada da súa nova parella e do fillo del. A visita é porque o home cumpre 80 anos. A idea é que a filla e o seu novo mozo marchen un mes de viaxe por Europa (onde acabarán casando) e lle deixen o fillastro, que ten 13 anos, á parella de septuaxenarios, a cousa pinta bastante fea.
Pero ao final acaban facendo boas migas e a cousa vai moito mellor do que se esperaba. Pero o drama candente é que a filla non entende por que razón as relacións co seu pai son tan frías. Non se considera culpable diso, pensa que el sempre foi moi esixente con ela e nunca a quixo. Pero acaban facendo as paces finalmente.
Nada, unha tranquila, lenta e agradable fábula sobre a vellez, a cercanía da morte. Aínda que ás veces faise algo lenta de máis e, se cadra, repetitiva. Dáme a impresión que todo estaba pensado para o lucimento sobre todo de Henry Fonda, que xa estaba moi maior. De feito, tamén era o pai de Jane Fonda na vida real, e parece que esta historia non era tan irreal, porque parece que as súas relacións non eran idílicas. O caso é que, pouco tempo máis tarde, déronlle o Oscar a mellor actor a Henry, e recolleuno a súa filla, porque el estaba xa moi enfermo. Morreu uns meses máis tarde.
Por terceira vez dende que comezou a pandemia en marzo de 2020, fun ao teatro. E de novo, a ver teatro galego no Fórum Metropolitano da Coruña. A razón de ir só a este recinto é que aí programan obras e compañías menos famosas, e as posibilidades de que se esgoten as entradas son moito menores que nos grandes teatros do centro da cidade, o Rosalía e o Colón. Coas restricións actuais, só caben unhas 50 persoas, pero polo menos de momento, vou atopando sitio.
Acabo de enterarme de que esta obra de teatro xa ten 3 anos, aínda que eu non oín falar dela ata este 2021. Ían representala na Coruña hai 3 meses, pero como houbo un novo surto que volveu pechar os recintos culturais, houbo que adiala. E por fin, a semana pasada puidemos disfrutala. Tíñalle botado o ollo dende a ocasión anterior, porque a historia semella interesante e intrigante.
Porque o máis interesante é que non che contan o que vai pasar na obra, senón cal é o contexto da mesma e a razón para facela. E aí prende a curiosidade. Unha vez vista, decepcionoume un pouco. Algunhas partes están mellor, outras peor, como pasa sempre, pero supoño que creou unhas altas expectativas que, ao final, non se cumpren tanto como un esperaría.
A obra é representada polo actor e músico Borja Fernández, que xa ten actuado con outras compañías galegas potentes como Chévere. E nalgunha desas obras xa deixou claro que tocaba instrumentos e que tiña unha vis musical moi potente no escenario. Está acompañado no escenario por Laura Iturralde, videojockey e manipuladora de obxectos. Claro, les isto e flipas bastante. Seguramente dis "pero estes dous que fan no escenario?". Videojockey é algo parecido a discjockey, supoño que xa o pillastes, e manipula obxectos colocando cousas diante de cámaras cuxas imaxes se proxectan en grande.
A idea é a seguinte: O avó paterno de Borja naceu na zona de Verín. Chamábase Benito Fernández Meiriño. Un día de 1959, pola mañán cedo, saíu da casa, dicíndolle á súa muller que ía de viaxe a Barcelona para facer uns negocios. Pero realmente, o taxi que colleu levouno ao porto de Vigo, onde subiu a un barco que o levou ao Brasil. Nunca volveu. Morreu no 2004. Só escribiu dúas cartas en todo ese tempo á súa muller. Na segunda, anunciáballe que na terceira lle contaría toda a verdade de por que tivo que fuxir, pero esa terceira carta nunha chegou, se é que algunha vez existiu.
Conseguiron localizar varias fotografías dos anos 70 e 80 nos que aparece en actos sociais da súa vila no Brasil. Conseguiron saber a que se dedicara en varios dos moitos traballos que tivo. Nos primeiros tempos estivo en Santos, e pode que en Sao Paulo, pero despois marchou para Salvador de Bahía (de aí o título da obra), e acabou afincándose nunha vila chamada Ilheus, que está considerada como a capital do cacao (entendo que no Brasil nada máis, pero non o sei). De feito, varias desas fotos son en celebracións relacionadas cos Jogos Internacionais do Cacao, que se prefiro non saber o que é.
E iso é todo. Por momentos ten un ritmo áxil e resulta sorprendente. Pero noutros momentos penso que se lle vai un pouco a cousa das mans e desvaría bastante. Pero a idea non está nada mal. Por certo, Borja contactou con familiares seus de Brasil, que son descendentes do seu avó, que tivo unha familia en Galicia á que abandonou, pero creou outra nova no Brasil, e agora semella que esas dúas familias se están coñecendo.
No 2014 publicouse este interesante libro. Eu debín mercalo naquela época ou pouco despois. Pero dada a súa estrutura, mentaliceime para a súa lectura lenta e fragmentaria, sen medo a perder a súa esencia. Remateino estes días, debín pasar 2 ou 3 anos léndoo, pero todo este misterio aclararase agora mesmo.
Foi publicado pola Universidade da Coruña, e as dúas coordinadoras son dúas profesoras desa universidade: Rocío Chao Fernández e María Dorinda Mato Vázquez. Consiste basicamente en breves biografías de centos de mulleres que destacaron no ámbito das Artes e as Ciencias, áreas nas que a muller tivo unha certa presencia pero que está case totalmente invisibilizada. Elas coordinaron case todos os capítulos temáticos, pero en varios encargáronse Roberto Suárez Brandariz e José María Mesías Lema.
Os capítulos nos que está estruturado son:
- Arquitectura e Enxeñería
- Astronomía
- Ciencias
- Cinematografía
- Escultura
- Fotografía
- Literatura
- Matemáticas
- Música
- Pintura
Deben ser en total algo máis de 400 biografías, así que non está nada mal. Dende logo, o propósito é moi noble e descúbrense cousas e persoas ben interesantes. Tamén é certo que o libro non é perfecto e ten algúns defectos, pero poden ser comprensibles ao abranguer tantos campos diferentes. Aínda así, vin algunha cousa algo estraña, como algunha biografía repetida, porque non detectaban que unha muller tiña apelido diferente de solteira e de casada (pasa moito na cultura anglosaxona), algunha figura que se cadra non estaba encadrada na categoría temática na que máis destacou, e algún outro tema lingüístico, como palabras ou frases en castelán (non sería raro que algunha biografía ou fragmento sexa unha tradución doutra, e tampouco é pecado), ou incluso máis raras, o que pode facer pensar en tradución do inglés cun tradutor automático, co perigo que iso ten.
Pero vaia, en xeral, ben interesante, e este libro non sairá da miña casa, porque é unha obra de consulta útil para calquera momento.