venres, 2 de xullo de 2021

Mentiras arriscadas

O final de curso debeu ser bastante intenso, porque pasei todo o mes de xuño sen escribir nada neste blog. Retomo agora, ao comezo das vacacións. Xa vira esta película hai algún tempo, como 10 anos, pero deixoume boa lembranza, así que non o pensei cando vin a oportunidade de vela de novo. Hai que recoñecer que ten bo ritmo e que a trama sáese un pouco do normal.

A película foi dirixida en 1994 por James Cameron (xusto antes de "Titanic") e os actores máis coñecidos do elenco son claramente Arnold Schwarzenegger e Jamie Lee Curtis, o resto son secundarios non demasiado coñecidos, agás Charlton Heston, que aparece só nunha escena, se non lembro mal. Por certo, o título orixinal sería "Mentiras verdadeiras", que foi o que puxeron en Hispanoamérica, en España decidiron ser máis creativos.

A historia trata dun home que realmente é espía, pero fai crer á súa familia que é un aburrido comercial. Debido a iso, a relación coa súa muller e a súa filla viase alonxando. Un día, intentando corrixir iso, averigua que a súa muller ten unha aventura cun tipiño que inicialmente tamén parece ser espía, pero que realmente acaba sendo un pardillo que se fai pasar por espía, cando realmente vende coches usados.

O verdadeiro espía consegue romper esa relación da súa muller, pero decide propoñerlle, sen que ela o saiba, que pase a colaborar coa espionaxe do seu país para a súa actual misión, que é impedir un perigoso tráfico de armas nucleares para uns yihadistas que queren atentar contra os Estados Unidos, como sempre.

Pois o dito, que esquecendo todo o tufillo fascistoide estadounidense que destila a película, resulta agradable de ver, porque ten un bo ritmo, e porque resulta interesante ver a cantidade de mentiras e enganos que utilizan moitos dos protagonistas para desenvolver as súas actividades convencionais.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...