A maxia non me desagrada, en absoluto, pero tampouco poño moito interese en ir a actuacións de magos ou magas. Pero si que collín certo hábito en ir a cada unha das edicións navideñas do Galicia Magic Fest, que o mago pontevedrés trae de xira pola súa terra todos os anos. Xa vai pola oitava edición.
O deseño do espectáculo é o habitual. Cada un dos convidados fai o seu truco estrela (algúns saen dúas veces, outros non), e no intermedio entre números, cando supoño que están preparando de novo o escenario, Pedro Volta sae para escenificar algún dos seus números. Non sabería dicir por que, pero este ano pareceume que o espectáculo era algo máis frouxo que noutras ocasións, pero en calquera caso, pasouse un rato moi agradable.
Os convidados deste ano foron:
- Un sueco chamado Hakan Berg, algo cómico, que facía números con paxaros (pero mecánicos, non de verdade) e cousas que el facía voar.
- O estadounidense Trigg Watson, que fai trucos de interacción con redes sociais nun móbil, sacando e metendo obxectos en vídeos que se están vendo en directo.
- Lea Kyle, unha francesa que practica o "quickchange", que consiste en cambiar de traxe a toda velocidade en poucos minutos.
- Anca e Luca son unha parella, ela rumana e el austríaco, na que ela é mentalista e el simplemente un "azafato". Ela, cos ollos tapados, vai adiviñando cousas que pensan ou escriben uns convidados que saen ao escenario.
- Por último, Hun Lee é un coreano que fai trucos con cartas e incluso mazos completos na súa caixa.
Aquí abaixo tedes algún video de cada un deles.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario