Onte asistimos a unha edición máis de Galicia Magic Fest, organizada polo mago galego Pedro Volta, e que trae todos os anos (supoño que pararon na época da pandemia), na época do Nadal, ás principais cidades e vilas de Galicia un espectáculo con varios dos mellores magos do Estado e do planeta. Resulta moi amena e variada, uns gustan máis e outros menos a cada persoa, pero normalmente resulta agradable de ver. Normalmente Pedro Volta actúa entre as actuacións dos demais. Nesta edición puidemos ver o seguinte:
- Jun Woo Park, de Corea do Sur, facía un moi vistoso truco de cartas que manipulaban a música que oíamos no auditorio.
- Jessica Guloomal, das Illas Canarias, presentou un curioso truco no que era capaz de avanzar por unha liña de tiza e esquivar bolsas que tiñan cristais rotos cos ollos pechados. Polo que se ve no seguinte video, o de andar por enriba de cristais rotos xa o ten moi adestrado.
- Mikael Szanyiel, de Francia, que facía unha breve actuación, máis divertida que máxica, na que semellaba cantante de ópera e director de orquestra, e na que algúns elementos da escena, como os micros e as partituras, parecían cobrar vida propia.
- Eric Chien, de China, semella que agora mesmo é o mago máis sorprendente do mundo. O seu número coas cartas que cambian de cor resulta bastante incrible.
- Mag Marín, de Cataluña, con divertidos e variados trucos
- E haberá que rematar con Pedro Volta, facendo un truco en galego nun asteleiro.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario