sábado, 27 de abril de 2024

Falando a boca chea 2024

Sempre me gusta moito asistir a este ciclo de contacontos que se celebra todos os anos a poucos minutos da miña casa, no Fórum Metropolitano, pero este ano non foi posible apenas, cadroume bastante mal.

Este ano só puiden asistir á primeira das funcións, a do mércores, na que contaba Cándido Pazó. Como digo ultimamente, gústame moito, xa perdín a conta das veces que o vin actuar (e sumei outra máis), pero xa non o vexo tan áxil nin resultón coma antes. Xa pasa claramente dos 60 anos, e supoño que a idade non perdoa. Aínda así, sempre resulta agradable asistir a unha das súas contadas.

O resto do artigo vai ser para explicar o que me perdín. Unha das visitas que máis me atraía era a segunda, a do xoves, Sole Felloza, unha contadora uruguaia que leva máis de 20 anos en Galicia contando en galego. Crucei a cidade case de punta a punta para vela, pero cheguei uns minutos tarde e o acceso ao auditorio xa estaba pechado, outra vez será. O venres viña un tal Alexandre Sá, que creo que é portugués ou brasileiro, pouco máis sei. E o sábado actuaba o meu colega Victor Grande, ao que tamén xa vin actuar unhas cantas veces, pero ese día resultábame imposible asistir.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...