domingo, 11 de xaneiro de 2026

1917

Onte pola noite vin esta película, da que me falaran bastante ben. Polo visto, levou bastantes premios, e chamoume a atención que a ofreceran en moitas plataformas, entre elas RTVE Play, que é onde a vin. A verdade é que eu non son nada devoto do cine bélico, pero parecía haber indicios interesantes, así que me animei, e gustoume bastante.

"1917" é unha produción británica (nótase ben que non é estadounidense) dirixida por Sam Mendes en 2019. O papel protagonista principal é para George MacKay (está durante toda a película) e o outro máis importante, e case único, é para Dean-Charles Chapman (que aparece case en media película). O resto son secundarios que aparecen só durante un par de escenas, como moito. Podemos destacar a Benedict Cumberbatch, Colin Firth, Mark Strong, Richard Madden e Andrew Scott. Isto débese a que a película é un inmenso plano-secuencia no que a cámara vai seguindo ao/s protagonista/s (ao comezo son dous, despois só un) dende o seu comezo ata o final.

A historia é máis ou menos simple. Estamos na fronte occidental da I Guerra Mundial en abril de 2017. Nun determinado batallón reciben a información de que a suposta retirada dos alemáns dunhas trincheiras é realmente un engano, xa que están reagrupándose un pouco máis atrás para coller nunha trampa a todos os militares ingleses que sexan tan inxenuos como para non decatarse do engano.

A poucos quilómetros atópase outro batallón británico, formado por uns 1600 efectivos, pero sábese que ese segundo batallón non recibiu aínda a información tan detallada da trampa, e están convencidos de que caerán nela. Polo tanto pídenlle a dous cabos que leven a información a ese segundo batallón para que non fagan o ataque previsto. Eses dous cabos son Blake (que ten un irmán no segundo batallón) e Schofield.

Comezan a cruzan a "terra de ninguén" e as trincheiras abandonadas polos alemáns con bastante facilidade, aínda que algúns lles dicían que non podía ser certo. Nunha trincheira métense por uns túneis e resulta que os alemáns deixaran algunhas trampas explosivas, e caen nunha delas. Blake fuxe facilmente pero Schofield é salvado por Blake, xa que quedou totalmente soterrado baixo os escombros.

Seguen avanzando e chegan a unha granxa abandonada. Alí ven un pequeno combate aéreo entre dous cazas británicos e un alemán, que ganan os británicos. A sorpresa é que o caza alemán fai unha aterraxe de emerxencia e estrélase contra o graneiro no que estaban eles. Salvan a vida do piloto alemán, que xa tiña ardendo parte do traxe. Blake propón atendelo, mentres Schofield propoñía rematalo. Cando Schofield vai coller auga, o piloto alemán liberáse a apuñala a Blake no ventre. Schofield mátao, e Blake morre uns minutos máis tarde.

Xusto nese momento pasa unha caravana británica doutro batallón, que vai noutra dirección, e ofrécense a levalo, e vai con eles uns quilómetros, pero finalmente afástase deles porque a ponte pola que tiñan que cruzar un río está derribada. Báixase e cruza a pé, pero alí está a piques de ser asasinado por un francotirador que quedaba nun edificio, pero consegue rematalo el, aínda que cae por unhas escaleiras e leva un golpe na cabeza.

Esperta xa de noite e cruza a aldea, que está en ruinas e con algún edificio ardendo. Aínda quedan algúns soldados alemáns, aos que consegue matar ou fuxir deles, e tamén coñece a unha muller e un bebé que están agochados nun soto. Finalmente fuxe tirándose ao río, que ten uns rápidos e unha fervenza. Máis adiante o río é moito máis tranquilo, e nun bosque ao seu carón, está o segundo batallón que el estaba buscando, que xa comezaron a atacar aos alemáns.

Consegue chegar ata o militar ao mando, e coa carta que lles deran, consegue convencelo de que non debe proseguir con aquel ataque. Finalmente tamén atopa ao irmán de Blake, comunícalle que morreu e en que circunstancias, e dálle os seus obxectos persoais.

Por algunha crítica que lin, todo está razonablemente ben, pero semella que historicamente non é moi fiable porque se romantizou demasiado a guerra. Polo que se di, na I Guerra Mundial xa houbo unhas masacres terribles onde morreron centos de milleiros de soldados, e armar tanto lío por 1600 non tiña ningunha lóxica.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...