mércores, 12 de novembro de 2025

As tumbas de Atuan (Historias de Terramar II)

Un ano máis tarde no Culturgal, merquei a segunda parte da saga de Terramar de Úrsula K. Le Guin. Unha das persoas da editorial Boadicea incluso lembraba que mercara a primeira parte o ano anterior (debo deixar pegada alá onde vou). Así que merquei esta segunda, titulada "As tumbas de Atuan", que se escribiu no ano 1971, só tres anos despois da primeira. A idea vén sendo mercar as catro partes que faltan a finais deste mes, cando volva ao Culturgal.

Esta segunda parte xa é algo diferente. Poderíamos dicir que incluso a temática é algo relixiosa, porque case todo xira en torno a un lugar secreto nunha illa onde renden tributo aos deuses. A protagonista principal é a Sacerdotisa Única, que se chamaba Tenar de pequena, pero que acolle o nome de Arha ao ser nomeada sacerdotisa (xa dixen no artigo sobre a primeira parte que saber o nome real de todas as cousas e persoas outórgache moito poder sobre elas).

Todo vai ben nese mundo ideal dos templos ata que aparece Ged, o feiticeiro da primeira parte, entra en contacto con Arha, e os seus plans de vida comezan a cambiar. Finalmente hai un grande cataclismo que bota abaixo os templos onde se adoraba aos deuses das illas e Arha e Ged marchan, porque cada un deles tiña a metade dun anel máxico que era moi esperado no resto de Terramar.

Verase que sucede nas seguintes partes.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...