mércores, 1 de outubro de 2025

O Ministerio do Tempo

Os saltos no tempo sempre deron moito xogo en calquera obra artístico-cultural de ficción, tanto narrativa como audiovisual. Pero hai que recoñecer que a serie "O Ministerio do Tempo" foi un puntazo. Estreouna RTVE en 2015 e xa tivo un éxito instantáneo. Eu oín falar dela, e non tiña mala pinta, pero tiña cousas mellores que facer naquel momento, e non comecei a vela ata moitos anos despois, pouco despois de mercar a miña actual Smart TV. Debeu ser no 2021 ou 2022, supoño. E pareceume fantástica.

Certo é que tampouco é moi extensa. Catro tempadas que suman un total de 42 capítulos (e unha mínima precuela de 10 minutos da última tempada). De feito, eu vin en pouco tempo as tres primeiras tempadas, e tiven que deixar de ver a cuarta e última porque, aínda que saía anunciada en RTVE Play, cando intentaba ver eses contidos, dicía que "non podía velos nesa ubicación". Creo que nese momento aínda estaba dispoñible nalgunhas outra plataforma de "streaming". Pero mira ti por onde, hai unha semana lembrei que estaba pendente, probei, e xa podía ver os oito capítulos da última tempada, e iso fixen. Por certo, esta última tempada saíu despois de 2 ou 3 anos de parón na emisión.

Os datos técnicos son coñecidos. A obra foi creada polos irmáns Javier e Pablo Olivares (este último morreu de ELA en 2014, así que non chegou a ver nin a estrea en televisión. O elenco estivo formado, nos principais papeis, por Rodolfo Sancho, Hugo Silva, Aura Garrido, Nacho Fresneda, Macarena García, Cayetana Guillén Cuervo, Juan Gea, Francesca Piñón e Jaime Blanch.

Non vou contar moito da serie, porque non creo que sexa necesario, pero se alguén non a viu e está interesado, é máis que recomendable. Consiste en saltos no tempo, diso xa hai máis, pero estes están relacionados coa historia de España. Polo tanto, o equipo de "axentes" ten que ir a diferentes lugares e momentos da historia polas portas dos tenebrosos corredores do Ministerio, para "resolver" problemas que poden xurdir no pasado e que poderían cambiar o presente que agora todos coñecemos. Dende logo, hai que recoñecer que a idea é moi brillante.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...