sábado, 11 de outubro de 2025

O gran Gatsby

Hai pouco entereime que se cumpría un século da publicación da famosa novela "O gran Gatsby" de Francis Scott Fitzgerald. Tamén souben que había dúas versións cinematográficas, e tiven ganas de ver a primeira, de 1974, protagonizada por Robert Redford, que acaba de morrer, e así xa facía dobre homenaxe. Pero isto segundo non foi posible de momento, así que houbo que conformarse coa segunda versión, moito máis recente.

"O gran Gatsby" foi dirixida en 2013 polo director australiano Baz Luhrmann, que aproveitou para meter a uns cantos actores desa orixe, aínda que sexan xa algo famosos. O elenco está formado nos seus papeis principais por Leonardo DiCaprio, Tobey Maguire, Carey Mulligan, Joel Edgerton, Elizabeth Debicki e Isla Fisher. Xuraría que algunha vez oín que as películas deste director eran algo peculiares, porque ten un sentido do espectáculo visual non moi comprendido. Certo é que si ten escenas peculiares, e formas de rodar non convencionais, pero neste caso non creo que lle sente mal á historia.

O narrador da historia é Nick Carraway, un escritor que acaba traballando no mundo de Wall Street nos tolos anos 20, e que vai vivir a unha modesta casa en Long Island. Casualmente a carón da súa casa está a fastuosísima mansión dun multimillonario pero case descoñecido chamado Jay Gatsby, que organiza todas as fins de semana festas multitudinarias e luxosas nas que todo o mundo se autoinvita, pero parece que ninguén sabe quen é realmente. Un día Nick recibe unha invitación para ir á festa, pero cando chega alí, resulta que é o único que tiña invitación, os demais están alí porque lles dá a gana, e ninguén lles pide nada. Por unha estraña coincidencia, acaba coñecendo en persoa a Gatsby, que é tan novo coma el, e que parece ter un interese especial en cultivar a súa amizade.

Un día vai visitar ao outro lado da baía na que vive á súa curmá Daisy Buchanan. Polo que se ve na súa casa, onde tamén se vive ao ritmo tolo daqueles anos (polo que se conta), ela non é demasiado feliz. Entre outras cousas porque o seu marido Tom, que é un crápula, ten unha dobre vida cunha amante que todo o mundo coñece ou intúe. De forma estraña, Nick sae da casa con Tom e os seus colegas (pero non con Daisy) e vai a unha festa a outra vila na que coñece á amante de Tom.

O interese que tiña Gatsby en Nick resúmese en que quere recuperar a Daisy, que foi o único amor da súa vida, e quere utilizar a Nick, que é curmán seu, para conseguilo. O resto da historia avanza nesa dirección, aparentemente de forma incontestable, pero na parte final tórcese porque pasan cousas inesperadas que non vou contar aquí (aínda que a novela xa ten 100 anos).

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...