Hai unhas semanas celebrábase o Día dos Medios en Galego que, obviamente, non tivo demasiada repercusión. Pero os máis interesados no tema soubemos que un dos actos "estrela" ía ser un concerto que tivo lugar no Playa Club da Coruña. Tocaban dous grupos de música que cantan en galego, e neste caso tamén están unido polo feito de que todas as súas integrantes son mulleres.
O primeiro dos grupos é Leria, catro (polo que semella, xa son cinco) rapazas da Coruña que tocan un pop-rock bastante fresco. Xa as vira actuar no xuño pasado no festival que organizou "Aquí tamén se fala" no barrio da Cidade Escolar. Alí era un concerto ao aire libre, ruído de tráfico, etc., e non me deran moi boa impresión. Nesta ocasión, ao ser nunha sala pechada, e cunha grande calidade de son, parecéronme moi boas.
O segundo grupo é A Banda da Loba, para min unha das mellores que hai actualmente no país, con diferenza. Xa debía ser a terceira ou cuarta vez que as veía, e sempre ofrecen concertos moi amenos e interesantes. Están presentando o seu quinto disco, titulado "Lovismo". Cambiaron de guitarrista, antes estaba Inés Mirás (parece que tivo que deixar o grupo por enfermidade, polo que lin nalgures) e ficharon a Iria de Cabo, que demostrou sobradamente o seu virtuosismo no instrumento.
Teño constancia de algunha xente que asistiu a este concerto sen saber moi ben onde ía e ficou moi gratamente sorprendido, sobre todo co segundo grupo.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario