Supoño que xa comentei aquí algunha vez que son moi fan do personaxe de Sherlock Holmes dende hai décadas, e está claro que non son a única persoa do mundo á que lle pasa. Se non me equivoco, iso vén dende a miña infancia. Porque aínda teño por casa un fascículo dunha colección con relatos de terror ou thriller, que editou Bruguera a principios dos anos 80. Nese fascículo, dedicado a ese personaxe, veñen uns 8 ou 10 relatos que lin con paixón no seu día.
Cada certo tempo lembro esta teima, e vexo en Youtube algunha das vellas películas dos anos 40 baseadas (ou non) nos relatos de Arthur Conan Doyle. E se vistes este blog hai unhas semanas (ou sexa, algo máis abaixo), vin hai pouco na Filmoteca de Galicia unha magnífica versión de "O sabuxo dos Baskerville", que reavivou este lume. Así que unha noite volvín a Youtube para ver algunha película deste personaxe, calquera me podía valer. E caeu esta.
"A garra escarlata" foi dirixida en 1944 por Roy William Neill, que se especializou nas películas desta saga. Os dous papeis principais foron para Basil Rathbone e Nigel Bruce (facendo de Sherlock e Watson, obviamente). Hai moitos e moi bos secundarios pero non me soa absolutamente ningún. Que quede claro que esta película non está baseada en ningún relato de Conan Doyle, senón que está inspirada precisamente no "Sabuxo dos Baskerville", en canto a ambientación e tipo de misterio.
Sherlock Holmes e o Doutor Watson están en Quebec nun congreso de ocultismo, e alí coinciden con Lord Penrose, que precisamente preside a sociedade canadiense de ocultismo. Están discutindo sobre unha estraña lenda da vila na que vive Lord Penrose, que provocou a morte de moitas ovellas degoladas nos últimos tempos, o que fai pensar a algúns aldeanos que hai un animal moi fero que ninguén consegue ver nin localizar.
Obviamente, Holmes non cre niso, pero cando están alí, reciben a noticia de que a muller de Lord Penrose acaba de morrer do mesmo xeito, e desprázanse todos ao lugar para investigar. Holmes faise o despistado e manda a Watson a investigar á taberna, a ver que información pode conseguir. Mentres, el mesmo, de incógnito, tamén comeza a investigar noutros lugares cercanos. Sen desvelar moito o final, acábase descubrindo que o asasino é un antigo actor con moita capacidade de mimetismo e transformismo que pasa desapercibido na comunidade desenvolvendo varios papeis diferentes.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario