Despois de bastante tempo sen ver o espazo de cine clásico da 2 dos luns pola noite, debido a que repoñían películas que proxectaran había pouco tempo, tocaba estrear unha para min descoñecida, titulada "Malas rúas", que me decepcionou bastante, pareceume bastante mediocre. É das primeiras películas de Scorsese e narra a vida no barrio de Little Italy en Nova Iork (aínda que parece que parte da rodaxe foi en Los Ángeles) entre mafiosillos de pouca monta que queren ascender na organización, pero que son moi trapalleiros. Seguro que hai moita a quen lle interesan esas historias, pero parece que a min non.
"Malas rúas" foi dirixida por Martin Scorsese en 1973, e no elenco destacaban Harvey Keitel e Robert De Niro, e como curiosidade, en papeis menores aparecen o propio Martin Scorsese e David Carradine.
Pois nada, o Charly este é un mafiosillo que quere medrar nese mundo, entre outros axudando e traballando para o seu tío Giovanni, que xa é un xefazo moito máis importante. Pero o seu principal problema é a axuda que lle presta ao seu colega, Johnny Boy, que se mete en líos continuamente e que ten continuas débedas que nunca paga. Por se non chegara con iso, Charly está liado con Teresa, curmá de Johnny, que ten epilepsia (aínda que raramente lle dán ataques, pero na parte final da película si ten un), e iso pode meterlle en problemas na organización.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario