sábado, 16 de novembro de 2024

O home que matou a Antía Morgade

Hai unhas semanas conseguín algo de tempo para ler, un dos meus placeres favoritos. A novela era algo longa, unhas 450 páxinas, pero tamén é certo que é de doada e rápida lectura, moitos diálogos e capítulos curtos, de 3-4 páxinas, así que non levou demasiado tempo.

A novela é "O home que matou a Antía Morgade", unha máis da autoría de Arantza Portabales, que está moi de moda (tamén en castelán), e da que xa lin tres obras, todas cortadas polo mesmo patrón. Sospeito que nunca vai ganar o Nobel de Literatura, pero entretén bastante.

Nesta ocasión a trama xira en torno a un grupo de seis persoas (catro homes e dúas mulleres) que se coñeceron hai máis de vinte anos nun piso de acollida en Santiago de Compostela, xa que as súas familias estaban desestruturadas. Realmente o grupo estaba formado por sete, xa que a sétima era a Antía Morgade do título, que tamén era a irmá dun dos outros, e que se suicidou naquel piso de acollida debido a algo que se vai desvelando na novela.

Os seis supervivintes xúntanse moito tempo despois en Compostela para cear, debido á volta dun deles a España, que é un famoso biólogo moi querido pola poboación, xa que foi unha das caras visibles da ciencia durante a pandemia. Esa cea ten lugar a noite do 24 de xullo, e durante os fotos artificiais, un deles aparece morto na mesa. Ninguén sabe quen foi, todo estaba a escuras na terraza para ver ben o espectáculo, e todos saben da noticia ao volver á mesa, onde está o morto.

Comeza un período de paranoia, e todos pretenden culpar a un antigo monitor que tiveran no piso de acollida, que algún tempo despois da morte de Antía Morgade fora culpado de abusos sexuais a moitas rapazas que pasaran por aquel piso. Ademais xúntase que un dos detectives investigadores foi compañeiro de clase de varios deles, así que a cousa se lía algo máis.

Non hai moito que dicir, entretén, non é unha marabilla pero déixase ler.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...