venres, 15 de novembro de 2024

Ingrávida

Hai pouco convidáronme a un concerto da xira "Ingrávida" de Mercedes Peón que tiña lugar no Ágora da Coruña. Aínda que me gusta moito a súa música, espertábame un certo receo por unha confusión da que só eu tiven a culpa. Estivera buscando música súa para unha entrevista que lle fixemos na radio hai un par de anos, e baixo o título de "Ingrávida" viñan unha serie de pezas tremendamente experimentais, instrumentais (iso non me preocupa en absoluto) e acompañando danza contemporánea (iso xa me preocupa algo máis) que eran difícilmente dixeribles, e pensei que o concerto consistiría nalgo como iso, e non o tiña eu demasiado claro.

Pero resulta que a xira "Ingrávida" de Mercedes Peón non se trata diso (por sorte, entereime a tempo) e fun ao concerto, que estivo fantástico. É como un "grandes éxitos" de toda a súa carreira en solitario, que xa dura máis de 20 anos, e rodéase dun fantástico elenco de artistas, músicas e cantoras que producen un espectáculo autenticamente apabullante.

Son 16 mulleres en escea:
- Mercedes Peón acompañada das súas compañeiras habituais agora, Ana Fernández e Mónica de Nut.
- Caamaño e Ameixeiras
- As cinco cantantes e pandereteiras de Raigañas
- As tres cantantes e pandereteiras de Xirifeiras (realmente creo que son catro, pero neste concerto só estaban tres)
- As dúas cantantes dun pequeno grupo, que me pareceu entender que se chamaban GaLíricas (nalgunhas webs chámanlles ConcertoTempo)
- A artista visual Laura Iturralde, que tamén estaba sobre o escenario producindo imaxes para a pantalla xigante do fondo.

Non sei se esta xira durará moito máis (non sei se escoitei que este do Ágora era o último concerto), pero se tedes a oportunidade, non o perdades.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...