domingo, 18 de agosto de 2024

Zona mortal

Titulándose "Zona mortal" (aínda que o título orixinal é "Radius") e estando visible gratuitamente na sección de ciencia-ficción de Rakuten (tamén acabo de atopala en Youtube), podíase pensar que é outra película mediocre máis. É modesta e seguro que de orzamento contido, pero resulta moi interesante de ver, ademais de non moi longa.

Esta película canadiense foi dirixida en 2017 por Caroline Labrèche e Steeve Léonard, que tamén se encargaron do guión. O elenco está formado por Diego Klatenhoff e Charlotte Sullivan, pero tamén poderíamos mencionar a Brett Donahue. Os demais son totalmente puntuais e irrelevantes.

A película non é moi coñecida, ten poucos anos e moito misterio, así que só vou contar as premisas iniciais, que resultan moi interesantes, para non desvelar nada do sorprendente desenvolvemento e final da historia.

Un tipo esperta dun accidente de coche e non lembra nada, nin sequera o seu nome. Vai buscar axuda e só atopa cadáveres. E pouco despois descubre que todos os seres vivos morren instantáneamente cando se achegan a el, cando están a uns 10-15 metros de distancia. Consegue localizar a súa casa e encláustrase alí, pero recibe a visita dunha muller que, a diferenza do resto de seres vivos, non morre ao achegarse a el, e dille que ela tamén ía no coche co que tivo o accidente. Pero ningún dos dous lembra nada nin coñece ao outro.

Como vedes, a premisa inicial é moi interesante e sorprendente, e o que pasa despois aínda máis, así que recomendo o seu visionado.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...