domingo, 23 de xuño de 2024

O bazar das sorpresas

Seguramente xa dixen nalgún momento neste blog que teño moita debilidade polo director Ernst Lubitsch. O outro día botaban no CGAI a película "O bazar das sorpresas" (o título orixinal sería algo así como "A tenda da esquina"), e decidín ir vela en versión orixinal, na que seguramente será a última visita a esa institución nesta tempada. 

Como curiosidade, direi que a película está baseada nunha obra de teatro húngara, está ambientada no centro de Budapest (pero recreado en decorados de Hollywood, obviamente, de feito, case todo sucede dentro da tenda) e os rótulos dentro da tenda están en húngaro (ten lóxica, pero no cine estadounidense raramente teñen esa sensibilidade). Polo visto, Lubitsch normalmente adaptaba obras de autores centroeuropeos.

"O bazar das sorpresas" foi dirixida en 1940 por Ernst Lubitsch, e os principais papeis do elenco foron para James Stewart, Margaret Sullavan, Frank Morgan, Sara Haden, Joseph Schildkraut, Felix Bressart, William Tracy e Inez Courtney.

A película trata principalmente das relacións entre o xefe e os empregados da tenda Matuschek, no centro de Budapest, sobre todo poñendo o foco en dous dos seus empregados, un que é considerado a man dereita do xefe (de feito, o substitúe temporalmente cando o xefe está de baixa) e unha nova empregada que é contratada ao comezo da película.

Parte do enredo vén dunha práctica que existía antes (agora coas redes sociais pasa algo semellante), que une a estes dous protagonistas, xa que manteñen dende hai algún tempo unha relación por carta, que os ten totalmente embelesados, pero non se coñecen en persoa. De feito, na tenda, el é o superior xerárquico dela, e están sempre discutindo por criterios profesionais, e non se soportan.

Nalgún momento da película el descubre que ela é a súa "namorada", pero intenta evitala, xa que o descubre exactamente no intre no que é despedido da tenda por unha decisión equivocada do xefe, que o confunde cun posible amante da súa muller, que realmente é outro empregado, bastante menos fiel e fiable. Finalmente atrévese a revelar que el é o seu correspondente epistolar e a historia acaba ben, faltaría máis.

Por certo, botaban esta película no CGAI, se non entendín mal, porque era unha das películas que aparecía nun libro dun famoso crítico que analizaba os mellores guións da historia do cine. Estou de acordo con que é un guión fantástico, e ten uns diálogos de nivel sublime. Este guión foi escrito por Samson Raphaelson e Ben Hetch, que teñen fama de ser dos mellores guionistas do Hollywood clásico.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...