domingo, 23 de xuño de 2024

Doce homes sen piedade

Nos últimos meses estaban botando, no espazo de cine clásico da 2, películas repetidas dos últimos tempos, por iso case non vin ningunha. Pero a semana pasada botaron unha que había anos que non veía, así que recunquei. É a famosa "Doce homes sen piedade", o famoso drama xudicial no que un xurado formado por doce homes brancos (non imos afondar nese tema, aquela época non estaba para tantas florituras) debaten se un determinado acusado é culpable ou non. Como curiosidade lingüística, diremos que o título orixinal sería algo así como "12 homes enoxados" (a verdade é que uns cantos deles si o parecían, outros non tanto) e en Hispanoamérica fóronse a "12 homes en pugna". Foi a primeira película do célebre director.

"Doce homes sen piedade" foi dirixida en 1957 por Sidney Lumet. O elenco dos doce integrantes do xurado estaba formado por Henry Fonda, Martin Balsam, John Fiedler, Lee J. Cobb, E. G. Marshall, Jack Klugman, Edward Binns, Jack Warden, Joseph Sweeney, Ed Begley, George Voskovec e Robert Webber. O resto dos actores (non aparece nin unha soa muller, que eu lembre) son totalmente secundarios e din unha frase, como moito, algúns nin iso.

Como supoño que saberedes, non ten moita chicha (ou si, segundo se mire). Está celebrándose un xuízo no que parece que un fillo dunha familia de baixa extracción social mata ao seu pai nunha discusión. Despois do mesmo, o xuíz pídelle ao xurado que debatan sobre a culpabilidade do acusado, lembrándolles que ten que haber unanimidade para unha decisión ou para a contraria.

Dende o momento inicial, hai 11 xurados que parecen estar convencidos da culpabilidade do acusado, agás 1, que non o ten nada claro e que expresa moitas dúbidas razonables. Vai expoñendo o seu argumentario, exasperando a algúns deles aos que non lles preocupa levar a un rapaz á cadeira eléctrica (porque ese vai ser o seu final, polo visto), e que incluso teñen certa presa por ir ver un partido do seu equipo favorito. Aos poucos, vai convencendo a todos os demais, ata conseguilo incluso cos que parecían máis contrarios a esa decisión.

Parece que se fixo unha versión desta obra (claramente teatral) no espazo Estudio 1 de RTVE, que está dispoñible en Internet.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...