sábado, 15 de xuño de 2024

Festival de música "Aquí tamén se fala"

Hai un ano, máis ou menos, naceu no IES Rafael Dieste da Coruña un curioso programa de normalización da lingua galega no ensino que, como tantos outros, era unha boa idea, pero que está tendo un éxito espectacular. Simplemente consiste en que o alumnado vaia visitando os comercios e outros establecementos públicos da súa zona de influencia e que pidan perimso para poñer un cartel que poña "Aquí tamén se fala galego".

Tivo un grande éxito, e convidaron a outros institutos públicos e colexios privados a unirse na campaña, e xa van uns 200 en toda Galicia. Ademais diso, tamén publicaban fotos nas redes sociais nas que se veían os carteis nos comercios. E tamén conseguiron (a súa viralidade debeu vir de aí) que algunhas figuras internacionais como Viggo Mortensen ou James Rhodes lles mandaran videos apoiando a campaña.

O seguinte paso foi, para rematar o curso, organizar na Praza da Tolerancia, no centro da mesma Cidade Escolar na que se atopa o instituto, un festival de música con grupos que cantan en galego. Durou toda unha tarde de venres, e ateigou a praza e os bares e restaurantes da zona, que seguro que agradeceron a iniciativa.

Tocaron catro grupos: Leria, Lontreira, Boyanka Kostova e Grande Amore. Leira é un grupo de pop-rock, o único "clásico" no que unha serie de persoas (neste caso, catro mulleres) tocan os seus instrumentos, e mirando para o escenario entendes de onde sae o son porque ves como tañen os seus instrumentos en directo. Nos outros tres grupos non pasa iso. Lontreira e Grande Amore parecéronme encadrados nalgo así como pop electrónico, que polo visto, gusta moito últimamente. Nos dous casos había un ou unha cantante (nalgunhas cancións máis), unha persoa (ás veces dúas) nas bases electrónicas na parte posterior do escenario, que é de onde saía a maior parte do son, e ás veces alguén tocando unha guitarra eléctrica que era moi difícil de distinguir entre o atronador son. Boyanka Kostova é o único grupo que non vimos, pero polo visto fan trap en galego, baseado en letras e melodías tradicionais. Estabamos ceando nunha terraza a uns 200 metros e as vibracións dos edificios eran terribles. Non teño moi claro se me perdín algo interesante, pero teñen moitos e moi fieis seguidores.

Saúdos.






Ningún comentario:

Publicar un comentario

Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...