sábado, 15 de xuño de 2024

Tarzán dos monos

Hai algún tempo, por casualidade, entroume unha certa nostalxia por ver algunha das antigas películas de Tarzán en branco e negro protagonizadas por Johnny Weismuller, famoso campeón de natación. Mirei en Youtube e non atopei nada, agás fragmentos moi breves. É posible que non fixera unha búsqueda moi exhaustiva, pero mirei de novo a semana pasada e xa atopei completa e en español a primeira da saga, pero parece que a subiron hai só un ano. O caso é que puiden vela e aplacar a nostalxia.

"Tarzán dos monos" (vaia, o título orixinal semellaba máis ben "Tarzán o home mono") foi dirixida en 1932 por W.S. Van Dyke. Os papeis principais foron para Johnny Weissmüller, Maureen O'Sullivan, Neil Hamilton e C. Aubrey Smith.

A trama non ten moita chicha. Dous cazadores occidentais están nunha expedición en África intentando atopar un mítico cementerio de elefantes do que fala a poboación indíxena con moito horror. Eles só pensan na manchea de cartos que gañarían se atoparan todo ese marfil. Nese intre chega a filla dun deles, e outro, que é máis novo, namora dela.

Nunha das súas saídas, a fermosa muller é "raptada" por un estraño home mono que atopan no seu camiño, e que os ten totalmente desconcertados, porque non sabían da súa existencia. Jane (ese é o nome da filla) volve á expedición co seu pai e o seu compañeiro de caza, pero xa é moi diferente a opinión que ten de Tarzán. Toda a expedición é capturada por outros indíxenas pouco amistosos e Tarzán, Chita e os elefantes axudan a liberalos. Como un dos elefantes está ferido, diríxese por el mesmo ao cementerio.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...