sábado, 27 de abril de 2024

O piano

Este ano están botando no Teatro Colón da Coruña un ciclo titulado "As mellores películas da historia". É unha proxección mensual, sempre en xoves pola tarde, e a verdade é que a selección de películas non é nada mala. Antes e sobre todo despois da proxección, hai un coloquio dirixido polo crítico Javier Trigales que sempre conta cun invitado ou invitada interesante. Eu normalmente non podo ir porque na tarde dos xoves traballo, pero neste mes de abril, casualmente, a semana que botaban a película tiña o xoves libre (porque me cambiaron a reunión semanal de día). Botaban "O piano", unha película de hai tres décadas que tiña moi boa fama, pero que eu aínda non vira. A convidada foi a directora Jaione Camborda, que acaba de ganar a Concha de Ouro de San Sebastián cunha película galega, "O corno", por primeira vez na historia.

"O piano" foi dirixida pola neozelandesa Jane Campion no ano 1993. Os catro papeis principais son para Holly Hunter, Anna Paquin, Sam Neill e Harvey Keitel. É unha produción neozelandesa, australiana e francesa, que levou moitos premios (Cannes e Óscar os máis destacados). É bastante famosa a banda sonora do compositor británico Michael Nyman, esa si a coñecía eu dende hai anos.

Ada McGrath é unha muller escocesa que tivo unha filla cun pianista que desapareceu. É muda e a súa filla fai de intérprete, aínda que ela tamén leva un pequeno caderno no que escribe cando quere facerse entender. A mediados do século XIX, o pai de Ada véndea a un neozelandés, xunto co seu piano, instrumento co que ela se expresa moi ben. O traslado de Escocia a Nova Zelanda é terrible, e déixana nunha praia, onde a recolle o seu novo "propietario" e marido. O marido e os seus axudantes maoríes levan todo para a casa, agás o piano, que é moi pesado e consideran irrelevante. Pouco despois, o marido véndelle unhas terras a un veciño, Geoge Baines, que ama a música e accede a trasladar o piano á súa casa, para que Ada poida tocalo alí.

A partir de aí, prodúcese unha curiosa historia de amor entre Baines e Ada. Baines semella ter cerca cultura occidental pero tamén leva na cara pinturas maoríes, ten unha personalidade ben peculiar. O marido sospeita que hai algo entre Baines e Ada, e a cousa non acaba demasiado ben. Finalmente Ada e  a súa filla acaban volvendo para Escocia acompañadas do seu piano, aínda que con certos contratempos.

A película está ben, pero teño que recoñecer que me desconcertou bastante. Como xa teño dito aquí, eu son seguidor do romanticismo do século XIX, que gustaba de situar as historias en lugares exóticos e épocas lonxanas. Unha trama situada no século XIX en Nova Zelanda debería atraerme moito, pero non foi tanto así. Resultoume moi estraña e costoume conectar con ela. Xa sei que naquela época pasaban aquelas cousas, pero o punto de partida xa me parece bastante surrealista. Venden a unha muller muda cun piano a un tipo descoñecido que está a milleiros de quilómetros de distancia (a mediados do século XIX). Chegan dificilmente ao lugar e déixana medio abandonada nunha praia. Van buscala alí, e lévanse todo menos o piano, nun lugar que semella estar nun clima bastante hostil. Cando volven días ou semanas despois, o piano semella funcionar case perfectamente, cando se ve en moitas ocasións que pode ser levado pola marea case en calquera momento. Non sei, teño a sensación de que a historia era un triple salto mortal ao que lle ían engadindo detalles cada vez máis incribles.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...