sábado, 30 de setembro de 2023

XIV Lúas de Outono: Homenaxe a Manuel María

Un ano máis puidemos ir á homenaxe que se lle fai na Coruña a Manuel María, máis ou menos na época do ano na que el morreu en 2004. Este ano o espectáculo non era moi monotemático, como é habitualmente, senón variado: poesía, música e humor, que transcorreron exactamente nesa orde.

Comezou María Barcala recitando poemas de Manuel María. Nos últimos espectáculos que fixo Teatro do Atlántico, a compañía que formaba xunto a Xulio Lago (non sei se non se retirarían xa dos escenarios), xa recitaba a Rosalía de Castro, así que é un xénero no que xa está curtida.

A segunda parte foi para Paraíso Canto, un dúo formado por Martiño Malleiro e Gabi Reboredo. Un deles (non sei quen é cada quen no dúo) xa tocou o acordeón de fondo nalgún dos poemas de Manuel María recitados por María Barcala. Agradable de oír, as súas cancións son maioritariamente lentas. Un deles toca acordeón e clarinete, e o outro canta e toca a percusión, cun estilo que me lembrou moito a Davide Salvado.

E rematamos con Quico Cadaval que, como sempre, sacou da manga algúns dos seus personaxes estrafalarios, aos que fixo ter relación con Manuel María dalgún xeito. Neste caso mencionaba moito a un tal Manuel de Paderna, que semella un personaxe real de Outeiro de Rei, pero tampouco o teño moi claro, se cadra era inventado por el.

Saúdos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...