sábado, 24 de xuño de 2023

O planeta dos simios

Está claro que esta película xa a vin enteira varias veces (o final é impactante e dificilmente se esquece), pero botábana hai varias semanas no espazo de cine clásico da 2 e non o pensei, obviamente. A película tivo moito éxito no seu momento e fixéronse 4 películas e 2 series nos anos seguintes baseándose nesta historia. E no século XXI xa van catro películas máis, así que o tema debe suscitar interese.

Foi dirixida en 1968 por Franklin Schaffner, e está baseada nunha novela do francés Pierre Boulle. No elenco destacan Charlton Heston (aquí aínda non parecía ter parálise facial e amosaba certa expresividade), Roddy McDowall, Kim Hunter, Maurice Evans, James Whitmore, James Daly e Linda Harrison. A pesar do éxito que tivo, só levou un Óscar honorífico pola calidade da maquillaxe, xa que daquela aínda non existía o premio nesa modalidade. Ademais foi o 17% do orzamento da película nese apartado, non é ningunha broma.

Catro astronautas estadounidenses saen nunha nave espacial en 1972 a explorar o Universo a unha velocidade cercana á da luz. Están uns 18 meses de travesía e nun determinado momento, por algunha estraña razón, a nave precipítase nun lago dun estraño planeta desértico. A computadora da nave di que se atopan aproximadamente no ano 4000 da nosa Era. Un dos catro astronautas (casualmente a única muller) morreu no impacto final porque se fisurou o cristal que a mantiña hibernada, así que semella xa só un esquelete.

Como a nave ameaza con afundir na auga (como finalmente así fai), os tres astronautas sobrevivintes saen dela, e comezar a analizar o entorno, semellan estar nun deserto onde non pode prosperar a vida. Comezan a andar para ver se atopan algo de vida, e chegan a un oasis onde se bañan e limpan. Pero cando o están facendo, decátanse que hai alguén alí que lles está roubando a roupa. Saen axiña da auga e comezan a perseguir a eses "seres", que resultan ser seres humanos primitivos que non son capaces de falar unha lingua. E cando están coñecéndoos, aparecen uns salvaxes gorilas montados en cabalos que veñen a apresalos a todos (non intúen que hai humanos máis evolucionados no medio do grupo, claro). Un dos astronautas morre, e o outro é golpeado na cabeza e despois lobotomizado, así que queda máis ou menos igual que os humanos non evolucionados. O único que perdura nas mesmas condicións é o xefe, o coronel George Taylor, pero recibe un disparo na gorxa que lle impedirá falar durante uns días ou semanas.

O principal da película vai a continuación, cando vemos unha sociedade razonablemente evolucionada (pero non co nivel de tecnoloxía que temos actualmente nin teremos no futuro; na novela si era así, pero na película decidiron retroceder o nivel tecnolóxico para aforrar costes) de simios na que os seres humanos son os non evolucionados. Claro, Taylor resulta un dato discordante, e máis cando intenta dirixirse aos simios, pero non lle resulta posible pola ferida da gorxa. Os simios decátanse de que intenta facer cousas que os outros non fan, pero interpretan que debe ser un líder rebelde e utilizan contra el máis violencia que contra os outros.

Finalmente aclárase a situación e son conscientes de que é un "humano" diferente, pero non queren aceptar o que el di porque os seus postulados relixiosos viríanse abaixo. Porque claro (absurdo), falan todos o mesmo idioma. En todo este tempo, Taylor é axudado por dous científicos simios que lle colleron cariño. Axúdanlle a fuxir e chegan a unha praia onde hai unha cova con restos arqueolóxicos que poderían confirmar que nese planeta houbo humanos anteriormente. Taylor consegue escapar cunha das humanas non evolucionadas e chega un dos finais máis impactantes da historia do cine: nunha das praias polas que pasan vese a Estatua da Liberdade sobresaíndo na area. Confírmase que ese planeta era a Terra.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...