sábado, 1 de abril de 2023

Venenos

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia. Nesta ocasión falaremos brevemente do volume número 96, que é a obra de teatro "Venenos", escrita polo dramaturgo Xesús Pisón. Seguramente vós non o coñeceredes, porque é moi pouco famoso, incluso no mundo da cultura galega. Pero eu tiven a sorte de coñecelo en persoa hai uns anos, cando na A.C. Alexandre Bóveda reunimos aos tres máis famosos dramaturgos actuais nacidos no Valadouro: Manuel Lourenzo (o máis coñecido con diferenza), Xesús Pisón e Isaac Ferreira (aínda menos coñecido que os outros dous).

Esta breve obra titulada "Venenos" aínda está subdividida en dúas obras máis breves, tituladas "A vía láctea" e "Como Jekyll e Hyde". Esas dúas obriñas teñen só dúas personaxes cada unha. 

"A vía láctea"  é moi breve e semella bastante incomprensible, porque dá a impresión de que ningún dos personaxes escoita o que di o outro, así que non pode considerarse un diálogo, senón algo así como dous monólogos mesturados. Curioso pero bastante insustancial, na miña opinión.

"Como Jekyll e Hyde" xa ten algo máis de chicha (menos mal). Polo que parece, dous dramaturgos comparten piso, un deles é máis famoso e exitoso e o outro menos. O menos exitoso está nun período de seca creativa e, aproveitando que vive na mesma casa que o outro, visita o seu despacho cando non está, para intentar coller algunha idea das notas ou escritos que vexa por alí. Pero nun determinado momento, o máis exitoso descúbreo e intenta axudalo a crear unha nova obra dándolle ideas, pero ese diálogo resulta tamén algo tenso e confuso por momentos.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...