domingo, 19 de xuño de 2022

O cabaleiro escuro

Hai pouco descubrín algo curioso na televisión española. "Clan", unha cadea supostamente orientada ao público infantil e xuvenil, e que pertence a RTVE, pois resulta que todos os días, a partir das 22.30 ou 23.00 horas, bota series ou películas dirixidas a todos os públicos. Por exemplo, é habitual que durante a semana laborable proxecten capítulos de series como "Los misterios de Laura". E nas fins de semana botan películas, e ademais bastante boas. Vaia sorpresón levei o outro día cando vin que botaban "O cabaleiro escuro", da factoría Nolan.

"O cabaleiro escuro" é unha película do ano 2008 que conforma a segunda parte da triloxía que os irmáns Nolan (Christopher na dirección e Jonathan no guión, aínda que colaborando co seu irmán) dedicaron a Batman, e que están consideradas entre as mellores películas no que vai de século e milenio. O reparto é fantástico, aínda que case todo masculino: Christian Bale, Heath Ledger (que morreu pouco despois de asinar esta magnífica interpretación como "Joker"), Michael Caine, Gary Oldman, Aaron Eckhart, Maggie Gyllenhall (a única muller en papel destacado) e Morgan Freeman.

De que trata a historia? Como xa teño escrito aquí máis veces, para o meu gusto, a factoría Nolan é a mellor produtora de películas no século XXI, pero hai que recoñecer que os seus guións son sempre tremendamente retorcidos e complexos. Se a iso lle sumas o fondo histórico de Batman, cos seus centos de personaxes, malvados variados, e os mesturas ben, sae un cóctel fantástico. Así que contarei a trama moi superficialmente. Se non vistes a película, podo asegurarvos que son dúas horas e media trepidantes nas que non paran de pasar cousas, e nas que tes que estar moi atento, porque hai personaxes que cambian de parecer, cara ou opinión dun tramo a outro da historia.

Basicamente, en Gotham existe unha nova amenaza protagonizada polo Joker (fantástico personaxe que sempre dá moito de si). Ademais, Batman está pensando en retirarse, porque xa non se sente útil (cada vez teño máis ganas de ver a primeira desta triloxía, a ver que pasou), e busca algún personaxe público que poida encabezar a loita contra a corrupción. O novo fiscal xefe, Harvey Dent, semella a persoa idónea, parécelle moi honesto e íntegro, e Bruce Wayne organiza unha recollida de fondos para apoialo. O que xa non lle fai tanta graza é que é a nova parella de Rachel Dawes, a súa antiga moza.

Joker vai facendo cada vez máis cafradas e nun determinado momento secuestra a Harvey e Rachel ao mesmo tempo, pero colócaos en puntos opostos da cidade, arrodeados de explosivos, e obriga a Batman e a Jim Gordon (xefe de policía, un dos poucos non corruptos) a intentar salvalos, pero só conseguen salvar a Harvey, e non de todo, porque sofre queimaduras que lle destrúen a parte esquerda da cara, pasando a converterse no malvado "Dúas Caras", que ademais está moi cabreado porque non salvaron á súa moza.

E así avanza a película cara a un inexplicable final aberto, porque hai terceira parte da triloxía, e algo que haberá que contar alí. Xa digo, acabo de contarvos o 10% da historia, porque ten moitos fíos dos que tirar, pero xa vos digo que non vos ides aburrir nadiña. Iso si, se estades moi atentos, porque se non o estades, axiña vos perderedes.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...