domingo, 19 de xuño de 2022

A coartada

Eu vin esta obra na axenda cultural da cidade na que vivo, e non me chamou demasiado a atención, pero a unha amiga miña pareceulle que era boa idea ir vela, e alá fomos. Despois de asistir, penso que tiña razón eu, e a miña amiga estivo de acordo, pero agora xa está. Pero vaia, tampouco estivo mal.

"A coartada" é unha obra de teatro protagonizada por María Castro (a única que está no escenario todo o tempo), Dani Muriel e Miguel Hermoso (non chegan nunca a coincidir os tres, cada un deles está con María por separado na súa parte da obra). O director é Bernabé Rico e a autora é unha tal Christy Hall, guionista e directora de cine estadounidense da que non oíra falar.

A trama parece tratar dunha muller que se divorciou do seu marido e que, por algunha razón, perdeu a custodia da súa filla en común, e quere recuperala como sexa. Está ensaiando co seu mellor amigo a declaración ante o xuíz sobre a última vez que viu ao seu marido, porque polo visto, iso terá importancia e daralle máis posibilidades de recuperar a custodia da súa filla. Na segunda parte da obra, vese ese último encontro co seu marido, que tampouco parece demasiado cheo de tensión nin mala relación.

E ata aquí podo ler. Como a obra segue de xira (supoño) non vou desvelar un par de detalles que se descubren no último minuto da obra e que cambian totalmente o sentido do que acabas de ver previamente (no voso caso, ler).

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...