luns, 5 de abril de 2021

Relato dun estalido xordo

Rematei as vacacións de Semana Santa lendo un libro que levaba case 12 anos en espera. Hai moitos libros na miña biblioteca que teñen que esperar tempo para ser lidos por min, pero con este tiña unha certa vinculación adicional, pero iso non lle serviu para avanzar moito máis na lista de espera.

O autor é un rapaz novo (daquela) chamado Pablo García Martínez, de Arzúa, que gañou a V Edición do Premio Biblos - Pazos de Galicia cunha novela curta titulada "Relato dun estalido xordo". Polo que acabo de ver, sospeito que non escribiu máis, ou polo menos non vexo anuncios de novas obras, en Internet non hai case nada sobre el, e o pouco que hai é sobre esta obra, publicada no 2009.

A miña vinculación adicional vén do seguinte feito. O Premio Biblos - Pazos de Galicia, tristemente só tivo sete edicións, e como xa dixen, esta obra ganou a quinta. Era un premio literario moi interesante, xa que estaba destinado a autores novos, menores de 25 anos, que escribiran en galego. E o premio, ademais da consabida figura, era a publicación do libro na colección de Biblos, que non está nada mal, e o máis salientable era que o autor ou autora pasaría un mes aloxado nalgún dos establecementos que forman parte de Pazos de Galicia, para ser titorizado por un escritor xa consagrado. Neste caso, a Pablo tocoulle en sorte Manuel Rivas.

E a miña vinculación é que tiven a sorte de ser convidado á entrega do premio. Eu daquela era presidente dunha importante asociación cultural galega, e lembráronse de min para convidarme á entrega de premios. A min ese tipo de eventos nunca me chamaron moito a atención, pero aquela vez decidín aceptar a invitación. E non era doada, porque a entrega de premios tiña lugar un venres ou sábado polo serán, xa os días eran longos (sería primavera ou verán, supoño), e era na Casa Grande do Bachao, fantástica casa de turismo rural que está no concello de Santiago de Compostela, á beira do río Tambre. Un sitio fantástico, onde pasamos uns gratos momentos coa entrega do premio e a cea posterior.

En canto á novela, non está mal. Déixase ler con agrado, pero é que ademais remata dun xeito fantástico que a min me gusta moito. Supoño que teredes visto películas ou lido libros que nos últimos momentos desvelan "algo" que dinamita todo o anterior, é dicir, que ao saber iso trastoca o significado de todo ou case todo o anterior. A min ese é un efecto que me gusta moito, e nesta noveliña haino, o cal fixo que a miña valoración xeral mellore.

En xeral, a maior parte da novela trata sobre unha noite de xolda durante as festas do patrón dun grupo de seis rapaces, mozos e mozas. Só hai dúas pequenas excepcións. Varios pequenos capítulos polo medio que falan sobre unha relación sentimental entre dous deles, algúns anos despois daquela noite. E un breve capítulo ao comezo, titulado "A mecha", no que un rapaz que sufría frecuentes migrañas, ten que ir a Urxencias porque unha noite se atopa bastante mal.

SPOILER: Pois no último e tamén breve capítulo, titulado "O estalido", desvélase un dato moi significativo. Resulta que aquel rapaz que sufría migrañas, morreu aquela noite debido a unha meninxite que non puido superar. E chegou a un acordo coa Morte, e foi que 10 anos máis tarde, íalle deixar que saíra un día a dar unha volta, e podía vir acompañado de unha persoa, a que el escollera (obviamente, o seu acompañante morrería). E decidiu escoller ao seu mellor amigo. Nese momento, decátaste de que na noite de xolda que narra a novela, as aparicións do rapaz morto son "fantasmais". A noite remata con que o seu mellor amigo sofre un golpe ao final da noite de farra, e deciden que hai que levalo ao hospital. O seu pai encárgase de levalo no seu propio coche, pero sofren un accidente no que morre, polo menos o rapaz (do pai non queda moi claro, pero é secundario na historia).

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...