luns, 5 de abril de 2021

Bicos roubados

No cine europeo, Francia é un dos transatlánticos máis poderosos. No propio país teñen moita estima e orgullo polo seu cine, e ademais non o fan mal. Teñen escolas e estilos propios, e moitos directores, actores e técnicos de calibre mundial. Pero a min non me termina de enganchar, recoñézoo.

Un dos seus directores máis reputados foi François Truffaut. Comezou triunfando cunha película titulada "Os 400 golpes", que xa comentei neste blog hai uns meses. E como debía estar moi contento coa creación do personaxe protagonista daquela película, aínda neno, chamado Antoine Doinel, decidiu crear unha saga de películas en torno á súa vida, sempre protagonizada polo mesmo actor, Jean Pierre Léaud, que na vida real ía crecendo xunto coa personaxe das películas. Hoxe, no espazo de cine clásico da 2 botaron a terceira das películas desa saga, titulada "Bicos roubados", e que coincide coa época da súa xuventude. Gustome bastante pouco, igual que me disgustara a primeira, así que non creo que pique se deciden ir botando máis películas desta historia.

A trama está baseada na xuventude de Antoine. É expulsado do exército, pero é que ninguén entende por que se alistou voluntario, se claramente non tiña cualidades. Intenta conseguir algún traballo, pero dura pouco porque bastante inepto. E o máis divertido desta película, con diferenza, é que consegue traballo, no que aínda dura algún tempo, nunha axencia de detectives. Ao final acaba traballando como reparador de televisores, na última parte da película. Todo iso vai en paralelo coa súa estraña relación "sentimental" con Cristine, que polo visto se desenvolve nas seguintes películas.

Na miña humilde opinión, o actor non é bo. Na película que vin hoxe, que supostamente é boa, vinlle escenas nas que claramente o facía mal, ou a montaxe era mala ou o era a dirección, porque senón non lle atopo explicación. A min non me transmite nada, se cadra é un problema meu. Ou é mala a dobraxe, quen sabe, pero dáme a impresión que xesticula dun xeito bastante estraño para o que di nos diálogos. Ademais, o personaxe non conecta comigo. Nos "400 golpes" xa non o fixo, e agora que creceu, ségueme parecendo tan gilipollas ou máis que antes. Así que o vou deixar, se me ofrecen algunha película máis da saga, creo que vou pasar.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...