mércores, 31 de marzo de 2021

Salomé

Como xa dixen aquí algunha vez, non me desagradan en absoluto as películas de temática bíblica, sobre todo os clásicos dos anos 50 e 60, tan ampulosas e esaxeradas, con escenarios grandiosos (daquela non había efectos especiais que puideran recrealos) e grandes estrelas. Así que nunha cadea de televisión fascistoide española, aproveitando a Semana Santa, botaban "Salomé", película que non me soaba ter visto, e deille unha oportunidade. 

Foi dirixida en 1953 por William Dieterle. O papel principal foi interpretado por unha deslumbrante Rita Hayworth. Do resto do elenco destacaban Stewart Granger, facendo o papel do centurión Claudio, un lugartenente de Poncio Pilatos, que se namora de Salomé, pero que ao mesmo tempo é defensor e case seguidor de Xoán Bautista. E tamén estaba Charles Laughton facendo de Herodes Antipas, padrastro de Salomé e rei de Galilea, que non fai nada contra Xoán Bautista porque cre que non resulta perigoso, aínda que cada vez máis xente do seu entorno lle pide que o encarcele e mate. Herodes cre que se lle fai algo a Xoán, entón si, todo o populacho se erguerá contra el.

Ao mellor estou confundido, pero eu cría que Salomé, por algunha razón, quería a morte de Xoán Bautista, e que se alegraba moito cando o mataban, e lle ofrecían a súa cabeza, pero nesta película polo menos, a historia non é así, en absoluto.

Salomé é filla de Herodías, a nova muller de Herodes Antipas. Dende nova vive en Roma. Pero é expulsada de alí por Tiberio, por ser estranxeira e porque un xeneral romano quere casar con ela. Polo tanto, con moito disgusto, volve a Galilea, para vivir coa súa nai e o seu padrastro, que apenas a lembraba, pero que agora comeza a fixarse na súa deslumbrante beleza. Dende Roma, é acompañada polo centurión Claudio, que viña tamén acompañando ao novo gobernador da zona, Poncio Pilatos.

Cando chegan, xa se atopan con Xoán Bautista, un profeta que está anunciando a chegada dun novo mesías. Xa ten bastantes seguidores, aínda que pobres, e algúns están confundidos e afirman que el é o novo mesías, a pesar de que el insiste en que é outro. A Poncio Pilatos non lle gusta demasiado, pero pasa bastante del. Salomé tamén pasa moito del, de aí a miña confusión. E xa se descubre que Claudio era amigo del e que lle profesa simpatía.

A principal inimiga de Xoán Bautista é Herodías, a nai de Salomé, que quere que o maten, porque insiste en que coas súas arengas está falando mal da familia real galilea, pero é case a única que ve tal perigo.

Cara ao final da película, incluso se ve como Salomé tamén lle colle cariño e aprezo a Xoán Bautista. Pero nunha festa que se dá en honra do rei, Salomé decide bailar para el, e todos saben que iso significa que a continuación se xuntará íntimamente co rei, o seu propio padrastro, ao que se lle saen os ollos das órbitas, ao ter probas certas da sublime beleza de Salomé. Na euforia do momento, Herodías lle di a Herodes que poderá gozar dela se lle entrega a cabeza de Xoán Bautista, e el accede encantado, porque non ve o momento de deitarse coa súa fillastra. Pouco despois, aparece unha bandexa coa cabeza do Bautista, e Salomé berra e deixa de danzar.

Eu xuraría que a historia era outra ben diferente....

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...