mércores, 31 de marzo de 2021

Os mitos gregos

Comecei forte esta Semana Santa, lendo "Os mitos gregos" de Robert Graves. Tiña uns cantos libros para escoller, de temáticas variadas, pero casualmente o outro día vin un fragmento da transmisión da nova obra de teatro do Centro Dramático Galego, titulada "O charco de Ulises" e baseada en parte na mitoloxía grega, e decidinme por este libro.

O libro está moi ben, sempre tendo en conta como é a mitoloxía grega clásica, na que se mesturan deuses, xigantes, titáns e humanos de forma bastante estraña, uns pasan de mortais a inmortais por estrañas razóns, case todos son capaces de transformarse en seres doutras formas (uns máis que outros, claro) e, en definitiva, é mitoloxía, e as historias hai que collelas con moitísima cautela, porque incluso sendo flexibles mentalmente, hai veces que xa non sabes por onde saír.

O libro está estruturado nos seguintes sete capítulos:
- No principio
- Os deuses olímpicos
- Sobre heroes, deuses e homes
- Minos e Teseo
- Tebas e Micenas
- Heracles (nalgúns sitios coñecido como Hércules)
- Os argonautas e Medea

E hai que ter en conta que non se mencionan dúas historias posteriores moi coñecidas grazas a Homero. A Odisea, porque que eu lembre, o nome de Odiseo ou Ulises non sae en ningún momento. Nin a Ilíada, novela na que se conta a guerra de Troia (tamén coñecida como Ilión). Si que aparecen Agamenón, Menelao, Príamo, Paris e Helena, pero non se fala da guerra de Troia, que veu despois.

En definitiva, que se pasa moi ben lendo o libro, pero claramente botei algo en falta ao final. A este libro víñalle de marabilla un glosario de nomes ao final, para saber en que lugares se mencionaba a cada personaxe. Porque hai centos de personaxes, e hai frases autenticamente endiañadas con dez ou doce nomes entre amigos, inimigos e familiares, resulta moi denso e imposible de seguir o fío por momentos.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...