sábado, 4 de abril de 2026

Artur Ui, o ovo da serpe

A magnífica compañía teatral Talía Teatro uniuse a Quico Cadaval para representar a obra "Artur Ui, o ovo da serpe", que é unha versión de "A resistible ascensión de Arturo Ui", escrita por Bertolt Brecht en 1941.

O autor orixinal satirizou o ascenso do nazismo por medio dun ficticio xefe mafioso de Chicago. Actualmente hai varios líderes mundiais que o lembran bastante, así que esta montaxe moderna fainos pensar en personaxes que apareceron nunha pantalla nos últimos segundos da obra, como Trump, Netanyahu ou Putin, o que provocou as previsibles ovacións ao rematar a mesma. Como dixo o outro, a historia repítese. Neste caso está ambientada no extremo Oriente, pero a temática é a mesma.

Quico Cadaval dirixe a obra, e o elenco está formado por Dani Trillo, Marta Lado, Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Xurxo Barcala e Artur Trillo.

Saúdos.



Que ocorreu entre o meu pai e a túa nai?

O outro día entereime da razón pola cal levan máis dun mes botando no espazo de cine clásico da 2 películas con Jack Lemmon de protagonista. Dixéronme que realmente a homenaxe estanlla facendo a Billy Wilder, pero tampouco teño demasiada clara a razón, porque neste 2026 non se cumpre ningunha cifra redonda con respecto á súa morte nin nacemento. Pero chama a atención que todas esas películas dirixidas por Billy Wilder foron protagonizadas por Jack Lemmon, debían levarse ben. As películas que botaron e que xa non vin porque xa as coñecía foron "Con saias e a rachar", "O apartamento", "Irma a doce" e "Primeira plana". A única que vin porque non me soaba de nada é esta da que vou falar, que no seu título orixinal era "Avanti", xa que está ambientada nun hotel de Italia e esa era a frase que había que dicirlle aos camareiros do hotel para que entraran na habitación.

"Avanti" foi dirixida en 1972 por Billy Wilder, e os papeis principais foron para Jack Lemmon, Juliet Mills e Clive Revill. Os dous primeiros protagonizan a parella en torno á cal xira a historia e o terceiro e último é o director do hotel italiano, que ten moito peso na historia tamén.

Wendell Armbruster Jr é un empresario de Baltimore bastante insoportable que dirixe as empresas que fundou o seu pai. Recibe a noticia de que o seu pai morreu nun accidente en Italia e diríxese axiña alí, coa intención de repatriar o seu cadáver e montar en Baltimore practicamente un funeral de Estado con altos cargos e os traballadores das súas empresas.

Pero cando chega a Ischia, a illa napolitana onde sucedeu a morte, atopa que a realidade non era a que el pensaba. Na familia pensaban que o vello ía alí todos os anos polas augas termais, pero resulta que tiña unha relación cunha muller británica, coa que quedaba alí todos os anos. O fillo coincide alí coa filla da muller, que tamén vai buscar o cadáver da súa nai. Pero ela si era coñecedora da relación. A personalidade da filla da muller choca totalmente coa del, e ao principio é un conflito, pero finalmente acaban caéndose ben e namoran, pero iso leva un tempiño.

No entorno pasan máis cousas. O director do hotel intenta axudar, pero os costumes italianos non coinciden en absoluto cos dun magnate estadounidense moi soberbio. Por se non chegara con iso, a familia do viñedo onde caeu o coche cando tiveron o seu accidente, tamén reclama unha indemnización, e un camareiro algo turbio do hotel que pretende conseguir un visado para voltar aos Estados Unidos, onde xa estivo unha vez pero foi deportado, pretende chantaxealo cunhas fotos picantes que sacou dos seus pais cando estaban de vacacións, pero morre antes de poder conseguilo.

En definitiva, unha comedia romántica bastante simpática que supoño que pretende contrapoñer o relaxado ritmo de vida do Mediterráneo co frenético estrés dos empresarios estadounidenses que pensan que con cartos poden facer o que queiran.

Saúdos.



mércores, 18 de febreiro de 2026

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a figura de Xoana de Vega. As autoras son Marilar Aleixandre e Emma Pedreira, que utilizan algunha técnica curiosa para escribir esta biografía, atribuíndo os parágrafos a diferentes personaxes (case como se fora unha obra de teatro), e algúns deles son atribuídos a "entidades" como a cidade da Coruña, por exemplo, outros á morte, etc.

Non sabía eu moito sobre este personaxe, agora xa sei algo máis, pero dende logo resulta fascinante, porque estivo metida en moitos fregados, e en circunstancias que o desaconsellaban completamente. As mulleres no século XIX español non eran ben vistas en moitos ámbitos que estaban reservados aos homes. Pero no século XIX en Galicia naceron Xoana de Vega, Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Non está nada mal.

Bastante de película xa resulta que con 16 anos nada máis casa con Francisco Espoz e Mina (que agora dá nome á Praza de Mina), héroe napoleónico bastante novo que inicialmente era un labrego navarro que falaba en euskera. Pero que acabou converténdose nun heroe e político español mentres tivo vida, que tampouco foi moito tempo.

Lendo esta obriña tamén lembrei que o século XIX en España foi especialmente convulso (creo que nos outros países tamén) e que non paraban de pasar cousas bastaste gordas continuamente. Pois ben, Xoana de Vega estivo metida en moitas delas. E cando volveu á Coruña, despois de ser durante varios anos a aia da futura raíña Isabel II, seguiu organizando cousas ben interesantes, naquel momento xa coa colaboración de Concepción Arenal, figura tamén moi interesante.

Saúdos.



Onte, hoxe, mañá

Intenteino outra vez pero é moi complicado. Está claro que o modo de ser italiano non me agrada. Esta película que botaron no espazo de cine clásico da 2 pintaba mellor que outras, pero non, a xestualidade e histrionismo dos italianos supérame, que lle imos facer. Nesta ocasión eran tres historias curtas protagonizadas polos mesmos actores, pero ambientadas en cidades e ambientes diferentes. Iso aportou certa frescura, pero non fun capaz de non ver os "defectos" habituais (para min) do cine italiano.

"Onte, hoxe, mañá" foi dirixida en 1963 por Vittorio de Sica. Os dous actores principais nas tres historias son Sophia Loren e Marcelo Mastroianni, que obviamente son parella en todas, pero con moi diferentes circunstancias. Xuraría que lin nalgures que todas, ou parte, das historias estaban baseadas en relatos de Alberto Moravia.

A primeira delas titúlase "Adelina" e está ambientada en Nápoles. Trátase dunha familia pobre que vive nun barrio pobre da cidade. Teñen moitas débedas, polas multas que lle poñen á muller por vender tabaco de contrabando nunha praza (na que traballan moitas outras mulleres facendo exactamente o mesmo). O seu marido parece bastante vago e mentres a súa muller teña algo de ingresos (que claramente non son suficientes) prefire non traballar, a pesar de que recibe propostas de cando en vez. Iso si, teñen fillos sen parar, aínda que cústalles moito mantelos. Ameazan a Adelina con ir ao cárcere pero conmútanlle a pena ao saber que está embarazada de novo. O marido, coa presión, xa non consegue concebir máis, e Adelina acaba no cárcere, así que haberá que buscar solucións. É a historia máis longa das tres, dura 1 hora das 2 que dura a película completa.

A segunda titúlase "Anna" e está ambientada en Milán (vese o Duomo nunha das escenas iniciais). Unha ricachona aburrida e casada ten unha aventura cun xornalista, pero vese que os seus caracteres non encaixan demasiado ben. É a historia máis curta das tres e non ten apenas percorrido.

A terceira titúlase "Mara" e está ambientada en Roma, concretamente na Piazza Navona, que se ve moitas veces dende as fiestras das vivendas onde transcorre a historia. Unha prostituta de luxo comparte terraza á praza cunha familia formada por unha parella de avós cos que vive un guapo e xoven seminarista, que claramente está deslumbrado pola beleza da prostituta. A prostituta recibe a visita do seu amante, outro vago que vive do aire. E por outra banda, a avoa do seminarista quere botar á prostituta do edificio para que non pervirta ao seu neto. Pero ao final, todos acaban levándose ben.

Saúdos.



martes, 3 de febreiro de 2026

Naves misteriosas

Levaba anos intentando ver esta película. Deberon botala na televisión nos 80, e chamáronme a atención as imaxes, os invernadoiros semiesféricos nas diferentes naves. Pero non conseguía atopala en ningún sitio. Está nunhas cantas plataformas pero hai que pagar a maiores para vela. Hoxe conseguín vela no CGAI e gustoume bastante. Por certo, o título orixinal significaría algo así como "funcionamento silencioso". Nin ese título orixinal nin o invento español teñen demasiado sentido.

"Naves misteriosas" foi dirixida en 1972 por Douglas Trumbull, que destacou principalmente como especialista en efectos especiais, en películóns como "2001: unha odisea espacial", "Blade Runner", "Encontros na terceira fase" e algunhas da saga de "Star Trek". Só hai catro actores, o principal e case único Bruce Dern, e os secundarios Cliff Potts, Ron Rifkin e Jesse Vint.

Unhas naves que marcharon da Terra preservan as últimas mostras da vizosa flora e fauna terrestre. Supostamente teñen a intención de conservala ata que poidan volver para repoblar a Terra con esas especies. Pero desafortunadamente reciben a orde, incomprensible, de desfacerse delas por medio de explosións nucleares. Esas especies están nuns invernadeiros especiais, que hai que explosionar. 

Na nave na que están hai un botánico namorado de todo iso, que quere preservalo a calquera prezo. Os outros tres compañeiros pasan totalmente do tema, e están encantados de destruir toda esa riqueza natural, porque basicamente queren volver á Terra canto antes.

Comezan a destruir os invernadeiros, pero cando chegan ao último, que era no que máis traballaba ese botánico, négase a permitir que o destrúan, e desfaise dos tres compañeiros. Comeza unha fuxida para intentar conservar ese último invernadoiro.

Saúdos.



luns, 12 de xaneiro de 2026

Viaxe ao planeta prehistórico

Creo que xa comentei aquí algunha vez que me facían bastante graza as primeiras películas sobre ciencia-ficción dos anos 50 e 60. Hainas mellores e hainas peores. Onte púxenme a buscar en Youtube para intentar ver algunha película de Roger Corman, pero sen fixarme en ningunha concreta. O problema é que el dirixiu e produciu moitísimas (non me estraña, co sistema barato e ultra-rápido que utilizaba, dáballe tempo a facelo así). E saíu este enxendro, que nas principais plataformas de información audiovisual non chega a unha nota de 4 puntos sobre 10. Éche o que hai. Por certo, aquí Roger Corman só é o produtor.

"Viaxe ao planeta prehistórico" foi dirixida en 1965 por un tal Curtis Harrington, do que nunca oín falar. O elenco é curioso, porque supostamente a gran estrela é Basil Rathbone, pero tampouco é que apareza demasiado. Fai dun enxeñeiro que está nas bases humanas na Lúa e que dirixe o proxecto de exploración planetaria, pero só dá ordes dende o seu despacho, só se lle ve na parte inicial da película. O actor xa ía maior e non daba para moito máis. O resto do elenco era unha mestura de actores estadounidenses (supoño) e soviéticos (supoño), que non me explico demasiado ben. Se cadra vos soan nomes como, Faith Domergue, Marc Shannon, Christopher Brand, John Bix, Lewis Keane, Gennadi Vernov ou Georgi Zhzhyonov.

Tres naves dos terrícolas que saen da súa base na Lúa van intentar aterrizar en Venus, pero unha delas é alcanzada por un meteorito. As outras dúas intentar aterrizar alí, e conségueno, pero por algunha razón, fanno a unha certa distancia entre sí e teñen que buscarse uns aos outros, e nalgúns momentos uns non saben se os outros están ben ou non.

Buscan probas de que ese planeta estivo habitado por seres parecidos aos humanos, e algo atopan, algúns indicios de que algo así puido haber, pero tamén atopan dinosaurios, e algúns deles atácanlles. Nada, un disparate.

Casualmente, suponse que a obra estaba ambientada no ano 2020. Mira que non pasaron cousas aquí nese ano.

Saúdos.



domingo, 11 de xaneiro de 2026

1917

Onte pola noite vin esta película, da que me falaran bastante ben. Polo visto, levou bastantes premios, e chamoume a atención que a ofreceran en moitas plataformas, entre elas RTVE Play, que é onde a vin. A verdade é que eu non son nada devoto do cine bélico, pero parecía haber indicios interesantes, así que me animei, e gustoume bastante.

"1917" é unha produción británica (nótase ben que non é estadounidense) dirixida por Sam Mendes en 2019. O papel protagonista principal é para George MacKay (está durante toda a película) e o outro máis importante, e case único, é para Dean-Charles Chapman (que aparece case en media película). O resto son secundarios que aparecen só durante un par de escenas, como moito. Podemos destacar a Benedict Cumberbatch, Colin Firth, Mark Strong, Richard Madden e Andrew Scott. Isto débese a que a película é un inmenso plano-secuencia no que a cámara vai seguindo ao/s protagonista/s (ao comezo son dous, despois só un) dende o seu comezo ata o final.

A historia é máis ou menos simple. Estamos na fronte occidental da I Guerra Mundial en abril de 2017. Nun determinado batallón reciben a información de que a suposta retirada dos alemáns dunhas trincheiras é realmente un engano, xa que están reagrupándose un pouco máis atrás para coller nunha trampa a todos os militares ingleses que sexan tan inxenuos como para non decatarse do engano.

A poucos quilómetros atópase outro batallón británico, formado por uns 1600 efectivos, pero sábese que ese segundo batallón non recibiu aínda a información tan detallada da trampa, e están convencidos de que caerán nela. Polo tanto pídenlle a dous cabos que leven a información a ese segundo batallón para que non fagan o ataque previsto. Eses dous cabos son Blake (que ten un irmán no segundo batallón) e Schofield.

Comezan a cruzan a "terra de ninguén" e as trincheiras abandonadas polos alemáns con bastante facilidade, aínda que algúns lles dicían que non podía ser certo. Nunha trincheira métense por uns túneis e resulta que os alemáns deixaran algunhas trampas explosivas, e caen nunha delas. Blake fuxe facilmente pero Schofield é salvado por Blake, xa que quedou totalmente soterrado baixo os escombros.

Seguen avanzando e chegan a unha granxa abandonada. Alí ven un pequeno combate aéreo entre dous cazas británicos e un alemán, que ganan os británicos. A sorpresa é que o caza alemán fai unha aterraxe de emerxencia e estrélase contra o graneiro no que estaban eles. Salvan a vida do piloto alemán, que xa tiña ardendo parte do traxe. Blake propón atendelo, mentres Schofield propoñía rematalo. Cando Schofield vai coller auga, o piloto alemán liberáse a apuñala a Blake no ventre. Schofield mátao, e Blake morre uns minutos máis tarde.

Xusto nese momento pasa unha caravana británica doutro batallón, que vai noutra dirección, e ofrécense a levalo, e vai con eles uns quilómetros, pero finalmente afástase deles porque a ponte pola que tiñan que cruzar un río está derribada. Báixase e cruza a pé, pero alí está a piques de ser asasinado por un francotirador que quedaba nun edificio, pero consegue rematalo el, aínda que cae por unhas escaleiras e leva un golpe na cabeza.

Esperta xa de noite e cruza a aldea, que está en ruinas e con algún edificio ardendo. Aínda quedan algúns soldados alemáns, aos que consegue matar ou fuxir deles, e tamén coñece a unha muller e un bebé que están agochados nun soto. Finalmente fuxe tirándose ao río, que ten uns rápidos e unha fervenza. Máis adiante o río é moito máis tranquilo, e nun bosque ao seu carón, está o segundo batallón que el estaba buscando, que xa comezaron a atacar aos alemáns.

Consegue chegar ata o militar ao mando, e coa carta que lles deran, consegue convencelo de que non debe proseguir con aquel ataque. Finalmente tamén atopa ao irmán de Blake, comunícalle que morreu e en que circunstancias, e dálle os seus obxectos persoais.

Por algunha crítica que lin, todo está razonablemente ben, pero semella que historicamente non é moi fiable porque se romantizou demasiado a guerra. Polo que se di, na I Guerra Mundial xa houbo unhas masacres terribles onde morreron centos de milleiros de soldados, e armar tanto lío por 1600 non tiña ningunha lóxica.

Saúdos.



Sendeirismo en Babia e Luna

Hai uns días Viaxes O Lóstregho estivo no noroeste da provincia de León facendo sendeirismo nas fermosísimas comarcas de Babia e Luna. Certo...