mércores, 18 de febreiro de 2026

Onte, hoxe, mañá

Intenteino outra vez pero é moi complicado. Está claro que o modo de ser italiano non me agrada. Esta película que botaron no espazo de cine clásico da 2 pintaba mellor que outras, pero non, a xestualidade e histrionismo dos italianos supérame, que lle imos facer. Nesta ocasión eran tres historias curtas protagonizadas polos mesmos actores, pero ambientadas en cidades e ambientes diferentes. Iso aportou certa frescura, pero non fun capaz de non ver os "defectos" habituais (para min) do cine italiano.

"Onte, hoxe, mañá" foi dirixida en 1963 por Vittorio de Sica. Os dous actores principais nas tres historias son Sophia Loren e Marcelo Mastroianni, que obviamente son parella en todas, pero con moi diferentes circunstancias. Xuraría que lin nalgures que todas, ou parte, das historias estaban baseadas en relatos de Alberto Moravia.

A primeira delas titúlase "Adelina" e está ambientada en Nápoles. Trátase dunha familia pobre que vive nun barrio pobre da cidade. Teñen moitas débedas, polas multas que lle poñen á muller por vender tabaco de contrabando nunha praza (na que traballan moitas outras mulleres facendo exactamente o mesmo). O seu marido parece bastante vago e mentres a súa muller teña algo de ingresos (que claramente non son suficientes) prefire non traballar, a pesar de que recibe propostas de cando en vez. Iso si, teñen fillos sen parar, aínda que cústalles moito mantelos. Ameazan a Adelina con ir ao cárcere pero conmútanlle a pena ao saber que está embarazada de novo. O marido, coa presión, xa non consegue concebir máis, e Adelina acaba no cárcere, así que haberá que buscar solucións. É a historia máis longa das tres, dura 1 hora das 2 que dura a película completa.

A segunda titúlase "Anna" e está ambientada en Milán (vese o Duomo nunha das escenas iniciais). Unha ricachona aburrida e casada ten unha aventura cun xornalista, pero vese que os seus caracteres non encaixan demasiado ben. É a historia máis curta das tres e non ten apenas percorrido.

A terceira titúlase "Mara" e está ambientada en Roma, concretamente na Piazza Navona, que se ve moitas veces dende as fiestras das vivendas onde transcorre a historia. Unha prostituta de luxo comparte terraza á praza cunha familia formada por unha parella de avós cos que vive un guapo e xoven seminarista, que claramente está deslumbrado pola beleza da prostituta. A prostituta recibe a visita do seu amante, outro vago que vive do aire. E por outra banda, a avoa do seminarista quere botar á prostituta do edificio para que non pervirta ao seu neto. Pero ao final, todos acaban levándose ben.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...