O outro día entereime da razón pola cal levan máis dun mes botando no espazo de cine clásico da 2 películas con Jack Lemmon de protagonista. Dixéronme que realmente a homenaxe estanlla facendo a Billy Wilder, pero tampouco teño demasiada clara a razón, porque neste 2026 non se cumpre ningunha cifra redonda con respecto á súa morte nin nacemento. Pero chama a atención que todas esas películas dirixidas por Billy Wilder foron protagonizadas por Jack Lemmon, debían levarse ben. As películas que botaron e que xa non vin porque xa as coñecía foron "Con saias e a rachar", "O apartamento", "Irma a doce" e "Primeira plana". A única que vin porque non me soaba de nada é esta da que vou falar, que no seu título orixinal era "Avanti", xa que está ambientada nun hotel de Italia e esa era a frase que había que dicirlle aos camareiros do hotel para que entraran na habitación.
"Avanti" foi dirixida en 1972 por Billy Wilder, e os papeis principais foron para Jack Lemmon, Juliet Mills e Clive Revill. Os dous primeiros protagonizan a parella en torno á cal xira a historia e o terceiro e último é o director do hotel italiano, que ten moito peso na historia tamén.
Wendell Armbruster Jr é un empresario de Baltimore bastante insoportable que dirixe as empresas que fundou o seu pai. Recibe a noticia de que o seu pai morreu nun accidente en Italia e diríxese axiña alí, coa intención de repatriar o seu cadáver e montar en Baltimore practicamente un funeral de Estado con altos cargos e os traballadores das súas empresas.
Pero cando chega a Ischia, a illa napolitana onde sucedeu a morte, atopa que a realidade non era a que el pensaba. Na familia pensaban que o vello ía alí todos os anos polas augas termais, pero resulta que tiña unha relación cunha muller británica, coa que quedaba alí todos os anos. O fillo coincide alí coa filla da muller, que tamén vai buscar o cadáver da súa nai. Pero ela si era coñecedora da relación. A personalidade da filla da muller choca totalmente coa del, e ao principio é un conflito, pero finalmente acaban caéndose ben e namoran, pero iso leva un tempiño.
No entorno pasan máis cousas. O director do hotel intenta axudar, pero os costumes italianos non coinciden en absoluto cos dun magnate estadounidense moi soberbio. Por se non chegara con iso, a familia do viñedo onde caeu o coche cando tiveron o seu accidente, tamén reclama unha indemnización, e un camareiro algo turbio do hotel que pretende conseguir un visado para voltar aos Estados Unidos, onde xa estivo unha vez pero foi deportado, pretende chantaxealo cunhas fotos picantes que sacou dos seus pais cando estaban de vacacións, pero morre antes de poder conseguilo.
En definitiva, unha comedia romántica bastante simpática que supoño que pretende contrapoñer o relaxado ritmo de vida do Mediterráneo co frenético estrés dos empresarios estadounidenses que pensan que con cartos poden facer o que queiran.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario