sábado, 20 de abril de 2024

Polavila Docampo

Hai pouco cumpríronse cinco anos da morte do querido e añorado Xabier Docampo. Un grupo dos seus numerosos amigos, que destacan no mundo da cultura galega, decidiron facerlle unha homenaxe no Fórum Metropolitano da Coruña, co nome de "Polavila Docampo". Polo visto a verba "polavila" pode ser un sinónimo de foliada ou festa, e tamén pode ser unha reunión nocturna nunha casa para pasar o tempo. Polo que dixeron no acto, esta foi a primeira edición, pero a idea era facela todos os anos e de xeito itinerante.

Foi conducida por Paula Carballeira, Lois Pérez e Isabel Risco. Comezou coas intervencións de varios membros da Xeración Lamote: Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín. Despois recitou algún poema de "Mans" o seu fillo Daniel Puente Bello. A continuación recitaron Dores Tembrás, Antonio García Teijeiro e Antía Otero, como pode verse no vídeo.

Tamén se leron textos de Xabier por parte dalgunha das súas amizades, como Francisco Fernández Naval, Mercedes Queixas, Irene Penas e Concha Blanco. Rematou a gala cunha rolda de contos de medo de Lois Pérez, María da Pontragha, Antonio Reigosa e Paula Carballeira. Uxía Senlle saíu en varias ocasións a cantar, incluso algunha peza recén composta e que estreaba alí.

Entre pitos e frautas, a gala durou unhas dúas horas e media, pero resultou moi emotiva.

Saúdos.



sábado, 13 de abril de 2024

Barrabás

A Semana Santa rematou coa proxección de "Barrabás" no luns de Pascua, no espazo de cine clásico da 2. Xa dixen aquí moitas veces que as películas de temática bíblica non me desagradan en absoluto, contan historias ben interesantes con moita épica. Pero recoñezo que esta non a coñecía nin oíra falar dela, pero non estivo nada mal.

"Barrabás" foi dirixida polo versátil Richard Fleischer en 1961. O elenco tiña moitas estrelas, como  Anthony Quinn, Silvana Mangano, Katy Jurado, Arthur Kennedy, Harry Andrews, Ernest Borgnine, Vittorio Gassman e Jack Palance. Como vedes, era toda unha superprodución. A película está baseada nunha novela dun autor sueco chamado Par Lagerkvist, totalmente descoñecido para min, pero que ganou o Premio Nobel de Literatura en 1951.

A historia é unha recreación da vida de Barrabás (penso que non se sabe apenas nada sobre el), o ladrón que foi liberado no lugar de Xesucristo, posto que xa naquela época existía xa o hábito de liberar a algún preso durante a pascua xudea.

Cando volve xunto aos seus colegas, que son tamén bastante tunantes, resulta que Raquel, a muller de Barrabás, cambiou totalmente de actitude ante a vida e é unha fiel seguidora de Xesucristo. El non a cre e búrlase dela, pero ela acaba sendo lapidada, e el véngase dos que promoveron a súa lapidación, e é condenado de novo. Pero a lei non permite axustizar a un indultado e é enviado ás miñas de xofre de Sicilia.

Alí coñece a algún outro seguidor cristián, que comezan a proliferar, aínda que son máis ben clandestinos, porque aínda non son ben vistos. Salvan a vida de casualidade traballando nesas durísimas minas, e un prefecto da zona que é elixido senador nese intre considera que Barrabás e o seu colega cristián son esencias na súa boa sorte, así que o levan con eles a Roma.

Alí comezan na escola de gladiadores e pásanlles historias ben curiosas. Recoñezo que as esceas dos adestramentos que facían con "máquinas" na escola de gladiadores son bastante simpáticas e amenas. Finalmente acaba estando bastante unido á comunidade cristiá que nese momento é acusada do incendio de Roma, e morre crucificado con moitos deles.

Saúdos.



sábado, 6 de abril de 2024

A ponte sobre o Drina

Hai un par de anos chamoume a atención en Biblos Clube de Lectores un libro e un autor dos que non oíra falar nunca, e decidín pedilo. A súa quenda de lectura tocoulle agora, dous anos despois, e foi unha bonita experiencia. O libro é "A ponte sobre o Drina" do autor "iugoslavo" Ivo Andric que, por obras como esta (semella a máis célebre das súas) levou o Premio Nobel de Literatura en 1961 (esta novela é de 1945). Non tiña mala pinta e nunca lera nada ou case nada de literatura balcánica, así que había que probar. A única referencia balcánica que me soa ter lido é o albanés Ismail Kadaré, Este novela de Andric reconcilioume coa literatura de calidade, que xa me ía facendo falta, despois dunhas cantas decepcións cos clásicos (sobre todo franceses) nos últimos anos.

A trama da novela é ben simple. Fala de todo o que sucede arredor da cidade bosnia de Visegrad (actualmente ten uns 10 mil habitantes) e a súa fantástica ponte sobre o Drina (Patrimonio da Humanidade). Simplemente iso, pero pasaron moitas cousas, supoño que moitas inventadas polo autor e contextualizadas na actualidade histórica de cada momento. E está tan ben escrita, que é unha delicia ler as súas páxinas.

A ponte foi levantada ao final da súa vida por orde de Mehmed Pasa Sokolovic, que foi visir do sultán turco na segunda metade do século XVI. El naceu cerca de alí, e cando era pequeno, sendo neno cristián, foi levado ao imperio otomano para ser criado como xenízaro. Un dos últimos recordos traumáticos que levou da súa terra foi cruzar o Drina nese lugar nunha barcaza. Cando tivo poder, mandou construir unha monumental ponte. A ponte era bastante ancha, pero na súa zona central aínda se facía máis ampla, e esa zona converteuse case na praza maior da vila, onde pasaban moitas das cousas máis importantes.

A novela vai contando todos os sucesos importantes que suceden nese lugar, e que teñen como protagonistas principais á vila e á ponte, aproveitando todo o que sucede arredor. Por exemplo, a mediados do século XIX, aparecen os austríacos, xa que o Imperio AustroHúngaro está aplastando e reducindo ao Imperio Otomano, que mandara na zona nos séculos anteriores. A novela remata en 1914, comezo da Primeira Guerra Mundial (que estalou moi cerca de alí en Saraievo), cando voaron varios piares da ponte (tiña once) para que xa non servira de paso de exércitos en ningunha dirección.

O que máis me sorprendeu da novela foi provocado pola miña ignorancia. Tal como se conta a historia, a cultura, relixión e costumes dominantes nesa zona durante séculos foron as musulmás (e aínda o son, porque Bosnia é musulmá; ese dato xa o oíra moitas veces, pero ata agora non o asimilara tan ben). Así que a poboación dominante na zona era "turca" ou de cultura islámica, e os cristiáns serbios e os xudeus eran moitos menos. Así que a chegada dos austríacos, aínda que semellaban moi civilizados e eficientes (xermánicos ao fin e ao cabo) é vista con moito escepticismo, porque son moi diferentes.

Saúdos.



luns, 1 de abril de 2024

As alumnas

Esta obra de teatro xa levaba meses xirando polo país, e incluso non descarto que xa viñera á Coruña, pero non fora capaz de vela. E nesta Semana Santa trouxérona ao Teatro Colón, con entrada libre e incluso con coloquio posterior coas actrices e a súa autora, Paula Carballeira. O caso é que o Teatro Colón estaba totalmente cheo (tanto, que eu non conseguín entrada, e só puiden acceder porque cerca da taquilla había un grupo ao que lle sobraba algunha entrada). Ademais chamoume moito a atención que, no grupo co que eu entrei, e en todo o teatro, había unha boa cantidade de público novo, moi boa noticia.

"As alumnas" fala de dúas ex-alumnas da insigne mestra coruñesa María Barbeito que supostamente se atopan no enterro de María, en novembro de 1970. Digo "supostamente" porque ao final se revela que ese encontro non tivo lugar, só se saudaron, pero que na súa imaxinación puido transcorrer como se conta na obra. As actrices foron Mónica Caamaño e Anabell Gago.

As actrices representan a Rosa, mestra de caracter progresista que segue solteira e que consegue seguir traballando, a pesar de que a súa forma de pensar e ensinar choca frontalmente co que propugna o franquismo, e a Elvira, esposa sumisa con dúas fillas, que intentou divorciarse do marido, pero que non puido porque todo o entorno se puxo na súa contra. Claramente teñen caracteres opostos, pero a súa amizade cultivada dende a idade infantil perdura.

A continuación da obra comezou un moi interesante coloquio coa autora e as dúas actrices. O curioso é que a maior parte das intervencións do público viñeron precisamente do grupo co que eu entrei no teatro, ao que non coñecía de nada e a quen lle agradezo que me prestaran unha das súas entradas sobrantes. Resulta que o grupo estaba formado por dous profesores e cerca dunha vintena de alumnas dun instituto coruñés, que estaban moi emocionadas na representación. Por que? Porque están ensaiando esa mesma obra e xa coñecían ás actrices, porque viron a obra en Carballo.

Saúdos.



Papagena

Hai xa tempo que sucedeu, pero hai anos intenteino coa ópera. Non o tiña eu nada claro, pero pensei que era un tipo de espectáculo que reunía moitas cousas interesantes (voz, música, teatro) e que había que darlle unha oportunidade. Fun ver "Elisir d'amore" de Donizetti, entre outras cousas porque dicían que era das máis accesibles para público profano. Deberon xa pasar 20 anos, se cadra. Non estivo mal, pero tampouco me enganchou. Hai que recoñecer que os cantantes teñen o maior dominio da voz, pero cantan dun xeito que fai moi difícil entender o que din, e iso é un defecto, na miña humilde opinión. Por outra banda, os textos son moi repetitivos, avanzan lentamente, e iso fai que normalmente as óperas sexan bastante longas. Ou sexa, que decidín que raramente volvería. Menos mal que nos letreiros electrónicos aínda se vai entendendo o texto, aínda que estean noutros idiomas, que é o habitual.

Pero nos últimos anos a compañía galega ButacaZero decidiu facer unha curiosa incursión na ópera, e ademais en galego. Creou a ópera "Papagena", que é unha especie de "spin-off" de "A frauta máxica" de Mozart. Colleron o personaxe de Papageno, o home-paxaro algo controvertido, e uníronlle o de Papagena, que na obra orixinal apenas tiña presenza, e cos dous fixeron unha pequena obra aparte, no que a muller colle moito máis protagonismo, ata igualalos. O home intenta seguir coa súa vida de libertino e ter á súa muller nunha gaiola na casa, pero ela resístese e rebélase. A pesar de ser en galego, houbo partes que non fun quen de entender, pero o intento non estivo mal. Ademais, é moi breve, menos de unha hora.

A soprazo é Esperanza Mara, o barítono é Jacobo Rubianes Castelo (que polo visto actuou con algo de catarro) e tamén estaba en escea Iago Hermo, o compositor da música, que estaba interpretando ou máis ben "lanzando" en directo, xa que era de tipo electrónico. A escenografía era curiosa, con varias estancias da casa enmarcadas en luces de neón que ían acompasadas coa música e con algúns xestos dos cantantes.

Saúdos.



domingo, 31 de marzo de 2024

Dune: parte dous

A ver, o meu interese pola ciencia-ficción e por "Dune" en particular vén de hai xa moito tempo, décadas. Non sei exactamente cando, pero pouco despois de que se fixera a primeira versión cinematográfica (1984), xa a vin e pareceume unha historia ben interesante. Como saberedes, é das primeiras e das poucas películas de David Lynch máis ou menos comprensibles (e se non o é, non é por culpa del, que é o habitual). Aquela película era a versión da primeira novela da saga, formada por unhas seis obras.

Hai uns anos fíxose unha segunda versión cinematográfica, máis ou menos co elenco que vou mencionar agora. Polo visto, esa e a que vou comentar neste artigo son a nova versión da primeira novela da saga. E parece que, se estas teñen éxito, dentro duns anos farán unha terceira película que trataría do mesmo tema que a segunda novela da saga. Pero creo que non teñen intención de ir máis alá (que non é pouco).

"Dune: parte 2" foi dirixida en 2024 por Denis Villeneuve, e no elenco están Timothée Chalamet, Zendaya, Rebecca Ferguson, Josh Brolin, Austin Butler, Florence Pugh, Dave Bautista, Christopher Walken, Stephen McKinley Henderson, Léa Seydoux, Souheila Yacoub, Stellan Skarsgård, Charlotte Rampling, Javier Bardem e Anya Taylor-Joy.

Non vou poñerme a contar aquí o complicadísimo entramado desta historia. Basicamente direi que no Imperio hai un Emperador, que é bastante falso, e que enfronta a unhas familias e etnias con outras, para intentar manter o poder. Na galaxia todo depende dunha sustancia chamada a "especia", que se atopa nun planeta desértico chamado Arrakis. Os que están encargados de extraer esa especia (e iso dálles bastante poder) son os Harkonnen, que van todos coa cabeza rapada e non parecen moi boa xente. O principal atranco para obter esa especia son uns vermes xigantes (semellantes a lampreas, pero moitísimo máis grandes), que sempre aparecen cando detectan ritmos regulares de son (dá igual que ou quen os produza).

Outra casa importante é a dos Atreides, cuxo herdeiro é Paul Atreides, o principal protagonista da historia. Non é moi ben visto por moitos dos seus contrincantes, pero segundo avanza a historia, vai convencendo cada vez a máis tribus de que é o "mesías" do que falan as vellas profecías. Os seus primeiros aliados son os "fremen", unha tribo que vive nas covas de Arrakis. Tamén son moi importantes as "bene geserit", que son algo así como sacerdotisas cuns poderes moi especiais, e que son escoitadas con veneración e temor por todo o mundo.

Se nunca vos mergullastes no universo de "Dune", anímovos a facelo, a min paréceme que está moi ben. A película de 1984, que é moi visible, pode verse en Youtube e en moitas plataformas. A ver se un ano destes me animo e comezo a ler as novelas, levo anos ameazando, pero non hai forma.

Saúdos.



sábado, 30 de marzo de 2024

A Biblia... no seu principio

Como xa teño dito aquí nalgunha outra ocasión, non me desagradan as películas de temática bíblica. Aínda que poida resultar algo contraditorio para as persoas que me coñecen, a Biblia é unha fonte de guións novelescos e cinematográficos de primeira magnitude, e se ese material cae nas boas mans, o resultado pode ser fantástico (o contrario tamén pode suceder, obviamente). E nesta época de Semana Santa, as televisións adoitan repasar o catálogo bíblico. No espazo de cine clásico da 2 sorprendéronnos o outro día con esta película, da que eu polo menos, nunca oíra falar.

"A Biblia... no seu principio" foi unha produción italo-estadounidense dirixida por John Huston no ano 1966. No seu elenco había sobre todo actores estadounidenses e italianos, dos que eu destacaría (porque xa os coñecía de antes) a John Huston (Noé, tamén facía a voz de Deus na versión orixinal), Franco Nero (Abel), Richard Harris (Caín), George C. Scott (Abraham), Peter O'Toole (os tres anxos), Stephen Boyd (Nimrod) e Ava Gardner (Sara).

Basicamente esta película conta de forma resumida os 22 primeiros capítulos do Xénese, que para min son a mellor fonte de guións da Biblia. Pasan mogollón de historias coñecidas, os personaxes son tamén bastante coñecidos e dan moito de sí. Pero tamén é certo que me pareceu que o ritmo era lento. Ou sexa, o tema daba para máis pero esta vez o director non soubo pulsar a tecla correcta para facer atractiva a proposta.

Saúdos.



A illa do tesouro (película 1972)

Hai uns días lins unha banda deseñada coa historia de "A illa do tesouro", para min unha das mellores novelas da historia, e entro...