luns, 1 de abril de 2024

As alumnas

Esta obra de teatro xa levaba meses xirando polo país, e incluso non descarto que xa viñera á Coruña, pero non fora capaz de vela. E nesta Semana Santa trouxérona ao Teatro Colón, con entrada libre e incluso con coloquio posterior coas actrices e a súa autora, Paula Carballeira. O caso é que o Teatro Colón estaba totalmente cheo (tanto, que eu non conseguín entrada, e só puiden acceder porque cerca da taquilla había un grupo ao que lle sobraba algunha entrada). Ademais chamoume moito a atención que, no grupo co que eu entrei, e en todo o teatro, había unha boa cantidade de público novo, moi boa noticia.

"As alumnas" fala de dúas ex-alumnas da insigne mestra coruñesa María Barbeito que supostamente se atopan no enterro de María, en novembro de 1970. Digo "supostamente" porque ao final se revela que ese encontro non tivo lugar, só se saudaron, pero que na súa imaxinación puido transcorrer como se conta na obra. As actrices foron Mónica Caamaño e Anabell Gago.

As actrices representan a Rosa, mestra de caracter progresista que segue solteira e que consegue seguir traballando, a pesar de que a súa forma de pensar e ensinar choca frontalmente co que propugna o franquismo, e a Elvira, esposa sumisa con dúas fillas, que intentou divorciarse do marido, pero que non puido porque todo o entorno se puxo na súa contra. Claramente teñen caracteres opostos, pero a súa amizade cultivada dende a idade infantil perdura.

A continuación da obra comezou un moi interesante coloquio coa autora e as dúas actrices. O curioso é que a maior parte das intervencións do público viñeron precisamente do grupo co que eu entrei no teatro, ao que non coñecía de nada e a quen lle agradezo que me prestaran unha das súas entradas sobrantes. Resulta que o grupo estaba formado por dous profesores e cerca dunha vintena de alumnas dun instituto coruñés, que estaban moi emocionadas na representación. Por que? Porque están ensaiando esa mesma obra e xa coñecían ás actrices, porque viron a obra en Carballo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...