domingo, 23 de xullo de 2023

Asasinato no Orient Express (novela e película)

A verdade é que nos últimos anos levo unha racha terrible coas supostamente mellores prumas da literatura. Nos últimos tempos lin magnas obras de Stendhal (Vermello e Negro), Flaubert (Madame Bovary), Proust (Na busca do tempo perdido), Goethe (Fausto), Joyce (Ulises), ... Nalgúns casos era a primeira obra que lía deses autores. Na maioría dos casos, aínda que xa oíra falar da dificultade dalgunha desas obras, a verdade é que me resultaron moi duras e aburridas. E había que resarcirse.

Así que fun a tiro fixo e sabendo que o resultado positivo estaba asegurado. Nos últimos tempos estoume cruzando bastante con obras audiovisuais baseadas en relatos de Agatha Christie. Sen ir máis lonxe, neste blog comentei hai mes e medio a obra "Dez negriños". Eu pensaba que tiña a novela en casa pero non, confundina con esta que vou mencionar agora. Por outra banda, levo xa uns anos vendo con certo agrado capítulos dunha serie sobre Hercule Poirot, protagonizado sempre polo actor inglés David Suchet. E xa non imos mencionar outras series, principalmente británicas, que non teñen nada que ver co tema, pero que rematan ao "estilo Agatha Christie", ou sexa, xuntando a todos os sospeitosos e explicando o enigma.

Pois o caso é que, despois de rematar o "Ulises" de James Joyce, precisaba un antídoto rápido que me reconciliara de novo coa literatura. Atopei na miña biblioteca unha tradución ao galego feita por Alberto Álvarez Lugrís para unha colección da Voz de Galicia de 2005. Unha fantástica colección que tiña esquecida e tapada por outras na miña biblioteca e da que estou tirando bastante nos últimos tempos (e máis que tirarei). Daba a impresión, e non me enganei, que podía lerse en cuestión dunhas 4 ou 5 horas, porque é todo diálogos e non hai apenas descrición e narración. E tamén atopei unha película protagonizada por David Suchet (como non) que estaba dispoñible en Youtube.

A novela xa se publicou hai case 90 anos, e é suficientemente coñecida. Aínda así, eu non vou revelar o final porque, igual que me pasou a min, pode haber xente que aínda non a lera e non quero quitarlle a súa maxia. Vou contar só algunhas circunstancias da trama, por se lle esperta o interese a alguén. Primeiro falarei da novela e despois comentarei algunhas pequenas diferenzas que vin na película.

Basicamente a historia consiste en que o detective belga Hercule Poirot está en Siria resolvendo un problema nun cuartel do exército británico, que non remata todo o ben que lle gustaría, e emprende a viaxe de volta. Para en Estambul e a súa idea é parar uns días para coñecer a fermosa cidade, da que lle falaron moi ben. Pero nada máis chegar, recibe unha mensaxe que lle urxe a volver a Londres.

O medio máis rápido para voltar é coller o tren Orient Express (curiosamente ao comezo da novela chámanlle o Simplón Orient Express, supoño que o tren cruzaría polo famoso túnel suízo do Simplón, duns 20 km). No mesmo hotel onde ía aloxarse pero do que ten que marchar axiña coincide cun antigo amigo que, mira ti por onde, é o director desa liña de tren, que lle di que terá unha praza sen problema, porque o tren vai bastante baleiro nesa época do ano, duro inverno.

O núcleo principal do tren é o que vai de Estambul a Calais (como está ambientada nos anos 30 do século XX, obviamente aínda non hai túnel baixo o Canal da Mancha). Pero pouco despois de saír, únenselle un par de vagóns máis, os que veñen de Atenas e de Bucarest, que van case baleiros. Pero o problema está en que, por algunha estraña razón (que se entende perfectamente ao final da novela), aquel día o tren non vai baleiro, senón que vai cheo ata os topes. Tanto é así que ao mesmo director da liña cóstalle moito atopar un oco para Poirot, e a primeira noite ten que compartir departamento con outro tipo. A segunda noite xa se uniron os outros dous vagóns, que teñen sitio dabondo, e o propio director da liña vai para eles e déixalle o seu departamento a Poirot. E na segunda noite é cando se produce o asasinato que hai que resolver.

A fauna que vai naquela viaxe de tren é considerable. Hai catro estadounidenses (contando ao propio asasinado), tres británicos, e despois tamén hai 2 húngaros, 1 rusa, 1 italiano, 1 francés, 1 sueca e 1 alemana, sen ter en conta que o detective é belga. Isto non é secundario porque na novela estanse facendo continuas referencias aos estereotipos dos habitantes dos diferentes países, que converten a uns en sospeitosos e a outros en inocentes, dependendo da opinión de cada personaxe.

Só direi que a solución final é bastante sorprendente, e incluso podería dicir que hai dúas solucións finais, que poderían dar lugar a varios finais. Se non listes aínda a novela, seguro que isto aumentará a intriga. Por dicir algo máis, durante a segunda noite, debido á treboada de neve, o tren queda parado no medio de Iugoslavia, e o feito de que se faga cargo da investigación a temible policía iugoslava ameaza o proceso, xa que non teñen nin idea de cando conseguirán desbloquear a vía.

Con respecto á película, foi dirixida en 2010 por un tal Philip Martin. Parece que foi feita para televisión, e semella formar parte dunha serie sobre relatos de Agatha Christie protagonizados por Hercule Poirot. E claro, sendo así, David Suchet ía representar o papel do detective, obviamente. O papel do asasinado faino Toby Jones, actor británico que me soa bastante, pero non sei moi ben de que. E nese film tamén están outros actores e actrices coñecidos como Jessica Chastain, Barbara Hershey ou Denis Menochet, actor francés agora coñecido no noso país por "As bestas".

Como era previsible, a versión cinematográfica é bastante fiel á novela, pero non totalmente, e diferénzase en pequenos detalles que non teñen demasiada relevancia. Por suposto, a versión cinematográfica é máis esquemática e non pode recoller todos os diálogos que hai na novela (algún día alguén descubrirá ese potencial) pero vaia, apenas se desvía. E na Wikipedia mencionan unha diferenza relevante con respecto á novela, que a min tamén me chamou moito a atención, porque tiña a lectura da novela aínda moi fresca (remateina un par de horas antes de ver a película). É o feito da fe católica da Hercule Poirot, que manexa con certa frecuencia un rosario. Iso débese a que a súa fe non lle permite mentir, feito moi relevante ao final... e así aumento a intriga.

Saúdos.



venres, 21 de xullo de 2023

Ulises

Un dos meus obxectivos culturais do verán era conseguir ler este libro. Conseguido está, pero o esforzo foi moito. Refírome ao famoso "Ulises" de James Joyce. Pero eu lin a versión en galego, traducida por un magnífico equipo formado por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle. Non teño nin idea de se a tradución é boa, fiel ou fantastica, pero sospeito que non debe ser nada mala, porque son persoas ben competentes. A edición de Galaxia ten 1001 páxinas (sospeito que fixeron o imposible por chegar ao número 1000). E polo que teño entendido, hai moitas edicións do libro, e con moitos erros, de forma que o propio autor, cando facía unha nova edición e corrixía erros anteriores, engadía algúns novos. E a propia linguaxe do autor era tan complexa, e ademais presumía de que o era, e que polo tanto os expertos ían pasan moito tempo intentando entender o que se contaba, que tampouco creo que haxa que preocuparse demasiado por iso.

Remateina onte e teño que recoñecer que non entendín practicamente nada. Ao comezo pensaba que si, pero segundo avanzaban as páxinas, o caos era cada vez maior e resultaba moi difícil encaixar as diferentes pezas. Máis ou menos fun recoñecendo a uns cantos personaxes importantes, pero non resulta moi doado saber cales son as relacións entre uns e outros. Algunhas partes tampouco queda claro se suceden realmente ou se son ensoñacións ou pesadelos, e claro, iso non facilita máis as cousas.

Por exemplo, acabo de consultar a Wikipedia para intentar enterarme de algo do que trata a novela. E si, aí vén razonablemente ben explicado, e ata parece ter certo sentido, pero polo visto é o froito de traballo de moitos críticos avezados durante moitos anos, e parte do traballo fíxoo o propio Joyce nas súas cartas a críticos e tradutores, e iso axudou a comprender a estrutura da novela.

Por exemplo, eu non tiña nin a máis mínima idea da razón pola cal era "Ulises" o título da novela. Nunha novela de 1000 páxinas fálase de moitas cousas, tamén de mitoloxía grega, pero non me parecían esas referencias suficientes para titulala así. Acabo de saber que os 18 capítulos do libro (non moi doados de atopar) teñen un total paralelismo cos 18 capítulos da "Odisea" de Homero. Nesta edición si se identifican claramente tres partes (a segunda é moito máis extensa que as outras), pero os capítulos dentro de cada unha delas veñen indicadas por unha breve pausa e un pequeno grupo de asteriscos, nin títulos nin nada. Polo que parece, eses títulos existiron nalgún momento pero Joyce decidiu suprimilos xa na primeira edición.

A primeira parte titúlase (teoricamente) a "Telemaquia", está formada por tres capítulos, e o protagonista principal é Stephen Dedalus, que sería como o Telémaco da "Odisea". E por esa razón, considérase que este personaxe é máis ou menos equivalente ao James Joyce xoven. Esta parte é razonablemente comprensible, pero remata axiña.

A segunda parte titúlase a "Odisea", e está formada por doce capítulos. Aparte de longa é case incomprensible. Aquí suponse que o protagonista principal é Stephen Bloom. Pero cada capítulo ten un estilo de redacción diferente. Os estilos máis usados son o monólogo interior e a corrente de consciencia, que son artificios literarios perfectos para contar o que queiras, na orde que queiras e da forma máis rocambolesca que desexes, que todo vale. Supostamente Stephen Bloom representa ao James Joyce xa maior.

A terceira parte titúlase o "Nostos", formada polos tres capítulos finais. O último deles, xa delirante, é un monólogo interior de Molly Bloom (a muller de Stephen) que está redactado sen signos de puntuación. Polo visto, sábese que son exactamente oito oracións longas (penso que o adxectivo quédase moi curto, nunca mellor dito) que na edición que eu lin ocupa unhas 65 páxinas.

Por se non o sabíades, toda a trama transcorre no día 16 de xuño de 1904 (foi o día que Joyce coñeceu á que despois sería a súa esposa), pero a novela foi publicada uns 20 anos máis tarde. Como todo sucede en Dublín, pois alí (e noutros sitios do planeta onde idolatran a obra) todos os anos celebran o "Bloomsday" como homenaxe a esta magna novela. En Dublín tampouco lle renden maior pleitesía, porque estivemos por alí hai uns anos, e os escenarios da novela non foron preservados en absoluto. Creo que había algunha estatua de Joyce pola rúa, pero pouco máis, se non lembro mal.

Pois nada, eu o esforzo xa o fixen, pero non vou repetir, que quedei mallado.

Saúdos.



Perversidade

O outro día decidín ver en Youtube unha película clásica (por non ter xa dereitos de autor, pódense ver nesa plataforma sen demasiados problemas). Foi "Perversidade". A verdade é que o título soábame, e debín vela no seu día, cando en TVE botaron un magnífico ciclo sobre o director Fritz Lang. Por certo, o título orixinal foi "Scarlet Street" (non teño nin idea da razón), e no mundo hispano puxéronlle "Perversidade" (máis ben en España) e "Mala muller" (máis ben en Hispanoamérica). Como habitualmente, o mundo hispano é máis creativo e non moi fiel ao título orixinal, pero ás veces pásanse un pouco de freada.

Foi dirixida en 1945 por Fritz Lang. Os tres papeis principais foron representados por Edward G. Robinson (que era unha das superestrelas da época, pero agora semella bastante esquecido), Joan Bennett e Dan Duryea.

A historia é ben curiosa. Christopher Cross, un gris caixeiro de banco que ten unha aburrida vida debido a que a súa muller é unha amargada, ten como hobby a pintura. Unha noite, de casualidade, coñece a unha fermosa muller da que namora inmediatamente, e cando lle di que é pintor (e non caixeiro), ela interpreta que é un pintor famoso e que as súas obras valen moitos cartos.

Ela, que é case unha prostituta, vive co seu mozo, que é máis ou menos un proxeneta, e intentan aproveitarse da situación. Casualmente conseguen vender algún dos cadros de Christopher a unha galería de arte, que acaba de descubrir a un novo gran autor do que non sabían, e entón comezan a sacarlle partido económico. A rapaza decide asinar os cadros e a el non lle parece mal. Coas súas penurias económicas, incluso o caixeiro púxolle un apartamento a ela, que vive agora a corpo de raíña, e ela vende os cadros que fai el como se foran seus.

O tipiño, que é ben inxenuo, incluso cre que poderán casarse e vivir xuntos, pero un día determinado descubre no apartamento que o "amigo" dela é realmente o seu amante, e que ela búrlase del impunemente. Superado pola situación, decide matala. Unha serie de coincidencias fan que o mozo da muller sexa acusado da morte, e condenado a morte.

Saúdos.



A gran aventura de Mortadelo e Filemón

Hai uns días morreu Francisco Ibáñez, o fantástico creador de personaxes como Mortadelo e Filemón, Rompetechos, 13 Rue del Percebe, o botóns Sacarino ou Pepe Gotera e Otilio. Na 2, en homenaxe a el, botaron a película "A gran aventura de Mortadelo e Filemón". Lembro que fun ao cine cos colegas a vela, na súa estrea. Se non lembro mal, gustoume nos momentos nos que estiven esperto, pero o cansancio xa era moito os venres pola noite, e pasei parte da proxección roncando. Esta vez puiden vela completa, menos mal.

Foi dirixida en 2003 por Javier Fesser, estando o seu irmán Guillermo (un dos dous integrantes de Gomaespuma) de coguionista, algo que xa fixeran na súa película anterior, titulada "O milagro de P. Tinto", que xa era un auténtico delirio. Filemón foi interpretado por Pepe Viyuela e Mortadelo por Benito Pocino. Os máis destacados do resto do elenco son Dominique Pinon, Paco Sagarzazu, Mariano Venancio, María Isbert, Janfri Topera, Berta Ojea e Emilio Gavira.

Obviamente, a historia é un auténtico disparate, supostamente con ideas collidas de diferentes historietas do cómic. Supostamente a trama vai de recuperar un invento do Profesor Bacterio, pero aparecen espías internacionais, dictadores, etc. Creo que nin sequera vale a pena esforzarse porque é un embrollo total.

Penso que o máis destacado da película son os efectos especiais (penso que bastante avanzados para España hai 20 anos), que fan que vexas en cine as barbaridades que debuxaba Ibáñez hai décadas, e con bastante dignidade. En definitiva, unha película coa que rir un pedazo, sen máis pretensións.

Saúdos.



Coa morte nos talóns

Un día destes tiña ganas de ver unha gran película pola noite, e botei man de novo desa colección "Cine de Ouro", da que xa teño falado aquí moitas veces. A verdade é que as películas que están nela son dun nivel fantástico, pero ademais o DVD vén dentro dun caderniño dunhas 30-40 páxinas que conta moitas cousas interesantes sobre a película, así que o conxunto é aínda mellor. Aínda que esta película xa a vira completa hai moitos anos, decidín repetir porque apenas lembraba nada da trama (agás a famosa escena da avioneta, que é impactante, pero nada máis).

Tamén podemos falar do título, que dá moito de sí. O título orixinal era algo así como "Norte-Noroeste", que supoño que se deberá a que está ambientada nesa zona dos Estados Unidos: Nova Iork, Chicago e finalmente o monte Rushmore, que está en Dakota do Sur. En España inventáronse iso de "Coa morte nos talóns" (un pouco rimbombante de máis), e en Hispanoamérica chegaron a "Intriga internacional", tamén bastante rebuscada.

Foi dirixida en 1959 por Alfred Hitchcock. Os tres papeis principais foron para Cary Grant, Eva Marie Saint e James Mason, aínda que tamén me gustou moito Martin Landau no seu papel secundario. O resto do elenco non me parece demasiado relevante.

Como sempre con Hitchcock, hai un "mcguffin" (pero esta vez de tamaño sideral) que máis ou menos guía a trama, pero o importante é que aos protagonistas principais vanlle pasando cousas continuamente, e a película ten un ritmo moi elevado, non tes tempo para aburrirte. Polo visto, o "mcguffin" nesta ocasión é un malvado espía internacional que pretende fuxir do país cun microfilm que contén importantísimos datos que un país estranxeiro poderá aproveitar. Pero ese microfilm só se ve unha vez, e está metido dentro dunha figura que aparece circunstancialmente. 

Para min, o máis destacado da película é que todo xira en torno a un grande equívoco: o FBI ten a un axente infiltrado no equipo dese espía, creou un axente ficticio que supostamente está perseguindo a ese espía, e o equipo dese espía cre a historia e ponse a buscar a ese axente ficticio. E por unha confusión do máis banal, ao comezo da película, ese equipo confunde a un tipo que non ten nada que ver no tema co axente ficticio. E a partir de aí, unha serie de equívocos e sucesos, uns detrás doutros, ben amenos e interesantes.

Pois iso. O publicista Roger Thornhill é confundido na cafetería dun hotel de Nova Iork cun tal George Kaplan, que realmente é un axente ficticio do FBI, que non existe realmente. Todo débese a que os axudantes do espía internacional preguntan por el, o botóns vai pola cafetería preguntando en voz alta, e xusto nese momento Thornhill levanta a man para pedirlle ao botóns outra cousa que non ten absolutamente nada que ver co tema. Preguntaron nesa cafetería porque supostamente o axente ficticio estaba aloxado nese hotel, pero é que boa parte do engano era ese, ir reservando habitacións de hotel con ese nome en diferentes lugares do país, pero ninguén aparecía realmente (aínda que semellaba que si). Pero a partires dese momento, o espía e o seu equipo empéñanse en acabar con ese tipiño.

Primeiro emborráchano e intentan que se mate conducindo. Despois vai á ONU, descubre que a persoa que o intentou matar o día anterior non é quen di ser, e o seu interlocutor morre alí mesmo asasinado. Despois cólase nun tren a Chicago e recibe a imprevisible axuda dunha fermosa muller, que acaba sendo a amante do espía, aínda que realmente é a axente real que o FBI tiña infiltrado no equipo do espía. Despois intenta matalo unha avioneta fumigadora nuns campos nos que non hai case nada que fumigar. Despois diso van a Dakota do Sur, onde o espía ten unha supermansión a carón do monte Rushmore, e tamén alí ten un miniaeroporto no que vai fuxir do país co famoso microfilm que realmente case non aparece na película. E xa suporedes quen acaba ganando ao final.

Imos comentar agora algunhas curiosidades da película:
- Inicialmente Hitckcock e o seu guionista tiñan previsto adaptar ao cine unha novela moi diferente, pero despois de estar varias semanas traballando no tema, viron que non tiña moito futuro, e puxéronse a crear unha historia de cero a partir de varias ideas que tiñan na cabeza dende hai tempo: axente ficticio do FBI, asasinato na ONU, trama no monte Rushmore, etc. E non lles quedou nada mal, aínda que iso acrecenta o tamaño do "mcguffin", porque teñen que crear a historia a partir de retais que non teñen nada que ver entre sí.
- Polo visto, está prohibido rodar na sede da ONU, entón fixeron varios planos xerais na ampla entrada, intentando que non se notara demasiado, e o resto está feito en estudio, obviamente. Pero tamén é certo que non se ve ningunha das grandes salas de reunión, só unha cafetería.
- Tampouco lles deron permiso para rodar no monte Rushmore, así que fixeron unha réplica en estudio, o que encareceu bastante a produción, pero deu igual, porque foi unha película moi rentable.
- Pensouse en varias actrices para o papel principal, pero Hitchcock conseguiu que o fixese Eva Marie Saint, a pesar da oposición dos estudios
- Moito máis lío houbo para o papel masculino. Sopesáronse moitos nomes, incluído James Stewart, pero Hitchcock, polo visto, culpáballe do pouco éxito comercial de "Vértigo" (que despois converteuse nunha película de culto). Gregory Peck e William Holden foron candidatos poderosos, pero ao final chegou Cary Grant, que non o fixo mal.

Saúdos.



venres, 7 de xullo de 2023

Amoeba Split

Onte no Ágora había un concerto de música dun grupo cuxo nome me soaba, pero non coñecía, e as referencias non parecían malas, así que decidín probar. Polo visto, insinuábase que era un grupo a medio camiño entre o rock progresivo e o jazz. O rock progresivo gústame moito (aínda que sigo sen ter demasiado claro o que é) pero o jazz non. Unha vez pasado o concerto, creo que teñen máis de jazz que de rock progresivo, pero tampouco estivo mal.

A banda Amoeba Split é coruñesa, creouse hai xa máis de 20 anos, e estaban presentando o seu terceiro disco. Polo que dicían, dá a impresión de que non teñen moitos concertos. Na súa web di que os compoñentes son os seguintes:
- Fernando Lamas na batería
- Alberto Villarroya no baixo
- Ricardo Castro nos teclados
- Iago Mouriño nos teclados
- Eduardo Méndez na frauta e saxo
- Pablo Añón nos saxos
- Rubén Salvador na trompeta (non estivo neste concerto)

Uns cantos destes nomes sóanme bastante de velos en formacións de jazz que tocan no Jazz Filloa, por exemplo. En xeral, como pasa sempre nestes xéneros, son todos moi bos instrumentistas, faltaría máis, pero na miña humilde opinión (e xa me pasou máis veces), o teclista Iago Mouriño ten unha certa capacidade para eclipsar a todos os demais.

Saúdos.



Que me queres, amor?

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia. Nesta ocasión foi a quenda do volume número 98, o libro de relatos de Manuel Rivas titulado "Que me queres, amor?". Se non lembro mal, xa debín lelo no seu día, cando se publicou, pero obviamente non lembraba apenas nada, agás o título dalgún relato e algunha outra historia que se fixo moi célebre pola súa versión cinematográfica.

O libro foi publicado a mediados dos anos 90 e, se non me engana a memoria, foi o primeiro desa xeira que colocou a Manuel Rivas como un autor de referencia na literatura galega e tamén en parte na española. Despois del veu "O lápis do carpinteiro" e algunhas obras máis. Está claro que naquel momento estaba pasando un pico de creatividade e emotividade.

O relato máis famoso do libro é obviamente "A lingua das bolboretas", que deu lugar a unha fermosa película dirixida por José Luís Cuerda. Estaba buscando o dato dos relatos nos que se basearon para a película, porque non foi só o que lle dá título. Sóame que colleron personaxes ou situacións dalgún relato máis, e creo estar seguro de que "Un saxo na néboa" foi un deles. Non sei se non sería "Carmiña", porque sóame que na película matan un can, e ese conto trata dese tema.

Supoño que o libro me gustou máis no seu momento, cando o lin por primeira vez e estaba na crista da onda, que agora. Hai algúns relatos que son moi desconcertantes, e outros cun final moi aberto e difícil de interpretar.

Saúdos.



A illa do tesouro (película 1972)

Hai uns días lins unha banda deseñada coa historia de "A illa do tesouro", para min unha das mellores novelas da historia, e entro...