domingo, 19 de decembro de 2021

Fort Apache

"Fort Apache" é a primeira das tres películas que John Ford rodou para maior gloria do exército estadounidense do século XIX (e que el tanto añoraba) e que foi chamada a "Triloxía da Cabaleiría". As outras dúas foron "A lexión invencible" e "Río Grande". Por razóns técnicas que descoñezo, a segunda foi en color e as outras dúas en branco e negro. John Ford é un bo director, pero ten películas e obsesións que non comparto, e esta triloxía, da que xa vin dúas delas, parece unha delas. O militarismo non me chama nada e, obviamente, añorar o poderío militar dun país que aborrezo nunha época histórica moi controvertida non é algo que me agrade. E por se non chegara con iso, Ford tamén era pro-indio, porque lle parecía unha xente moi sensata (aí si que podo estar de acordo), así que a mestura que saía en películas como esta é dificilmente dixerible.

Esta película é do ano 1948 e os dous papeis principais son para Henry Fonda e John Wayne. Como secundarios temos a Shirley Temple (practicamente a súa última película, cando tiña 20 anos, porque foi unha superestrela infantil que non tiña oco no mundo adulto), Ward Bond, Pedro Armendáriz e Victor McLaglen.

Despois da Guerra de Secesión, o xeneral Owen Thursday é degradado a tenente coronel e enviado a Fort Apache, en Arizona, e el síntese tremendamente humillado e minusvalorado por esa razón. Alí o reciben algo estrañados, pero axiña comeza a tomar decisións drásticas que causan malestar pola súa rixidez, e comezan a comprender a fama que traía tras de si. Por certo, este papel é protagonizado por Henry Fonda, non por John Wayne, como alguén podería supoñer. O papel de Wayne é bastante máis sensato e razonable, se cadra iso pode sorprender algo.

O principal conflito que hai na zona é cos apaches que comanda Cochise. Un dos seus sobordinados, o capitán York (este si, John Wayne), ten unha boa relación con eles, porque considera a Cochise un xefe sensato. Pero Thursday non acepta esa situación e intenta atacalos con malas artes e enganándoos nunhas supostas negociacións de paz. Obviamente sae perdendo e el e algúns dos seus homes morren ante os apaches seguindo as absurdas ordes de Thursday. Só York e outros mandos intermedios quedaron na retaguardia e sálvanse. Cando remata a loita, Cochise achégase ao grupo de York e selan a paz, porque os dous sabían da boa vontade do outro, pero non se fiaban de Thursday.

Saúdos.



A illa do tesouro

"A illa do tesouro" é unha das historias máis universais e lidas do mundo. Fixéronse xa unhas cantas versións cinematográficas dela, incluso de animación. Algunha xente opina que é unha historia máis ben dirixida ao público infantil, pero eu non o teño tan claro. Xuraría que é unha desas tramas que puido ter esa orixe, pero que pode enganchar perfectamente a persoas de todas as idades. Hai pouco botaban esta versión, que parecía bastante modesta, pero non puiden evitalo.

Foi dirixida en 1999 por un tal Peter Rowe, e o papel do grumete Jim Hawkins o protagonizou un rapaz canadiano chamado Kevin Zegers, que non me consta que teña unha carreira moi exitosa como actor. A estrela máis rutilante do elenco é Jack Palance facendo de Long John Silver xa con 80 anos. E o único outro actor mínimamente coñecido á Patrick Bergin, que fai do pirata Billy Bones. É unha modesta produción británico canadiana, e polo que me pareceu ver nos créditos iniciais, coido que rodaron na Illa de Man a parte da illa caribeña na que supostamente está o tesouro, así que non se mataron demasiado, pero tampouco lles quedou moi cutre esa parte.

Supoño que xa coñecedes a historia. Un grupo de piratas esconde un fabuloso tesouro nunha illa e sepárase para volver por el algún tempo despois. O mapa para localizalo de novo lévao un tal Billy Bones, que intenta fuxir dos demais para non repartir nada. Fuxindo, chega en malas condicións á pousada do Almirante Benbow, na costa sur de Gran Bretaña. Pero non debeu ser moi discreto, porque alí tamén chegan perseguíndoo moitos integrantes da banda, que intentan asaltar a pousada, que é da familia do neno Jim Hawkins.

As forzas vivas da vila localizan finalmente o mapa que buscaban todos os piratas, e deciden fletar un barco para intentar atopar o tesouro. Pero a súa pouca sapiencia no tema non lles permite ver que a tripulación que contratan para ese barco é precisamente a banda de piratas que perseguía a Billy Bones, só o percibe Jim Hawkins, que os viu pasar pola pousada. Chegan á illa, os británicos teñen que illarse nun refuxio, e mentres, os piratas, que "secuestraron" a Jim Hawkins intentan atopar o tesouro, pero o mapa téñeno os outros. Finalmente todo chega a bo porto cando aparece Ben Gunn, un dos integrantes da banda, que quedou só na illa porque o deixaron alí os outros, e cambiou o tesouro de sitio.

Saúdos.



sábado, 18 de decembro de 2021

A cidade dos Césares

Víctor Freixanes é un eminente intelectual que ten un papel moi destacado na cultura galega. Agora mesmo é o presidente da Real Academia Galega, pero nas décadas pasadas destacou como editor, xa que dirixiu Xerais primeiro e Galaxia despois, ou sexa, o máis granado do mundo editorial galego. Seguramente toda esa actividade fixo que a súa grande capacidade como escritor se vira mermada, as súas obras publicadas son moi poucas, aínda que algunha delas tivo un notable peso na historia da literatura galega, como "O triángulo inscrito na circunferencia". Como ademais é un eminente orador do que teño disfrutado en varias ocasións, supuxen que ler unha novela súa sería unha delicia... pero equivoqueime.

O volume número 86 da Biblioteca Galega 120 que editou a Voz de Galicia hai varias décadas é "A Cidade dos Césares", escrito por Víctor Freixanes en 1993, unha das catro novelas que escribiu, e a primeira que lin. Son case 400 páxinas (as novelas galegas teñen tendencia a ser bastante curtas), pero agora, despois de ler o libro, penso que a historia que conta, seguramente, se podería ter resumido en 100 ou 150, como moito. Claro, o barroquismo formal é exuberante, as descricións de persoas e paisaxes completísimas, a linguaxe moi rica. Pero eu non son filólogo nin lingüista, e prefiro que nas novelas "pasen cousas". Xa sei que isto resulta moi prosaico, pero éche o que hai. Hai moitas persoas que amamos a literatura porque non gusta que nos conten historias, non porque a gramática e a sintaxe sexan moi ricas.

A historia semella moi atractiva (póñovos un vídeo en castelán ao final que fala do tema). Polo visto (non sei se está baseado na realidade, pero seguramente si), a finais do século XVIII, o rei Carlos III foi convencido por alguén para mandar unha expedición ao que agora é coñecido como a Patagonia para facerse co lugar, evanxelizar, poboar aquelas terras e esquilmar todas as riquezas posibles. Despois de ler a novela non me quedou demasiado claro se as persoas que comandaban a expedición lle comunicaron á Coroa que tamén querían comprobar se existía un mítico lugar chamado "A Cidade dos Césares", que sería algo así como "El Dorado", pero na cordilleira dos Andes, entre a Patagonia e Chile. Polo que se di na novela, intúese que non lle dixeron nada á Coroa, pero si tiñan planos que lles podían permitir chegar a ese lugar, pero era como un plan secreto, que sabían moi poucas persoas.

Na novela dise que a expedición ía comandada por un tal Don Xoán De la Piedra, e parece que a maioría das persoas que ían ao seu cargo era xente moi pobre, principalmente das montañas de Galicia, que foron embaucadas na expedición coa promesa das riquezas do novo mundo. Pero en paralelo tamén se uniron á expedición outros militares andaluces que pretendían ser un segundo poder na expedición. E o vicerrei da zona, radicado en Bos Aires e Montevideo, semellaba apoiar a estes segundos e non ao primeiro. E o primeiro, tamén galego, era quen oíra falar da mítica cidade nos Andes, e supostamente tería planos e mapas para chegar a ela. Os outros o sospeitaban, e o presionaban para conquerilos.

Finalmente a zona da Patagonia onde caeron era un pedregal, absolutamente insalubre, non había riqueza ningunha, e dificilmente podían sobrevivir. Ademais as tribus indíxenas do interior eran moi belixerantes con elas e ameazaban as puxantes cidades do Río da Prata. Nun determinado momento, fixeron unha incursión cara o interior seguindo o curso do Río Negro, con moitas calamidades, pero non conseguiron atopar nada. Unha parte pequena da novela tamén trata do que pasou cen anos máis tarde, cando a xa República Arxentina conseguiu acabar coa rebeldía dos indíxenas, e a metrópole de Bos Aires puido respirar tranquila, despois de séculos de acoso.

Pois o que vos dicía, a historia pintaba tan ben, pero o desenvolvemento da historia é tan tedioso, lento, denso, que acaba resultando moi pesado. É triste recoñecer que me pensarei moito ler outra novela deste autor, ao que tratei en persoa varias veces e me parece unha persoa fantástica. Esas cousas pasan.

Saúdos.



Spiderman 2: O poder de Electro

Non é que me chame moito esta saga, pero como as películas de superheroes teñen uns efectos dixitais interesantes e, sobre todo, poden verse cousas que non se ven en ningún outro sitio (aínda que sexan falsas, claro), pois aínda se agradecen. Esta é a segunda da nova etapa protagonizada por Andrew Garfield, actor que non me convence demasiado (Tobey Maguire, o primeiro actor que fixo que este papel no cine, tampouco é que me convenza demasiado, pero vaia...).

Foi dirixida no 2014 (dous anos despois da que daba inicio a esta nova etapa) por Marc Webb (insisto, ségueme parecendo unha fantástica casualidade que o apelido do director das películas de Spiderman sexa este). O protagonismo principal é para Andrew Garfield e Emma Stone, acompañados de secundarios como Sally Field, Dane De Haan, Felicity Jones e uns case irrecoñecibles malotes como Jamie Foxx e Paul Giamatti. Tamén é certo que estes dous últimos actores sei que teñen certo éxito pero non lles coñezo demasiado a cara real, así que tuneados de inimigos de Spiderman aínda os recoñecería menos.

Con respecto ao título, hai o lío habitual do mundo hispanofalante. A tradución do título orixinal sería algo así como "O sorprendente Spiderman 2: o crecemento de Electro". En España deixaron a primeira parte en inglés, e a segunda parte foi "O poder de Electro". En Hispanoamérica traduciron a primeira parte, e na segunda non falaban de crecemento, aumento nin poder, senón de "ameaza". Recoñezo que xa o título orixinal era algo ambiguo, eu non sei que tería feito nun caso así.

A historia é algo retorcida, para non variar. Por unha banda, un bo amigo da infancia de Peter Parker, Harry Osborn, volve a casa e ve como o seu pai, Norman, un alto directivo da empresa Oscorp, está a piques de morrer absolutamente devastado por unha doenza xenética que o deforma por completo. Dille a Harry que axiña el comezará a notar os mesmos síntomas e pásalle toda a información que ten sobre a enfermidade, para ver se pode curarse. Entón averigua que o que lle pasou a Spiderman ten que ver moito coa súa doenza, e que unha transfusión de sangue de Spiderman pode salvarlle a vida.

Atópase de novo con Peter Parker (sen saber que este é Spiderman, obviamente) e coméntallo, porque Peter sacoulle fotos a Spiderman, e creo que ao mellor o coñece. Pouco despois, disfrazado de Spiderman, faille unha visita a Harry, pero dille que non lle pode facer a transfusión, porque o seu sangue probablemente o mataría, máis que salvalo. Harry vai facendo probas variadas, sen moito éxito, e acaba converténdose no Duende Verde, grande inimigo do superheroe (e digo eu, por que non se menciona no título, e si a Electro).

Electro era un torpe enxeñeiro eléctrico de Oscorp, bastante vacilado polos seus xefes, que un día sufre unha electrocución e cae nun tanque con anguilas eléctricas, e convértese nun inmenso xerador eléctrico. Lévano a un edificio onde fan experimentos con el, e nalgún momento consegue escapar dalí para acabar enfrontándose no final da película a Spiderman, como non podía ser menos. Por certo, o principal poder de Electro era o de provocar apagóns, que en Nova Iork e calquera cidade non é pouco.

E por se non chegara con todo isto, tamén aparece Rhino, un ex-mafioso ruso que na primeira escea da película está intentando roubar plutonio e que na última aparece cunha coiraza metálica que lle dá unha apariencia de inmenso rinoceronte. Spiderman tamén o vence, faltaría máis.

A noticia máis desconcertante é que a moza de Peter Parker, Gwen, morre nunha das últimas escenas, debido a unha caída na pelexa entre Spiderman e o Duende Verde. Polo visto, acaba de estrearse a terceira desta nova etapa, pero o novo superheroe está protagonizado por Tom Holland.

Saúdos.





martes, 7 de decembro de 2021

Superman

Colleume novo, pero supoño que fun vela ao cine. E creo que foi a primeira película de superheroes que vin, e a potencia da banda sonora de John Williams ficou gravada na miña cabeza, como en moitas outras, supoño. Debín ver a serie de televisión "Hulk" naquela mesma época, pero unha serie non é o mesmo ca unha película, e esta película marcou a unha xeración, á miña. Botábana onte no espazo de cine clásico da 2, que agora é os luns pola noite.

A película foi dirixida no ano 1978 por Richard Donner. Acabo de saber que se estaban rodando a primeira e a segunda parte simultáneamente, e houbo desavenencias dos produtores co director. Xa estaba rodada o 75% da segunda parte, pararon esa rodaxe e remataron a primeira. Polo visto, a segunda volveuse facer co mesmo elenco, pero un novo director, flipante. De feito, na primeira parte aparecen ben visibles e presentados nos créditos actores e actrices que só aparecen uns segundos na primeira parte, e que protagonizan a segunda. Vaia industria. Nesta primeira, o protagonismo principal cae en Christopher Reeve, Margot Kidder e Gene Hackman, como o malísimo Lex Luthor. Como secundarios, aparecen bastante Marlon Brando, Jackie Cooper, Ned Beatty e Valerie Perrine. E con moito menos protagonismo están grandes como Glenn Ford ou Trevor Howard. E o guión foi asinado por varias mans, pero a principal semella que foi a de Mario Puzo.

Non imos contar moito da historia, que é ben coñecida. Só lembrar que nesta primeira entrega Superman chega á Terra dende o planeta Krypton, crece e entra a traballar no xornal Daily Planet, onde traballa a xornalista Lois Lane, da que namora, e que o malísimo da película é Lex Luthor, que intercepta e desvía dous misiles estadounidenses dunha forma bastante chunga, envía un contra Nova Jersey, que é interceptado por Superman, e o outro vai cara á falla de San Andrés, para provocar un grande terremoto na Costa Oeste. A este Superman chega tarde, pero coa súa grande forza e velocidade, detén o terrible movemento de terras que se ía producir. E salva da morte a Lois Lane dunha forma bastante incrible, volvendo atrás no tempo, pero vaia, vendo estas burradas as defensas están algo baixas e xa aceptas calquera cousa.

Chamáronme a atención unhas cantas cousas neste visionado. A película dura 2 horas e cuarto. O primeira media hora ten lugar en Krypton, na xuventude de Clark Kent na Terra, e remata cando vai a ese estraño escenario do Polo Norte (supoño que é alí) e atopa o seu disfraz. Ata que vai unha hora de película non se lle ve voando por Metrópolis (que claramente é Nova Iork) e facendo fazañas. E a partir de aí xa é un desbarre de barbaridades continuas. Quero dicir con esto que, se na época alguén estaba esperando ver voar a Superman, aínda debeu aburrirse un pouco e debeu pensar que o comezo da película era algo lento e pesado.

Saúdos.



O rostro impenetrable

Na cadea de televisión fascistoide na que tanto gustan as películas poeirentas (ou sexa, ambientadas no Oeste estadounidense do século XIX) onte botaban "O rostro impenetrable", película que ten certa fama e que non vira nunca, así que probei. O que non entendo en absoluto é de onde sae o título orixinal "One-eyed Jacks". Non lembro ningún personaxe que se chamara Jack, nin ningún torto da vista. Debe haber algo que non entendo.

Non está moi claro de que ano é a película, 1959, 1960 ou 1961, hai opinións diversas, debeu ser unha rodaxe algo longa e convulsa. Inicialmente o director ía ser Stanley Kubrick, pero despois dalgún tempo de rodaxe, foi despedido por conflitos con Marlon Brando (vaia dúas patas para un banco), e este mesmo acabou de director, na súa única experiencia nese labor. O protagonismo principal é para Marlon Brando (sobre todo) e para Karl Malden. Despois hai secundarios cunha certa presenza como Pina Pellicer, Katy Jurado, Ben Johnson, Slim Pickens ou Larry Duran. Dise que é unha película moi narcisista na que o director e actor principal quería presumir de presenza na cámara, e seguramente non lles falte razón, pero aínda así, non lle saíu mal.

O cerne da historia é a amizade inicial, e despois odio, entre os dous protagonistas principais, Rio (Brando) e Dad Longworth (Malden). Atracan bancos xuntos, e despois dun golpe no banco de Sonora, son perseguidos polos xendarmes rurais de México e acurralados no cumio dun monte. Só queda un cabalo para os dous, e sortean quen fuxe co cabalo para buscar outros máis frescos, mentres o outro agarda e entretén aos policías. Aquí xa xurde a primeira controversia, porque vemos como Rio fai trampa, pero non para fuxir no único cabalo, senón para quedar na montaña só, cousa que, aparentemente, non ten moita lóxica. Dad fuxe a unha aldea cercana, que xa coñecían, e alí merca dous cabalos. Pero cando está preparando todo para volver, nótase que decide fuxir e deixar a Rio só, para que sexa apreixado. Pouco despois pasan os xendarmes con Rio pola aldea, e Rio comprende que Dad o deixou alí a propósito.

Rio está no cárcere de Sonora durante case cinco anos, e consegue fuxir cun mexicano chamado Chico Modesto, que será un dos seus mellores amigos a partir dese momento. Volven ao mesón onde lles fixeron a emboscada na que el acabou apresado. E casualmente alí preséntase ante el outro foraxido, Bob Amory, que oíu falar de Rio, e que quere unirse a el para atracar o banco de Monterrey. Rio non está demasiado convencido, pero comeza a estalo cando Amory lle di que Dad Longworth é o sheriff desa vila. A banda complétase con Harvey Johnson, xa son catro para facer o atraco, e de paso, que Rio se vengue de Dad, que é o seu único desexo.

Van a Monterrey, e o primeiro que fai Rio é ir visitar a Dad, que xa levaba tempo temendo esa visita. Os dous finxen que non pasou nada. Rio descubre, polo que conta Dad, que é totalmente falso, que o deixou só a propósito, do que xa estaba convencido. Rio queda a cear coa nova familia mexicana de Dad, a súa muller María e a súa fillastra Luisa, da que Rio namora.

Pretendían facer o atraco do banco ao día seguinte, pero está todo pechado, porque son as festas da vila. Dad é consciente de que todos os que acompañan a Rio son atracadores, e que el segue no negocio, pero en principio non actúa contra el. Si o fai máis adiante cando Rio mata a un borracho pesado nun bar. A banda decide irse a descansar a unha aldea cercana e preparar mellor o atraco, pero van xurdindo desavenencias entre eles, aproveitando tamén o odio entre Rio e Dad.

Ao fínal líase todo. Amory e Harvey matan a Chico, e fanlle crer a Dad que Rio vai ir á súa casa a matalo, cando xa non tiña esa intención. Rio xa só quería marchar con Luisa, á que deixou embarazada nada máis coñecela. Realmente Amory e Harvey intentan atracar o banco eles sós, pero fracasan. Aínda que Rio non estaba alí, todos lle acusan de participar no atraco e o encarcelan, con intención de aforcalo. Consegue fuxir da cadea coa axuda de Luisa, e escapan os dous, despois de que Rio conseguira matar a Dad, nun duelo bastante patético, por certo.

Pois iso, película peculiar, moi centrada na imaxe de Marlon Brando, pero con escenas e escenarios moi curiosos. Non lembro eu moitas películas deste xénero (agora mesmo, ningunha) con paisaxes na costa. E os personaxes son bastante poliédricos, con moitas aristas.

Saúdos.



luns, 6 de decembro de 2021

Artificial Intelligence

Onte botaban na televisión a película "A.I." ou "Artificial Intelligence". Vina no cine no seu día, porque tiña moito interese en vela daquela, pero deixoume bastante frío. Decidín darlle unha nova oportunidade, pero a sensación volve ser a mesma, a de frialdade. Se cadra é lóxico falando de robots.

A película foi dirixida e producida en 2001 por Steven Spielberg. Pero o meu interese non viña de aí, senón porque a alongada sombra de Stanley Kubrick estaba detrás dela. Era un dos seus proxectos máis ansiados, e levaba traballando nel máis de 20 anos, contratou a varios guionistas diferentes, e non a levou a cabo antes porque consideraba que a industria dos efectos especiais aínda non estaba suficientemente avanzada para rodala, sobre todo para facer crer que un robot parecera humano. A mediados dos 90 viu algunhas películas, como "Parque Xurásico", que lle convenceron de que chegara o momento. Pero nese intre decidiu quedar como produtor e que dirixira Spielberg. Supoño que a morte de Kubrick en 1999 provocou o lanzamento da rodaxe definitiva. En canto ao elenco, suponse que os tres principais son Haley Joel Osment, Frances O'Connor, Jude Law e William Hurt.

A familia Swinton, formada por Henry e Mónica, tiveron un fillo chamado Martin, pero debido a un accidente, está en situación terminal, e non se sabe como e cando sairá dela, se é que sae. Henry traballa nunha empresa chamada Cybertronics, que está deseñando un prototipo moi avanzado de robot con capacidade para amar. Debido á situación da familia, é elixida para entregarlle o primeiro exemplo de neno robot. Deciden probar co neno robot, chamado David. A historia céntrase moito na relación entre David e Mónica, o pai apenas aparece. Ao comezo, a relación entre os dous é bastante fría, pero aos poucos, vanse caendo ben e querendo máis.

Nun determinado momento, a nai decide realizar o proceso de impronta, que é irreversible, e que provocará que o robot pase a considerarse fillo dela. En canto o realiza, o neno robot comeza a chamarlle "mamá", e ela síntese moi feliz. A cousa vai mellorando cada vez, pero de súpeto, un día, reciben a noticia de que Martin, o seu fillo natural, recuperouse e volve á casa. Efectivamente, faino, con próteses nas pernas porque non debe ter demasiada forza muscular, despois de tanto tempo en coma. O rapaz humano, o neno robot e un osiño robótico chamado Teddy forman un trío moi pavero.

Pero a Martin non parece facerlle demasiada graza a competencia do neno robot, e coa típica competitividade e ciumes humanos, provoca varias situacións nas que David non sae demasiado ben parado. A última delas é cando lle di que lle corte unha crecha do pelo a Mónica cando está durmindo. A David, a idea non lle parece ben ao comezo, pero como Martin o convence de que non é nada malo, entra coas tesouras na habitación dos pais, coa intención de cortarlle un mechón, e de feito o consegue. A nai esperta nese momento, e ao velo coas tesouras na man, pensa no peor, obviamente.

A nai decide abandoar a David e a Teddy nun bosque. Dálles uns consellos para que poidan sobrevivir, porque tampouco quere que os destrúan. A partir daí descúbrese que na sociedade (estadounidense, neste caso, coma sempre) hai unha serie de fanáticos da carne humana e que persiguen aos robots. Celebran uns espectáculos bastante patéticos chamados as "Feiras da Carne" nas que destrúen e despedazan a vellos robots que foron apresados polos bosques. Nunha delas, David e Teddy coñecen a Gigolo Joe, un androide que foi deseñado para ofrecer amor como prostituto, e que lle axuda a buscar de novo á súa nai.

Aínda que realmente o que busca David é a Fada Azul do conto de "Pinocho", que poderá convertelo nun neno de verdade, para que Mónica volva a querelo de novo. Todo isto sucede cando subiu moitos metros o nivel do mar en todo o mundo, debido ao desxeo dos casquetes polares, e Manhattan está mergullada en auga, só sobresaen os rañaceos máis altos. Alí atopa a sede de Cybertronics, e fala co creador do seu prototipo, que intentou deseñalo moi parecido ao fillo que perdera. E cun helicóptero submariño atopa unha estatua da Fada Azul nun parque que ten unha atracción sobre Pinocho. Queda alí pregándolle o seu desexo durante 2.000 anos, xa que chega unha nova glaciación.

Dous milenios despois, sácano de alí uns extraterrestres que chegaron ao planeta, e intentan saber que desexos ten. El exprésaos pero din que non poden facer nada sen unha mostra física desa persoa, para reconstruír o seu ADN. E Teddy saca o mechón do pelo de Mónica, pois foi el quen o gardou. Con iso, poden facer revivir a Mónica durante un día, pero será o último, non pode repetirse o proceso. Fano e David e Mónica son moi felices durante o seu último día xuntos.

Pois iso, a película está moi ben pero déixame bastante frío. A filosofía que subxace a historia paréceme tremendamente pretenciosa. Promete moito, pero ao final quédase en moito menos. Hai unhas cantas cousas que me chirrían. Por exemplo, que esa suposta capacidade de amar sexa basicamente do fillo robot á nai, non a ninguén máis. O personaxe de Gigolo Joe, protagonizado por Jude Law, paréceme bastante insustancial e dáselle bastante protagonismo pero aparentemente para nada. Tamén lin por aí como tería sido o final da película se o director fose Kubrick e non Spielberg. Efectivamente, co almibarado que é sempre Spielberg, calquera sabe como tería sido. Ao fin e ao cabo, semellan dous directores bastante diferentes.

Saúdos.



Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non...