sábado, 18 de decembro de 2021

Spiderman 2: O poder de Electro

Non é que me chame moito esta saga, pero como as películas de superheroes teñen uns efectos dixitais interesantes e, sobre todo, poden verse cousas que non se ven en ningún outro sitio (aínda que sexan falsas, claro), pois aínda se agradecen. Esta é a segunda da nova etapa protagonizada por Andrew Garfield, actor que non me convence demasiado (Tobey Maguire, o primeiro actor que fixo que este papel no cine, tampouco é que me convenza demasiado, pero vaia...).

Foi dirixida no 2014 (dous anos despois da que daba inicio a esta nova etapa) por Marc Webb (insisto, ségueme parecendo unha fantástica casualidade que o apelido do director das películas de Spiderman sexa este). O protagonismo principal é para Andrew Garfield e Emma Stone, acompañados de secundarios como Sally Field, Dane De Haan, Felicity Jones e uns case irrecoñecibles malotes como Jamie Foxx e Paul Giamatti. Tamén é certo que estes dous últimos actores sei que teñen certo éxito pero non lles coñezo demasiado a cara real, así que tuneados de inimigos de Spiderman aínda os recoñecería menos.

Con respecto ao título, hai o lío habitual do mundo hispanofalante. A tradución do título orixinal sería algo así como "O sorprendente Spiderman 2: o crecemento de Electro". En España deixaron a primeira parte en inglés, e a segunda parte foi "O poder de Electro". En Hispanoamérica traduciron a primeira parte, e na segunda non falaban de crecemento, aumento nin poder, senón de "ameaza". Recoñezo que xa o título orixinal era algo ambiguo, eu non sei que tería feito nun caso así.

A historia é algo retorcida, para non variar. Por unha banda, un bo amigo da infancia de Peter Parker, Harry Osborn, volve a casa e ve como o seu pai, Norman, un alto directivo da empresa Oscorp, está a piques de morrer absolutamente devastado por unha doenza xenética que o deforma por completo. Dille a Harry que axiña el comezará a notar os mesmos síntomas e pásalle toda a información que ten sobre a enfermidade, para ver se pode curarse. Entón averigua que o que lle pasou a Spiderman ten que ver moito coa súa doenza, e que unha transfusión de sangue de Spiderman pode salvarlle a vida.

Atópase de novo con Peter Parker (sen saber que este é Spiderman, obviamente) e coméntallo, porque Peter sacoulle fotos a Spiderman, e creo que ao mellor o coñece. Pouco despois, disfrazado de Spiderman, faille unha visita a Harry, pero dille que non lle pode facer a transfusión, porque o seu sangue probablemente o mataría, máis que salvalo. Harry vai facendo probas variadas, sen moito éxito, e acaba converténdose no Duende Verde, grande inimigo do superheroe (e digo eu, por que non se menciona no título, e si a Electro).

Electro era un torpe enxeñeiro eléctrico de Oscorp, bastante vacilado polos seus xefes, que un día sufre unha electrocución e cae nun tanque con anguilas eléctricas, e convértese nun inmenso xerador eléctrico. Lévano a un edificio onde fan experimentos con el, e nalgún momento consegue escapar dalí para acabar enfrontándose no final da película a Spiderman, como non podía ser menos. Por certo, o principal poder de Electro era o de provocar apagóns, que en Nova Iork e calquera cidade non é pouco.

E por se non chegara con todo isto, tamén aparece Rhino, un ex-mafioso ruso que na primeira escea da película está intentando roubar plutonio e que na última aparece cunha coiraza metálica que lle dá unha apariencia de inmenso rinoceronte. Spiderman tamén o vence, faltaría máis.

A noticia máis desconcertante é que a moza de Peter Parker, Gwen, morre nunha das últimas escenas, debido a unha caída na pelexa entre Spiderman e o Duende Verde. Polo visto, acaba de estrearse a terceira desta nova etapa, pero o novo superheroe está protagonizado por Tom Holland.

Saúdos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...