martes, 7 de decembro de 2021

Superman

Colleume novo, pero supoño que fun vela ao cine. E creo que foi a primeira película de superheroes que vin, e a potencia da banda sonora de John Williams ficou gravada na miña cabeza, como en moitas outras, supoño. Debín ver a serie de televisión "Hulk" naquela mesma época, pero unha serie non é o mesmo ca unha película, e esta película marcou a unha xeración, á miña. Botábana onte no espazo de cine clásico da 2, que agora é os luns pola noite.

A película foi dirixida no ano 1978 por Richard Donner. Acabo de saber que se estaban rodando a primeira e a segunda parte simultáneamente, e houbo desavenencias dos produtores co director. Xa estaba rodada o 75% da segunda parte, pararon esa rodaxe e remataron a primeira. Polo visto, a segunda volveuse facer co mesmo elenco, pero un novo director, flipante. De feito, na primeira parte aparecen ben visibles e presentados nos créditos actores e actrices que só aparecen uns segundos na primeira parte, e que protagonizan a segunda. Vaia industria. Nesta primeira, o protagonismo principal cae en Christopher Reeve, Margot Kidder e Gene Hackman, como o malísimo Lex Luthor. Como secundarios, aparecen bastante Marlon Brando, Jackie Cooper, Ned Beatty e Valerie Perrine. E con moito menos protagonismo están grandes como Glenn Ford ou Trevor Howard. E o guión foi asinado por varias mans, pero a principal semella que foi a de Mario Puzo.

Non imos contar moito da historia, que é ben coñecida. Só lembrar que nesta primeira entrega Superman chega á Terra dende o planeta Krypton, crece e entra a traballar no xornal Daily Planet, onde traballa a xornalista Lois Lane, da que namora, e que o malísimo da película é Lex Luthor, que intercepta e desvía dous misiles estadounidenses dunha forma bastante chunga, envía un contra Nova Jersey, que é interceptado por Superman, e o outro vai cara á falla de San Andrés, para provocar un grande terremoto na Costa Oeste. A este Superman chega tarde, pero coa súa grande forza e velocidade, detén o terrible movemento de terras que se ía producir. E salva da morte a Lois Lane dunha forma bastante incrible, volvendo atrás no tempo, pero vaia, vendo estas burradas as defensas están algo baixas e xa aceptas calquera cousa.

Chamáronme a atención unhas cantas cousas neste visionado. A película dura 2 horas e cuarto. O primeira media hora ten lugar en Krypton, na xuventude de Clark Kent na Terra, e remata cando vai a ese estraño escenario do Polo Norte (supoño que é alí) e atopa o seu disfraz. Ata que vai unha hora de película non se lle ve voando por Metrópolis (que claramente é Nova Iork) e facendo fazañas. E a partir de aí xa é un desbarre de barbaridades continuas. Quero dicir con esto que, se na época alguén estaba esperando ver voar a Superman, aínda debeu aburrirse un pouco e debeu pensar que o comezo da película era algo lento e pesado.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...