domingo, 19 de decembro de 2021

A illa do tesouro

"A illa do tesouro" é unha das historias máis universais e lidas do mundo. Fixéronse xa unhas cantas versións cinematográficas dela, incluso de animación. Algunha xente opina que é unha historia máis ben dirixida ao público infantil, pero eu non o teño tan claro. Xuraría que é unha desas tramas que puido ter esa orixe, pero que pode enganchar perfectamente a persoas de todas as idades. Hai pouco botaban esta versión, que parecía bastante modesta, pero non puiden evitalo.

Foi dirixida en 1999 por un tal Peter Rowe, e o papel do grumete Jim Hawkins o protagonizou un rapaz canadiano chamado Kevin Zegers, que non me consta que teña unha carreira moi exitosa como actor. A estrela máis rutilante do elenco é Jack Palance facendo de Long John Silver xa con 80 anos. E o único outro actor mínimamente coñecido á Patrick Bergin, que fai do pirata Billy Bones. É unha modesta produción británico canadiana, e polo que me pareceu ver nos créditos iniciais, coido que rodaron na Illa de Man a parte da illa caribeña na que supostamente está o tesouro, así que non se mataron demasiado, pero tampouco lles quedou moi cutre esa parte.

Supoño que xa coñecedes a historia. Un grupo de piratas esconde un fabuloso tesouro nunha illa e sepárase para volver por el algún tempo despois. O mapa para localizalo de novo lévao un tal Billy Bones, que intenta fuxir dos demais para non repartir nada. Fuxindo, chega en malas condicións á pousada do Almirante Benbow, na costa sur de Gran Bretaña. Pero non debeu ser moi discreto, porque alí tamén chegan perseguíndoo moitos integrantes da banda, que intentan asaltar a pousada, que é da familia do neno Jim Hawkins.

As forzas vivas da vila localizan finalmente o mapa que buscaban todos os piratas, e deciden fletar un barco para intentar atopar o tesouro. Pero a súa pouca sapiencia no tema non lles permite ver que a tripulación que contratan para ese barco é precisamente a banda de piratas que perseguía a Billy Bones, só o percibe Jim Hawkins, que os viu pasar pola pousada. Chegan á illa, os británicos teñen que illarse nun refuxio, e mentres, os piratas, que "secuestraron" a Jim Hawkins intentan atopar o tesouro, pero o mapa téñeno os outros. Finalmente todo chega a bo porto cando aparece Ben Gunn, un dos integrantes da banda, que quedou só na illa porque o deixaron alí os outros, e cambiou o tesouro de sitio.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...