martes, 1 de xuño de 2021

No estanque dourado

Onte, no espazo de cine clásico da 2 botaban unha película que, se cadra non é tan clásica, porque tampouco é tan antiga, pero que está protagonizada por dous actores veteráns que estiveron de cheo na época do cine clásico, e que só coa súa presenza xa lle dan lustre á película. Por certo, en Hispanoamérica titulárona "Na lagoa dourada". Non estou seguro, pero creo que a tradución de "estanque" é máis apropiada.

A película foi dirixida en 1981 por Mark Rydell. Está baseada nunha obra de teatro de Ernest Thompson, e ben que se nota, porque toda a historia transcorre na casa de campo que ten a parella xunto ao estanque-lagoa, cun grande predominio dos diálogos. Obviamente, todo está pensado para o lucimento de Henry Fonda e Katherine Hepburn, e un pouco menos para Jane Fonda, pero case todo xira en torno a eles. A dicir verdade, o rapaz Doug McKeon tamén ten bastante presenza, e non o fai mal. En total, hai 8 personaxes, e varios deles só saen nunha escea.

A historia non ten moita chicha. Basicamente trata sobre as breves vacacións de verán que vai pasar esta parelliña de vellos na súa casa xunto á lagoa. Na primeira escea vese como sacan as fundas dos mobles, e na última vese como llas volven poñer. Van ter a visita da súa filla, que ten unha relación tirante co pai. Ela vén acompañada da súa nova parella e do fillo del. A visita é porque o home cumpre 80 anos. A idea é que a filla e o seu novo mozo marchen un mes de viaxe por Europa (onde acabarán casando) e lle deixen o fillastro, que ten 13 anos, á parella de septuaxenarios, a cousa pinta bastante fea.

Pero ao final acaban facendo boas migas e a cousa vai moito mellor do que se esperaba. Pero o drama candente é que a filla non entende por que razón as relacións co seu pai son tan frías. Non se considera culpable diso, pensa que el sempre foi moi esixente con ela e nunca a quixo. Pero acaban facendo as paces finalmente.

Nada, unha tranquila, lenta e agradable fábula sobre a vellez, a cercanía da morte. Aínda que ás veces faise algo lenta de máis e, se cadra, repetitiva. Dáme a impresión que todo estaba pensado para o lucimento sobre todo de Henry Fonda, que xa estaba moi maior. De feito, tamén era o pai de Jane Fonda na vida real, e parece que esta historia non era tan irreal, porque parece que as súas relacións non eran idílicas. O caso é que, pouco tempo máis tarde, déronlle o Oscar a mellor actor a Henry, e recolleuno a súa filla, porque el estaba xa moi enfermo. Morreu uns meses máis tarde.

Saúdos.



Salvador

Por terceira vez dende que comezou a pandemia en marzo de 2020, fun ao teatro. E de novo, a ver teatro galego no Fórum Metropolitano da Coruña. A razón de ir só a este recinto é que aí programan obras e compañías menos famosas, e as posibilidades de que se esgoten as entradas son moito menores que nos grandes teatros do centro da cidade, o Rosalía e o Colón. Coas restricións actuais, só caben unhas 50 persoas, pero polo menos de momento, vou atopando sitio.

Acabo de enterarme de que esta obra de teatro xa ten 3 anos, aínda que eu non oín falar dela ata este 2021. Ían representala na Coruña hai 3 meses, pero como houbo un novo surto que volveu pechar os recintos culturais, houbo que adiala. E por fin, a semana pasada puidemos disfrutala. Tíñalle botado o ollo dende a ocasión anterior, porque a historia semella interesante e intrigante.

Porque o máis interesante é que non che contan o que vai pasar na obra, senón cal é o contexto da mesma e a razón para facela. E aí prende a curiosidade. Unha vez vista, decepcionoume un pouco. Algunhas partes están mellor, outras peor, como pasa sempre, pero supoño que creou unhas altas expectativas que, ao final, non se cumpren tanto como un esperaría.

A obra é representada polo actor e músico Borja Fernández, que xa ten actuado con outras compañías galegas potentes como Chévere. E nalgunha desas obras xa deixou claro que tocaba instrumentos e que tiña unha vis musical moi potente no escenario. Está acompañado no escenario por Laura Iturralde, videojockey e manipuladora de obxectos. Claro, les isto e flipas bastante. Seguramente dis "pero estes dous que fan no escenario?". Videojockey é algo parecido a discjockey, supoño que xa o pillastes, e manipula obxectos colocando cousas diante de cámaras cuxas imaxes se proxectan en grande.

A idea é a seguinte: O avó paterno de Borja naceu na zona de Verín. Chamábase Benito Fernández Meiriño. Un día de 1959, pola mañán cedo, saíu da casa, dicíndolle á súa muller que ía de viaxe a Barcelona para facer uns negocios. Pero realmente, o taxi que colleu levouno ao porto de Vigo, onde subiu a un barco que o levou ao Brasil. Nunca volveu. Morreu no 2004. Só escribiu dúas cartas en todo ese tempo á súa muller. Na segunda, anunciáballe que na terceira lle contaría toda a verdade de por que tivo que fuxir, pero esa terceira carta nunha chegou, se é que algunha vez existiu.

Conseguiron localizar varias fotografías dos anos 70 e 80 nos que aparece en actos sociais da súa vila no Brasil. Conseguiron saber a que se dedicara en varios dos moitos traballos que tivo. Nos primeiros tempos estivo en Santos, e pode que en Sao Paulo, pero despois marchou para Salvador de Bahía (de aí o título da obra), e acabou afincándose nunha vila chamada Ilheus, que está considerada como a capital do cacao (entendo que no Brasil nada máis, pero non o sei). De feito, varias desas fotos son en celebracións relacionadas cos Jogos Internacionais do Cacao, que se prefiro non saber o que é.

E iso é todo. Por momentos ten un ritmo áxil e resulta sorprendente. Pero noutros momentos penso que se lle vai un pouco a cousa das mans e desvaría bastante. Pero a idea non está nada mal. Por certo, Borja contactou con familiares seus de Brasil, que son descendentes do seu avó, que tivo unha familia en Galicia á que abandonou, pero creou outra nova no Brasil, e agora semella que esas dúas familias se están coñecendo.

Saúdos.



mércores, 26 de maio de 2021

O xerme da liberdade

No 2014 publicouse este interesante libro. Eu debín mercalo naquela época ou pouco despois. Pero dada a súa estrutura, mentaliceime para a súa lectura lenta e fragmentaria, sen medo a perder a súa esencia. Remateino estes días, debín pasar 2 ou 3 anos léndoo, pero todo este misterio aclararase agora mesmo.

Foi publicado pola Universidade da Coruña, e as dúas coordinadoras son dúas profesoras desa universidade: Rocío Chao Fernández e María Dorinda Mato Vázquez. Consiste basicamente en breves biografías de centos de mulleres que destacaron no ámbito das Artes e as Ciencias, áreas nas que a muller tivo unha certa presencia pero que está case totalmente invisibilizada. Elas coordinaron case todos os capítulos temáticos, pero en varios encargáronse Roberto Suárez Brandariz e José María Mesías Lema.

Os capítulos nos que está estruturado son:
- Arquitectura e Enxeñería
- Astronomía
- Ciencias
- Cinematografía
- Escultura
- Fotografía
- Literatura
- Matemáticas
- Música
- Pintura

Deben ser en total algo máis de 400 biografías, así que non está nada mal. Dende logo, o propósito é moi noble e descúbrense cousas e persoas ben interesantes. Tamén é certo que o libro non é perfecto e ten algúns defectos, pero poden ser comprensibles ao abranguer tantos campos diferentes. Aínda así, vin algunha cousa algo estraña, como algunha biografía repetida, porque non detectaban que unha muller tiña apelido diferente de solteira e de casada (pasa moito na cultura anglosaxona), algunha figura que se cadra non estaba encadrada na categoría temática na que máis destacou, e algún outro tema lingüístico, como palabras ou frases en castelán (non sería raro que algunha biografía ou fragmento sexa unha tradución doutra, e tampouco é pecado), ou incluso máis raras, o que pode facer pensar en tradución do inglés cun tradutor automático, co perigo que iso ten.

Pero vaia, en xeral, ben interesante, e este libro non sairá da miña casa, porque é unha obra de consulta útil para calquera momento.

Saúdos.

martes, 25 de maio de 2021

Con saias e a rachar

Coido que esta película xa a vira enteira algunha vez, pero é unha desas comedias tan redondas, que un novo visionado de cando en vez nunca lle fai mal. Botárona no espazo de cine clásico da 2 e sempre é un pracer.

Aquí vou comezar co tema do título, que neste caso é un lío gordo, parece. O orixinal é "Some like it hot", que parece significar algo así como "A algúns gústalles quente" ou "A algunhas gústalles quente". Aínda que a palabra HOT me resulta algo confusa aí, porque nun diálogo fálase dun novo estilo musical que está tendo moito éxito, e que se chama o "hot", unha variante do jazz. Ao mellor o título fai referencia a iso, pero en calquera caso, non semella un título demasiado acertado, xa na versión orixinal. A versión española "Con faldas y a lo loco", e a galega "Con saias e a rachar" (copia da anterior) son moi frouxas, pero polo menos fan referencia á principal característica da historia, o travestismo de dous dos personaxes. E en Hispanoamérica a titularon "Una Eva y Dos Adanes" (sen comentarios) e "Algunos prefieren quemarse", que é a tradución máis parecida ao orixinal, pero que tampouco queda nada claro a que se refiren.

A película é do ano 1959. Foi dirixida por Billy Wilder, e as tres principais estrelas foron Marilyn Monroe, Jack Lemmon e Tony Curtis, escoltados por secundarios ben solventes. Parece que nas películas de Billy Wilder o máis importante era o equipo de guionistas, formado por el mesmo e o seu colega I.A.L. Diamond. Onte pareceume escoitar na presentación que estaba baseada en versións anteriores francesas e alemás.

Está ambientada no mafioso Chicago de 1929. Dous músicos que se ganan a vida na licenciosa vida nocturna do Chicago da época, teñen a desgraza de presenciar o asasinato dun mafioso a mans doutro aínda moito máis perigoso. Conseguen escapar, pero a partir de aí serán perseguidos para que non dean testemuña do que viron.

Por unha casualidade, conseguen fuxir a Florida durante unhas semanas para tocar nunha orquestra de "señoritas", pero para poder facer iso, teñen que disfrazarse de mulleres, facéndose pasar por unha tal Josephine e unha tal Daphne. Todo vai saíndo máis ou menos ben, pero quedan prendadas (sobre todo un deles) pola cantante do grupo, que é alcólica pero moi encantadora.

Chegan a Florida, e un deles, leva unha dobre vida para intentar seducir á súa compañeira cantante, facéndose pasar por un ricachón. E un vello ricachón de verdade namórase do outro membro da parella de músicos, sen decatarse dalgo bastante obvio, que é un home disfrazado de muller. Por unha casualidade, o mafioso de Chicago e a súa banda chegan ao mesmo hotel que que eles/elas tocan e durmen, e teñen que volver a fuxir.

En definitiva, unha comedia moi agradable e intelixente. Na presentación tamén me pareceu escoitar un comentario interesante: semella que Marilyn estaba tamén alcolizada no mundo real, e os tiña absolutamente desesperados, porque lles obrigou a repetir algunha toma moitas veces, polo visto era incapaz de memorizar o seu papel. Pero vaia, non sei canto hai de real ou de moito.

Saúdos.



Mad Max: Furia na estrada

Da saga de Mad Max non vira ningunha completa. Pero polos fragmentos que vin das películas antigas, que xa teñen en torno a 40 anos, sempre tiven ganas de ver algunha, porque semellan interesantes e suxerentes (pero quen sabe, podo estar errado). Ademais, cando hai unha saga, sempre prefiro ver as películas máis antigas (especialmente a primeira), porque suponse que o seu éxito e posible acerto foi a que provocou a existencia da saga posterior.

Nos últimos meses, vin que botaban con insistencia nalgún canal da TDT española unha das últimas películas da saga. Concretamente esta, "Mad Max: Furia na estrada" (en Hispanoamérica "Furia no camiño"). Como non aparecía ningunha das outras, pois probei. Esta foi dirixida en 2015 polo australiano George Miller, que tamén dirixiu as dos anos 80, supoño que é unha das principais referencias do seu traballo. En canto ao elenco, eu só coñecía a Charlize Theron, e moi pouquiño a Nicholas Hoult, que polo visto é unha nova estrela que participou en moitas películas recentes de superheroes, e cousas así, pero ao que eu vin facendo de Jerome David Salinger nun biopic bastante interesante. De Mad Max fai un tal Tom Hardy que a min non me soa de nada, aínda que parece que tamén é unha estrela bastante destacada no cine actual. Pero é que eu aínda non me enterei de moitas desas figuras, non vexo moito cine dos últimos anos.

A historia, en xeral, é bastante plana. Claro, como sempre, hai moito transfondo. Estamos nun mundo futuro case desértico, despois dunha guerra nuclear. A auga e a gasolina son moi escasas e son os bens máis prezados.

Todo xira en torno a un lugar chamado A Cidadela, gobernada tiránicamente por un tipo chamado Immortan Joe, que tasa moitísimo a auga para todos os seus cidadáns, que o adoran e idolatran. Mad Max chega alí apresado polos seus bárbaros policías, como tantos outros. E unha súbdita moi importante de Joe, chamada Furiosa, sae da Cidadela en dirección a outra vila onde hai gasolina, conducindo un camión de guerra blindado e escoltado.

Nun determinado momento, dá un volantazo e xira totalmente de dirección. Por que fai isto tan inesperado? Porque leva ocultas a cinco rapaciñas novas e moi fermosas, que son as esposas de Immortan Joe, que queren escapar da Cidadela, e Furiosa axúdalles no seu obxectivo. Espero que o comentario anterior non soe a machista. Pero é que o contraste é brutal: no mundo que ilustra a película, todo o mundo está deforme, eivado, ten todo tipo de próteses. Pola contra, esas cinco rapazas son novas, parecen perfectamente sanas e desentonan completamente. De feito, creo que son as súas esposas porque pretenden que sexan nais dos sucesores de Joe (que tampouco hai por onde collelo, todo tipo de respiración asistida, próteses, un poema o señor...).

A casualidade fai que nesa caravana vai Mad Max, que consegue liberarse, e se une ás fuxitivas. E a película trata basicamente do camión no que van estas 7 persoas perseguido por unha sarta de bestias que van noutro tipo de vehículos, cadaquén máis salvaxe. Moita explosión, moito choque, en definitiva moita casquería.

Non sei, espero que algunha das primeiras películas da saga, se consigo velas algunha vez, me ofreza algo máis de chicha. De momento, moita pirotecnia pero pouco máis.

Saúdos.



domingo, 23 de maio de 2021

Xela Arias

Este ano, a homenaxeada co Día das Letras Galegas foi Xela Arias, a quinta muller en case 60 anos. Dediquei algún tempiño desta fin de semana, co día da celebración tan cerca, en coñecer algo máis a esta autora, cuxo nome me soaba, pero non coñecía nada da súa vida e a súa obra.

Como todos os anos, aproveitei que nos xornais que me caen máis cerca publicaron suplementos ou monográficos sobre a autora, e linos todos xuntos, para concentrarme mellor e dispersarme menos. Nós Diario publicou un suplemento monográfico dunhas 50 páxinas. Ese outro famoso diario que se di galego publicou un suplemento de 20 páxinas (que substituíu esa semana ao típico suplemento cultural, que só ten 8), e tamén publicaron o típico libriño con biografía e escolma de textos, que neste caso lle encargaron á poeta e profesora Alba Cid.

Ademais pasou algo excepcional coa celebración deste ano. O Día das Letras Galegas é o 17 de maio. No pleno seguinte da Real Academia Galega (normalmente cae a mediados ou finais de xuño) deciden quen é o homenaxeado do ano seguinte. Pero no ano 2020 non puideron facelo, porque a pandemia impediu que se celebraran os típicos actos institucionais da Academia, que realmente para eles é o esencial. Non puideron facelos ata novembro. Moita xente pediu que o homenaxeado do ano 2020, Ricardo Carballo Calero, seguira tamén no 2021, pero en canto a Academia conseguiu dar os seus discursos habituais, xa lles entrou a presa. E en decembro, case no Nadal, decidiron que a homenaxeada deste ano sería Xela Arias. A industria editorial galega que está pendente desa decisión, que normalmente ten case 9 meses para editar as obras sobre a persoa homenaxeada, esta vez tivo que facelo en 4 ou 5. Iso é bastante estrés.

Pero parece que está sendo un grande éxito editorial. Semella que a obra e a imaxe de Xela, unha autora nova con estética roqueira dos 80, está chamando moito a atención, igual que no 2011 pasara con Lois Pereiro. Como autora se dedicou á poesía. Só publicou catro obras nos seus 41 anos de vida. Morreu dun ataque ao corazón repentino e inesperado, cando acaba de publicar o seu cuarto libro e estaba preparando a xira de presentacións. Parece que tamén tivo hepatite C, pero parece que non influíu na súa morte.

Estiven lendo algo da súa obra, e como é habitual coa poesía contemporánea, non conecto o máis mínimo. En xeral, xa me costa, pero é que ademais parece que a de Xela non semella nada doada de asimilar. Estou totalmente de acordo con esa opinión. Pero o importante é que se vaian coñecendo autores e autoras diversos, de diferentes estilos e sensibilidades.

Saúdos.



sábado, 22 de maio de 2021

Star Trek 2009

Pois xa o dicía eu hai pouco. Se volvía cruzarme con outra película da saga "Star Trek", se cadra facía o esforzo de vela, e fíxeno, e sigo dicindo o mesmo. Non son unha marabilla pero entreteñen un lote, que nunca fai mal. Esta que vin onte ten varios títulos posibles. Na cadea de televisión simplemente a anunciaban como "Star Trek", pero na Wikipedia acabo de ver que recibiu títulos como "Star Trek XI", "Star Trek 2009", "Star Trek: un novo comezo" ou "Star Trek: o futuro comeza".

O caso é que non é doado seguir esta saga. Estiven vendo que, sen contar as series de televisión, só as películas, dende 1979 se facía unha nova película da saga cada 2-3 anos, aproximadamente. O lapso máis longo foi de 2002 a 2009. Precisamente nese ano 2009 comezou a que poderíamos coñecer como "nova xeración" desta saga con esta película. O novo director foi J.J. Abrams (que tamén fixo algunha das últimas de Star Wars), e o elenco cambiou por completo. Agora o capitán Kirk é Chris Pine, Spock é Zachary Quinto, Uhura é Zoe Saldaña, Sulu é John Cho, e así sucesivamente. A única reliquia da serie orixinal é Leonard Nimoy, que fai tamén de Spock nun estraño bucle temporal.

Como habitualmente, a trama é complexa, moi maniquea e moi espectacular en efectos dixitais. No pasado, unha nave da Federación ten un moi feo incidente cunha monstruosa nave duns romulanos, que están moi cabreados con Spock (a quen polo visto os da Federación din non coñecer). Esa terrible nave ten uns avances técnicos totalmente descoñecidos para a época que provocan a destrución total da nave da Federación. Claro, cando se ve iso, o normal é estrañarse de que ninguén saiba quen é Spock.

Pero pouco despois enténdese a confusión. Resulta que estes romulanos, por algunha destas cousas fantásticas que pasan nestas tolas películas de ciencia-ficción, cando estaban a piques de ser exterminados, deron un salto atrás no tempo coa avanzada tecnoloxía do seu momento. E iso significa que se meteron na época que non lles correspondía, coa súa nova tecnoloxía, que era moi avanzada para todos os demais, e querían vingarse dun tal Spock, que polo visto era o culpable da súa desgraza, cando ese tal Spock ou non nacera aínda ou o estaba facendo. Así que o lío está servido. De feito, naquela nave destruida da Federación estaba nacendo o capitán Kirk, e escapou da mesma aínda no ventre da súa nai uns minutos antes da destrución.

Pois iso, uns vinte anos despois, Kirk e Spock dirixen a nova nave estrela da Federación, a Enterprise, e volven enfrontarse de novo ao mesmo inimigo, que segue dando a matraca co mesmo tema que antes. Pero agora Spock xa existe, aínda que non pode saber exactamente por que lle culpan de algo que aínda non sucedeu. Por certo, estes romulanos están dirixidos por un tal Nero, protagonizado por Eric Bana. De todo este lío sae o Spock vello, que chega a cruzarse co capitán Kirk nun afastado planeta, e por un momento incluso se cruza co Spock novo (sen comentarios).

O que dicíamos, entretemento pero sen moitas pretensións. Seguramente pique cando apareza outra película da saga.

Saúdos.



A velada de Londres

Acabo de asistir á estrea da obra teatral "A velada de Londres", a cargo da compañía ButacaZero. O director da maioría das obras d...