sábado, 24 de abril de 2021

Speed

O outro día botaban esta película e tiven ganas de vela. Soábame que, ou xa a vira completa, ou vira unha boa parte. Algunhas cousas do final soábanme moito, pero algunhas do principio non, do cal deduzo que a vez anterior debín collela xa comezada. É acción e adrenalina pura estadounidense, desas historias incribles que non pasan en ningún sitio pero alí son factibles, porque están moi chalados.

Foi dirixida en 1994 polo holandés Jan de Bont, que dirixiu moi poucas películas, e todas deste tipo. O protagonismo está repartido entre Keanu Reeves (ten unha forma moi estraña de correr), Sandra Bullock e Dennis Hopper. Hai un reparto coral de secundarios, pero teñen bastante pouca presenza.

Antes de contar a historia, faremos un par de consideracións. Toda a historia xira en torno a un antigo policía, xa xubilado ou algo así, que está moi cabreado por algo que non se aclara pero dá igual, porque nese país xustifican calquera estupidez destas. Por algunha razón, quere que as autoridades lle paguen un rescate de varios millóns de dólares, por algo que só sabe ou entende el. E como non o fan, comeza a cometer atentados, poñer bombas e cousas así. Inexplicable, pero en Yankilandia lles parece lóxico e normal. A outra consideración é que a película ten varias partes (ou sexa, chantaxes do policía chalado). Pero a máis duradeira e que ocupa a maioría da metraxe é a que lembramos todos, a do autobus. Pero antes e despois desa seguía o tipo tocando as narices.

A película comeza coa primeira chantaxe do policía chalado. Nun rañaceos onde está a sede dunha grande empresa, decide poñer unhas bombas nun dos ascensores. Chegan alí os bombeiros e tamén a policía de Los Angeles (por haber bombas) e un mini-comando formado por Keanu Reeves e Jeff Daniels consegue sacar de milagre aos viaxantes no ascensor atacado, xusto antes de que caia. Pero conseguen localizar ao terrorista, que tiña que estar cerca, e enfróntanse a el, que consegue escapar.

Ao tipo, isto non lle fai nada de graza. Pouco máis tarde, ponlle unha bomba a un autobus que vai baleiro e que ía conducido por un colega do policía Jack Traven (Keanu Reeves), colega co que estaba charlando un par de minutos antes. O policía achégase á carreira ao autobus en chamas, no que obviamente é imposible salvar ao conductor. Ao fondo soa unha cabina de teléfono. Ao policía, por algunha estraña razón, se lle ocorre coller o teléfono (non tiña nada mellor que facer nese momento) e, mira ti por onde, era xusto o policía chalado, que sabía que ía contestar. E dille que se iso lle pareceu pouco, hai un autobus na cidade que leva unha bomba posta por el, que se activará cando pase da velocidade de 50 millas por hora, e que estoupará se baixa desa velocidade ou se sacan a alguén do autobus.

Localizan o autobus nunha das ateigadas entradas da cidade, onde se forman continuos atascos. Facendo barbaridades consegue meterse no autobus. E por unha estraña circunstancia, pero común nese país de tolos, o conductor (que ten moita pinta de aborixen australiano) acaba recibindo un disparo, o que obriga a que conduza a partir dese intre unha viaxeira, protagonizada pola moi mona Sandra Bullock. Esta é a parte máis coñecida e extensa da película. Intentan desactivar a bomba meténdose o policía debaixo do autobus, pero está a piques de ser atropelado polo mesmo. Conseguen desviarse para as pistas do aeroporto e alí aminórase o perigo pola baixada de velocidade, porque alí non hai atascos. Descubren que puxera unha cámara dentro do autobus, e por iso sabía todo o que pasaba, e a trucan para que pareza que non se move ninguén, pero realmente conseguen sacar a todos os viaxeiros do autobus, que acaba estrelándose contra un avión que andaba polo aeroporto.

Para intentar pillar ao chalado, organizan unha entrega "falsa" dos cartos, pero o tipo é aínda máis listo ca eles, e fixo un burato por debaixo da papeleira onde había que deixar o paquete. E ese burato leva aos túneles do metro, onde ten lugar a terceira e última parte. Ao final, quedan os tres protagonistas sós nun vagón de metro que vai descontrolado a estrelarse, pero non fai exactamente iso. O chalado morre, pero como hai unha película "Speed 2" (que non vou ver, supoño, ou pode que si), non sei que se inventarían esta vez.

Saúdos.





O golpe

Levan varias semanas botando no espazo de cine clásico da 2 un miniciclo (supoño) sobre Paul Newman. Ou iso me pareceu ver nun anuncio previo. Pero á hora de escribir esta crónica botaron as películas que protagonizou con Robert Redford. Non sei se seguirán así ou haberá outras nas que estea Newman só.

A primeira das que proxectaron foi "O golpe". Foi dirixida por George Roy Hill en 1973, e o protagonismo foi para Paul Newman e Robert Redford como estafadores, e para Robert Shaw como estafado. Pero é unha película moi coral e bastante incrible, porque contratan a un mogollón de estafadores para timar a un tipo, e por unha cantidade que é grande, pero tampouco é para tanto, dada a montaxe.

Os dous protagonistas eran ladróns e estafadores que non se coñecían entre sí. Traballaban no estado de Illinois, pero en diferentes poboacións, e tiñan un amigo común chamado Luther, que foi asasinado polos esbirros dun banqueiro e mafioso chamado Doyle Lonegan. Entón xúntanse para intentar timalo, en homenaxe ao seu amigo.

Chégalles a noticia de que ten costume de xogar unha timba de póker moi potente nun tren. Conseguen billetes para ese tren, e sobornando ao revisor, conseguen que lles consiga unha praza na partida desa noite. Con boas ou malas artes, o ratero protagonizado por Paul Newman consegue desplumar a todos, especialmente ao banqueiro. Este queda escocido, e entón entra en xogo o estafador protagonizado por Robert Redford. Que consegue que pique o cebo, e cítanse para apostar ás carreiras de cabalos uns días máis tarde.

Xa confirmado que o magnate pica, contratan a mogollón de xente para simular que teñen un local de apostas ilegais, alquilan algún local máis, con algún contacto conseguen saber os resultados das carreiras reais e pásanlle os soplos ao magnate para que se confíe. E na farsa final, moi ben orquestrada, sácanlle unha cifra grande, como medio millón de dólares, ou algo así.

Pero o que dicía, en calquera caso, resulta máis que incrible que a tremenda montaxe, na que hai involucradas tantas persoas, non fallara por algures. Pero claro, é cine, a mentira en estado puro.

Saúdos.



Gran Torino

Desta película oín falar moi ben en moitas ocasións nos últimos anos, e o outro día tiven a sorte de que a botaban na 2, sen cortes publicitarios. Da ficha técnica podemos dicir que foi dirixida e protagonizada en 2008 por Clint Eastwood (o resto do elenco é moi pouco coñecido, polo menos para min), que nos últimos anos está facendo moitas películas moi valiosas cunha sensibilidade que non se lle coñecía.

Clint Eastwood encarna a Walt Kowalski, un vello cascarrabias e moi repunante ao que lle acaba de morrer a súa esposa, que era crente moi relixiosa, a diferenza del. Os seus fillos e netos apenas teñen contacto con el, porque é moi desagradable no trato con todo o mundo, e só están intentando quedarse cos seus bens cando chegue a súa morte, que non semella moi lonxana.

Por se non chegara con iso, vive nunha pequena poboación no medio Oeste estadounidense, na que cada vez hai menos brancos e máis asiáticos, e tamén algunha persoa doutras razas, como hispanos ou negros, pero principalmente asiáticos, aos que Walt non soporta, e trata con desprezo. Ou sexa, unha vida moi alegre e un tipo do máis agradable.

Xusto ao seu carón vive unha familia de asiáticos, da etnia "mong". Por un casual, el entra en contacto coa filla da familia, culta e sociable, que non lle importa que Walt se meta con eles. Ten un irmán máis pequeno, chamado Thao, que é moi sensible e que non socializa apenas cos demais, e moito menos con unha banda de asiáticos que merodea polo barrio intentando impoñer as súas andanzas.

Pero eles fíxanse nel e o presionan para que se integre na banda. Moi en contra dos seus intereses, el intenta facelo, suponse que sobre todo por librarse deles. E a banda pídelle que lle roube ao seu veciño Walt un coche fantástico que ten gardado no garaxe, un Ford Gran Torino dos anos 70. Walt traballou nesa fábrica e despreza a un dos seus fillos por vender coches xaponeses.

O rapaz intenta roubar o coche, pero obviamente fracasa, porque ten moi poucas luces, e aínda menos para roubar coches. Walt píllao "in fraganti". Pouco despois, os da banda veñen á casa dos veciños para intentar render contas do roubo frustrado, e Walt defende a todos cunha escopeta.

E aí dá o xiro a película. A familia asiática comeza a apreciar e venerar a Walt (para a súa sorpresa) e, como pago por salvar a Thao, deixan que faga uso dos seus servizos durante varias semanas, nos que fan reparacións nas casas veciñas, e cousas parecidas que reconcilian a todo o barrio.

Pero os da banda non están dispostos e seguen presionando, meténdose con Walt e coa familia asiática, porque eles queren dominar o barrio. O sacerdote do barrio e a familia son conscientes de que a cousa se está quentando e pode acabar moi mal. E efectivamente é así, pero como o final é bastante sorprendente e a película non ten moitos anos, non volo contarei.

Interesante película. Insisto, Eastwood, ao que eu e moitos tiñamos catalogado como dereitoso ou fachoso, estase destacando nos últimos anos por películas ben curiosas como esta ou "Million dollar baby", que chaman bastante a atención polos seus valores e xiros argumentais.

Saúdos.



domingo, 18 de abril de 2021

O sarxento negro

Oín falar moito e moi ben desta película dirixida en 1960 por John Ford. Así que, como a botaban un domingo pola tarde, nin o dubidei. Os dous actores máis salientables e lembrados da película son Jeffrey Hunter e Woody Strode. Woody Strode foi un atleta e xogador de fútbol americano, pero no ano 1960 participou nesta película e en "Espartaco" de Stanley Kubrick, así que naquel momento tamén era unha estrela de cine, pero tiña xa case 50 anos. Xa temos falado aquí da mala sorte de Jeffrey Hunter, que nos anos 50 ía para super-estrela. Protagonizou xunto a John Wayne "Centauros do deserto", e tamén fixo "Rei de Reis" como Xesucristo e esta película. Pero na década dos 60 non tivo tanta sorte e no ano 69 morreu debido a unha sucesión de estraños accidentes en rodaxes.

Tamén poderíamos falar bastante sobre o título da película. O orixinal era "Sarxento Rutledge", que foi o que se usou en case toda Hispanoamérica. En España decidiron convertelo en "O sarxento negro", que non é moi fiel, pero tampouco desvirtúa moito o tema da mesma. Pero en Arxentina decidiron titulala "Capitán Búfalo". Podería parecer un disparate, pero tampouco o é tanto, porque a canción principal da película (escóitase no vídeo que puxen abaixo) titúlase así e fala dese sarxento de modo épico. E acabo de alucinar ao ler que a canción "Buffalo soldier" de Bob Marley refírese ao Noveno Reximento da Cabaleiría, que estaba formado por negros, e que protagoniza esta película.

A historia da película é ben interesante. Está ambientada no Oeste estadounidense na época típica de mediados do século XIX, pero ten pouco que ver coas historias habituais deste xénero. Ten algo da loita contra os indios, pero pouco, é unha película sobre un xuízo militar, e ao mesmo tempo tócase a diferenza racial, entre brancos e negros (que neste xénero case nunca aparecía), e algo tamén cos indios, obviamente.

Todo comeza cando, nun forte militar, aparece morto dun disparo un alto mando e a súa filla aparece tamén morta e violada na habitación contigua. Algúns testigos afirman ter escoitado uns disparos, e a continuación ver como fuxía malferido desa casa o Sarxento Rutledge (protagonizado por Woody Strode), que era un militar negro considerado exemplar ata aquel momento.

A estrutura da película, polo visto, foi moi novidosa no seu momento. O elemento central era o xuízo militar para intentar aclarar a verdade (aínda que case todos daban como culpable ao sarxento, obviamente), e cando ían saíndo a declarar os diferentes testigos, facíase un "flashback" para ilustrar a súa testemuña. Dese xeito íase construíndo a historia. O avogado defensor era o Teniente Cantrell (Jeffrey Hunter) que loitaba contra un agudo fiscal. Polo que parece, o defensor non sabía quen era o culpable, pero semellaba ter claro que non era o sarxento sospeitoso.

Non me vou extender moito contando a historia, porque é bastante complexa e é unha película moi interesante de ver, pero si direi que me chamou a atención da presenza do Noveno de Cabaleiría, formando exclusivamente por negros, e que cubría aquela zona. Eran bastante ben considerados, sobre todo algúns soldados, pero claro, eran negros, así que o xen racista que tiñan e aínda teñen moitos estadounidenses brancos non o podían ocultar facilmente. E ademais estaban tamén algúns indios con algunhas batidas e ataques algo inesperados que aínda lían máis a cousa. Só direi que a historia dá un xiro bastante sorprendente nos últimos minutos, o que lle dá aínda máis interese.

Saúdos.



sábado, 17 de abril de 2021

A muller da montaña

Hai uns días, nas televisións xeralistas españolas que non son de pago puxéronse de acordo en programar moi bo cine e pasei unha boa fin de semana. Algunhas desas películas eran, en maior ou menor medida, famosas e coñecidas. Pero na 2 botaron unha desas rarezas que alí son bastante habituais, pero que me chamaron a atención. Era unha película islandesa, e penso que foi a primeira vez na miña vida que vin unha película feita nese país. Que eu lembre, o único que coñezo de Islandia no eido cultural é Bjork.

Darei unha pequena ficha técnica, pero todo isto que vou mencionar é totalmente novo para min. A película é unha coprodución entre Islandia, Ucrania e Francia. O dos dous primeiros países enténdese, cando saibades de que vai a historia, a presenza de Francia non a vin, pero será a nivel económico, ou algo así. Foi dirixida en 2018 por Benedikt Erlingsson e a protagonista principal é Halldóra Geirharðsdóttir. Obviamente, estas dúas persoas son estrelas do cine islandés, especialmente a actriz, pero aquí non tiñamos nin idea. E como algo exótico, aparece un actor hispano nun papel moi secundario, chamado Juan Camilo Román Estrada, pero na súa ficha en Filmaffinity só aparecen dúas películas dirixidas por este mesmo director, islandesas as dúas, obviamente. 

Imos coa curiosa historia, que xira totalmente en torno a Halla, profesora de canto (parece ganarse a vida con iso) que é unha activista ambiental moi preocupada polo impacto dunha fábrica de aluminio da empresa Río Tinto. Tan preocupada está, que de cando en vez, de forma totalmente solitaria, comete actos de sabotaxe eléctrica na que ataca a torres de alta tensión na zona rural de Islandia, e que cortan a alimentación eléctrica da planta de aluminio, coas consecuencias que iso ten. É unha persoa buscada polas autoridades e a piques están de collela nalgunha ocasión, pero sempre consegue escapar. E obviamente non saben quen é esa "terrorista" (seguramente non saben que é unha muller). Incluso atrévese a difundir un manifesto que acaba asinando como "A muller da montaña".

Pero esa historia crúzase con outra ben curiosa. É unha muller solteira, duns 50 anos, e hai xa tempo iniciou os trámites para adoptar a unha nena ucraniana, pero como o tema non avanzaba, xa o tiña totalmente esquecido. Pero xusto agora a avisan de que lle concederon esa adopción e en cuestión de semanas terá que viaxar a Ucrania a buscar á nena, da que xa ten nome, fotos e algo da súa historia.

Por se non chegara con iso, ten unha irmá xemelga que é profesora de ioga e que ten uns intereses na vida totalmente diferentes aos dela. Incluso lle inflúe porque ía ser a titora suplente da nena ucraniana, pero tamén neste momento lle di que vai ir dous anos a un mosteiro budista en Oriente, e iso fai todo máis difícil.

A película é recente, está moi ben, así que non vos vou contar o sorprendente final, porque os últimos 10 minutos son apoteósicos e rematan dun xeito bastante inesperado (e aberto).

Saúdos.



mércores, 14 de abril de 2021

Saxo tenor

Sigo avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, que publicaron no ano 2002. O outro día lin o volume 80 da colección, que ten 120 libros. Xa falta menos.

Nesta ocasión tocoulle a quenda a "Saxo tenor", obra de teatro de Roberto Vidal Bolaño. Creo que a súa traxectoria foi moi longa e prolífica, e non sei se esta pode considerarse a súa mellor obra ou unha das mellores, pero o caso é que a escolleron para esta colección.

O estraño título débese a que todo o suceso xira en torno á razón pola cal un determinado rapaz intentou mercar ou roubar (que non está nada claro) un saxo tenor, que polo visto lle gustaba moito, porque quería ser músico de jazz.

O caso é que ao rapaz o matan. E alí se xuntan, dunha banda, xente do barrio marxinal no que foi asasinado, que era por onde rondaba nos últimos tempos, e xa fixera certas amizades. E da outra banda, aparecen os seus pais, que había tempo que non tiñan contacto con el, e non entenden por que estaba nese ambiente marxinal. A nai ten unha visión moi diferente da que ten o pai.

Non está mal, pero como sempre que falamos de teatro, é mellor velo en escena que lelo, obviamente.

Saúdos.



martes, 13 de abril de 2021

Tesis

A verdade é que xa nin a lembraba. Pero o outro día botaban na 2 "Tesis", a primeira película dirixida por Alejandro Amenábar, e decidín vela. Porque lembraba que me gustara moito no seu día. E así foi. Como dicía Eduardo Noriega no coloquio posterior, e estou totalmente de acordo con el, non envelleceu nada mal. Está claro que o detalle tecnolóxico de que na película se estean vendo continuamente cintas de vídeo VHS agora chirría un pouco, pero quitando iso, penso que segue sendo moi visible. É do ano 1996, José Luís Cuerda é un dos produtores e aparece como super-secundario en varias escenas. E todo o protagonismo é para Ana Torrent, Fele Martínez e Eduardo Noriega, aínda que Xabier Elorriaga tamén ten un papel destacado na historia.

Por se non a vistes, Ángela (Ana Torrent) é unha estudante de Ciencias da Comunicación que está facendo unha tese sobre a violencia audiovisual e as súas razóns e motivacións. O seu director de tese intenta conseguirlle un material sobre o tema na facultade, e non se sabe moi ben como, consegue un de primeira calidade, tanta, que morre dun infarto mentres o visualiza. E ela consegue ese material case de casualidade.

Contacta con Chema (Fele Martínez), que é coñecido na facultade como un friki ao que lle interesan moito ese tipo de cousas. Amósalle a cinta que provocou a morte do seu director de tese, e descubren que é unha "snuff movie", unha película onde se amosan asasinatos e asaltos reais, e que son moi valoradas no submundo que poboan os trastornados que buscan ese tipo de material.

Xuntos, por varios indicios, comezan a sospeitar que Bosco (Eduardo Noriega) está implicado no asasinato da moza que aparece na cinta, que desapareceu hai uns anos, e que era alumna desa mesma facultade.

Un ritmo trepidante lévanos cara ao final cuns xiros de guión e sorpresas bastante interesantes para ser unha película española de 1996 dirixida por un rapaz de vintepoucos anos, que aínda non rematar a carreira. Se non a vistes aínda, non a perdades. Isto serviume para lembrar que Alejandro Amenábar é un dos personaxes máis interesantes das últimas décadas do cine español, con diferenza.

Saúdos.





A velada de Londres

Acabo de asistir á estrea da obra teatral "A velada de Londres", a cargo da compañía ButacaZero. O director da maioría das obras d...