sábado, 24 de abril de 2021

Speed

O outro día botaban esta película e tiven ganas de vela. Soábame que, ou xa a vira completa, ou vira unha boa parte. Algunhas cousas do final soábanme moito, pero algunhas do principio non, do cal deduzo que a vez anterior debín collela xa comezada. É acción e adrenalina pura estadounidense, desas historias incribles que non pasan en ningún sitio pero alí son factibles, porque están moi chalados.

Foi dirixida en 1994 polo holandés Jan de Bont, que dirixiu moi poucas películas, e todas deste tipo. O protagonismo está repartido entre Keanu Reeves (ten unha forma moi estraña de correr), Sandra Bullock e Dennis Hopper. Hai un reparto coral de secundarios, pero teñen bastante pouca presenza.

Antes de contar a historia, faremos un par de consideracións. Toda a historia xira en torno a un antigo policía, xa xubilado ou algo así, que está moi cabreado por algo que non se aclara pero dá igual, porque nese país xustifican calquera estupidez destas. Por algunha razón, quere que as autoridades lle paguen un rescate de varios millóns de dólares, por algo que só sabe ou entende el. E como non o fan, comeza a cometer atentados, poñer bombas e cousas así. Inexplicable, pero en Yankilandia lles parece lóxico e normal. A outra consideración é que a película ten varias partes (ou sexa, chantaxes do policía chalado). Pero a máis duradeira e que ocupa a maioría da metraxe é a que lembramos todos, a do autobus. Pero antes e despois desa seguía o tipo tocando as narices.

A película comeza coa primeira chantaxe do policía chalado. Nun rañaceos onde está a sede dunha grande empresa, decide poñer unhas bombas nun dos ascensores. Chegan alí os bombeiros e tamén a policía de Los Angeles (por haber bombas) e un mini-comando formado por Keanu Reeves e Jeff Daniels consegue sacar de milagre aos viaxantes no ascensor atacado, xusto antes de que caia. Pero conseguen localizar ao terrorista, que tiña que estar cerca, e enfróntanse a el, que consegue escapar.

Ao tipo, isto non lle fai nada de graza. Pouco máis tarde, ponlle unha bomba a un autobus que vai baleiro e que ía conducido por un colega do policía Jack Traven (Keanu Reeves), colega co que estaba charlando un par de minutos antes. O policía achégase á carreira ao autobus en chamas, no que obviamente é imposible salvar ao conductor. Ao fondo soa unha cabina de teléfono. Ao policía, por algunha estraña razón, se lle ocorre coller o teléfono (non tiña nada mellor que facer nese momento) e, mira ti por onde, era xusto o policía chalado, que sabía que ía contestar. E dille que se iso lle pareceu pouco, hai un autobus na cidade que leva unha bomba posta por el, que se activará cando pase da velocidade de 50 millas por hora, e que estoupará se baixa desa velocidade ou se sacan a alguén do autobus.

Localizan o autobus nunha das ateigadas entradas da cidade, onde se forman continuos atascos. Facendo barbaridades consegue meterse no autobus. E por unha estraña circunstancia, pero común nese país de tolos, o conductor (que ten moita pinta de aborixen australiano) acaba recibindo un disparo, o que obriga a que conduza a partir dese intre unha viaxeira, protagonizada pola moi mona Sandra Bullock. Esta é a parte máis coñecida e extensa da película. Intentan desactivar a bomba meténdose o policía debaixo do autobus, pero está a piques de ser atropelado polo mesmo. Conseguen desviarse para as pistas do aeroporto e alí aminórase o perigo pola baixada de velocidade, porque alí non hai atascos. Descubren que puxera unha cámara dentro do autobus, e por iso sabía todo o que pasaba, e a trucan para que pareza que non se move ninguén, pero realmente conseguen sacar a todos os viaxeiros do autobus, que acaba estrelándose contra un avión que andaba polo aeroporto.

Para intentar pillar ao chalado, organizan unha entrega "falsa" dos cartos, pero o tipo é aínda máis listo ca eles, e fixo un burato por debaixo da papeleira onde había que deixar o paquete. E ese burato leva aos túneles do metro, onde ten lugar a terceira e última parte. Ao final, quedan os tres protagonistas sós nun vagón de metro que vai descontrolado a estrelarse, pero non fai exactamente iso. O chalado morre, pero como hai unha película "Speed 2" (que non vou ver, supoño, ou pode que si), non sei que se inventarían esta vez.

Saúdos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...