sábado, 24 de abril de 2021

Gran Torino

Desta película oín falar moi ben en moitas ocasións nos últimos anos, e o outro día tiven a sorte de que a botaban na 2, sen cortes publicitarios. Da ficha técnica podemos dicir que foi dirixida e protagonizada en 2008 por Clint Eastwood (o resto do elenco é moi pouco coñecido, polo menos para min), que nos últimos anos está facendo moitas películas moi valiosas cunha sensibilidade que non se lle coñecía.

Clint Eastwood encarna a Walt Kowalski, un vello cascarrabias e moi repunante ao que lle acaba de morrer a súa esposa, que era crente moi relixiosa, a diferenza del. Os seus fillos e netos apenas teñen contacto con el, porque é moi desagradable no trato con todo o mundo, e só están intentando quedarse cos seus bens cando chegue a súa morte, que non semella moi lonxana.

Por se non chegara con iso, vive nunha pequena poboación no medio Oeste estadounidense, na que cada vez hai menos brancos e máis asiáticos, e tamén algunha persoa doutras razas, como hispanos ou negros, pero principalmente asiáticos, aos que Walt non soporta, e trata con desprezo. Ou sexa, unha vida moi alegre e un tipo do máis agradable.

Xusto ao seu carón vive unha familia de asiáticos, da etnia "mong". Por un casual, el entra en contacto coa filla da familia, culta e sociable, que non lle importa que Walt se meta con eles. Ten un irmán máis pequeno, chamado Thao, que é moi sensible e que non socializa apenas cos demais, e moito menos con unha banda de asiáticos que merodea polo barrio intentando impoñer as súas andanzas.

Pero eles fíxanse nel e o presionan para que se integre na banda. Moi en contra dos seus intereses, el intenta facelo, suponse que sobre todo por librarse deles. E a banda pídelle que lle roube ao seu veciño Walt un coche fantástico que ten gardado no garaxe, un Ford Gran Torino dos anos 70. Walt traballou nesa fábrica e despreza a un dos seus fillos por vender coches xaponeses.

O rapaz intenta roubar o coche, pero obviamente fracasa, porque ten moi poucas luces, e aínda menos para roubar coches. Walt píllao "in fraganti". Pouco despois, os da banda veñen á casa dos veciños para intentar render contas do roubo frustrado, e Walt defende a todos cunha escopeta.

E aí dá o xiro a película. A familia asiática comeza a apreciar e venerar a Walt (para a súa sorpresa) e, como pago por salvar a Thao, deixan que faga uso dos seus servizos durante varias semanas, nos que fan reparacións nas casas veciñas, e cousas parecidas que reconcilian a todo o barrio.

Pero os da banda non están dispostos e seguen presionando, meténdose con Walt e coa familia asiática, porque eles queren dominar o barrio. O sacerdote do barrio e a familia son conscientes de que a cousa se está quentando e pode acabar moi mal. E efectivamente é así, pero como o final é bastante sorprendente e a película non ten moitos anos, non volo contarei.

Interesante película. Insisto, Eastwood, ao que eu e moitos tiñamos catalogado como dereitoso ou fachoso, estase destacando nos últimos anos por películas ben curiosas como esta ou "Million dollar baby", que chaman bastante a atención polos seus valores e xiros argumentais.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...