venres, 12 de decembro de 2025

Tarzán e os cazadores

E xa que conseguín ver algunha das películas clásicas de Tarzán, intereseime máis polo personaxe. Aínda que (para min) o actor máis identificable nese papel é o de Johnny Weismuller, cónstame que moitos outros tamén o intentaron. Soábame que outro dos que tivera máis éxito foi un tal Gordon Scott, e tiña certo interese en ver algunha das súas películas, así que animeime coa que foi máis doada de atopar en Youtube.

"Tarzán e os cazadores" foi dirixida entre 1958 e 1960 (non está moi claro, polo visto) por Charles Haas e Sandy Howard (e parece que tamén houbo algún director máis sen acreditar). Recoñezo que non me soa de nada ningún deles. O actor principal obviamente é Gordon Scott. Como secundarios, están outros actores e actrices que non me soan absolutamente de nada, como Eve Brent, Rickie Sorensen, Leslie Bradley ou Maurice Marsac.

De novo, a trama é ben simple. Hai un negociante local de África que acompaña a cazadores furtivos que pretenden cazar a animais para zoos occidentais. Obviamente, Tarzán está en contra e conxúrase para que sexan apresados. Polo tanto, pouco despois aparece o irmán do primeiro cazador, que agora vén coa intención de vengar ao seu irmán e ademais cazar a Tarzán, para rematar coa súa ameaza. Pero xa podedes imaxinar o final.

Polo visto, había un grupo de puristas que adoraban as películas clásicas de Weismuller e despreciaban todos os intentos posteriores, como este. Certo é que as películas antigas tiñan se cadra un certo maior encanto, pero tampouco eran grandes marabillas. A min esta pareceume bastante mediocre, pero nada moi diferente ás anteriores.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...