Xa non me falta por ver demasiadas películas da saga de 14 que nos anos 40 rodaron na Universal sobre o personaxe de Sherlock Holmes. Como xa dixen aquí, resúltanme moi agradables de ver. Con esta pasoume algo curioso. Como son películas breves (nunca duran máis de 70 minutos), animeime a vela un xoves pola noite, a última hora. Non me notaba eu demasiado canso, pero o caso é que quedei durmido mentres a veía, a pesar de que era moi interesante. Tiven que vela completa ao día seguinte, xa máis fresco, e comprobei que só vira o día anterior os 25 ou 30 primeiros minutos. E por outra banda, non me preguntedes por que razón o título da película é "Vestida para matar" porque non ten demasiada relación co tema. O único que podería ser é que a lideresa do grupo de delincuentes se disfraza nalgunha ocasión, pero máis ben para roubar, e que a súa intención basicamente é roubar, non matar, pero non me parece unha elección moi acertada.
"Vestida para matar" foi dirixida, como case sempre, por Roy William Neill en 1946 (creo que foi a última da saga, se non me equivoco). No elenco destacaban obviamente Basil Rathbone e Nigel Bruce, nesta ocasión acompañados por Patricia Morison, Edmund Breon e Frederick Worlock.
A trama é ben curiosa. Nun cárcere, todos os anos, hai algúns reclusos que elaboran caixas de música que despois se entregan a unha casa de subastas para que as vendan ao mellor postor. A unha prestixiosa casa de subastas chegan tres desas caixas, que son vendidas a tres persoas diferentes por prezos bastante baixos. Pouco despois da subasta, chega un tipo algo sospeitoso a esa casa para preguntar polo paradeiro dos tres compradores, e danlle eses datos despois dun pequeno soborno.
Por diferentes medios conseguen dúas desas caixas, unha por un roubo e outra por un asasinato. O home asasinado era amigo de Watson, e o día anterior da súa morte contáralles a Watson e Holmes o estraño caso de que entraran na súa casa para roubar algo da súa fantástica colección de caixas de música, pero só levaron unha moi perralleira. Ao día seguinte descubren que cando o asasinaron levaron outra moi similar.
Isto activa a Holmes, que consegue a segunda desas caixas, e intenta descubrir por que son tan importantes para alguén. Coa axuda dun colega seu que é músico, descubre que as tres caixas tiñan a mesma canción, non moi coñecida, pero con pequenas variantes, que foron erros metidos a propósito polo seu creador para transmitir algunha mensaxe.
Ao final descubren que o recluso que facía as caixas participara uns anos antes no roubo dunhas planchas para facer billetes do Banco de Inglaterra. E mediante esas variacións na melodía estaba dicíndolle aos seus colegas (dunha forma moi orixinal), onde deixara escondidas esas planchas. Pero Holmes é máis listo e conseguen chegar xusto a tempo de frustrar ese novo roubo.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario